Etiquetas de Mautic

Triunfos de Amador Pena, Nuno Costa e Julia Vaquero nunha fermosa fin de semana

  • Os nosos atletas coparon o podio das probas nas que participaron
  • Dobrete de vitorias en Cee, con Amador Pena, na carreira absoluta, e Yago Iglesias, en sub18
  • Triunfo de Nuno Costa na Popular de Leiro e 2o posto por equipos da SD Compostela Atletismo

Dúas probas deportivas centraron a atención dos atletas da SD Compostela Atletismo a pasada fin de semana. Dende a vila costeira de Cee ata o interior da provincia ourensá, en Leiro, un bo número de corredores defenderon a camisola branquiazul, no asfalto primeiro e no máis alto do podio despois.

Amador Pena foi o vencedor da proba 10K Carreira Pedestre Concello de Cee e atesoura o título desta proba nocturna por terceira vez consecutiva. O tempo no que Amador completou os algo máis de dez quilómetros da carreira foi de 33:45. Por detrás do míster chegaron: Manuel Castiñeiras (M19), Elena Veres (F6), Roi Manoel García (M85), Juan Luis Botana (M114) e Nuria Mejuto (F17). Angel viuse obrigado a abandonar a proba tras sentir molestias no xeonllo logo dos primeiros quilómetros.

O noso atleta xuvenil Yago Iglesias foi o máis rápido da proba 3K na súa categoría, cun tempo de 11:00. María de la Barca Toba tamén subiu a podio nos 3K logo de chegar a meta en 13:11.

Completaron a participación da SD Compostela Atletismo en Cee os atletas: Nicolás Iglesias (M5), María Tarrío (F6) e Malena Amigo (F21 en categoría absoluta, Iago Fernández en Cadete e Ariana Iglesias en Alevín.

A Carreira Popular de Leiro encumbrou á SD Compostela Atletismo no 2o posto por equipos logo dunha magnífica carreira dos atletas do club. Nuno Costa foi intratable e levou a vitoria, con 23 segundos de distancia sobre o segundo clasificado. Amador Pena e Alejandro Montero completaron o top-10, chegando en 6o (MASBM-2) e 10o lugar (SNM-4), respectivamente. Sindo González (M38), Manuel Castiñeiras (M39), Jordi Carrasco (M44) e Fernando Paz (M97) fixeron tamén
posible que o noso club levara a medalla de prata na clasificación por equipos. Na proba dos 5K, Emilio García fixo un tempo de 17:30 (M4) e recibiu premiación como 2o da súa categoría Máster2.

Para finalizar esta fantástica xornada deportiva, Julia Vaquero levou o triunfo da categoría W50 na proba celebrada en Ciudad Real YUGO 10K Socuéllamos, que a nosa atleta completou en 41:43; e Juan Luis Amigo estivo en Cuntis, nos 25K do Trail Vila de Cuntis, que lle levou 3:00:08 (Vet11).