


Achegámonos paseniñamente ao verán, e iso nótase no tempo que vai acompañando aos nosos atletas nas súas probas deportivas. Esta foi unha fin de semana solleira que trouxo consigo unha chea de citas en pista, asfalto e area, pero sobre todo trouxo boas novas para o noso club: Nuno Costa levou a vitoria na Carreira Popular Concello de Ordes e Amador Pena foi 3o clasificado, mentres que Paula Fernández proclamouse campioa provincial Sub-14 de Obstáculos con ría e Lucía Taboada obtivo o 3o posto.
O venres dous dos atletas máis novos da SD Compostela Atletismo participaron no I Meeting Sub 8, Sub10 e Sub 12 de Oleiros. Alex Pena e Daniela Gil representaron as cores branquiazuis nunha serie de probas en pista e deron boa conta da súa progresión a presente temporada. Alex Pena participou nos 1000m e Pelota e Daniela Gil estivo nos 2000m, 50m e Peso.
O sábado, de novo na pista de Oleiros, celebrouse o Campionato Provincial Escolar de categoría Infantil e probas combinadas Benxamín e Alevín. Alí estiveron: Diego Muñiz: 80m e 500m; Paula Fernández: 1000m Obstáculos con ría, proba na que foi campioa provincial Sub14; Lucía Taboada: 1000m Obst. Con ría (3a Sub-14); e Daniela Gil: Triatlón (50m, Lonxitude e Peso)
Para rematar as probas deportivas en pista, no I Control Federado de Marcas celebrado o domingo en Noia tivemos a Hugo Otero (400m e Lonxitude), Xoel Otero (500m Sub12 e Lonxitude Sub12), Hugo García (500m Sub12 e Lonxitude Sub12), Yago Iglesias (1500m), Iara Torres (500m Sub12 e Lonxitude) e Ariana Iglesias (500m Sub12).
O fermoso paraxe da praia de Carnota foi escenario da celebración do 6o evento do Circuíto de carreiras Correndo pola Costa da Morte. Unha proba moi dura, cun percorrido que atravesou o areal do Concello, e que reuniu a varios dos nosos atletas absolutos que, tras seis probas do circuíto, van despuntando na clasificación xeral. Yago Iglesias resultou vencedor da proba na categoría Xuvenil e María Tarrío repetíu como 3a clasificada absoluta dos 3K (14:16). Tamén participaron na distancia curta: Nicolás Iglesias (M6), Antía Botana (F9) e María Elena Amigo (F26). Na distancia longa dos 10K, o escudo da SD Compostela Atletismo estivo representado por Manuel Castiñeiras, Ángel García e Juan Luis Botana. Ademais das probas absolutas, en categoría Alevín, correu a nosa Ariana Iglesias.
O domingo foi a quenda para os máis de 20 atletas da SD Compostela Atletismo inscritos na Carreira Popular Concello de Ordes. Un circuíto moi esixente, de 8 quilómetros e medio con variacións de terreo e sendeiros con desnivel para rematar nunha lixeira costa abaixo final moi explosiva. Gañou Nuno Costa, cun tempo de 27:50, ao que seguiu, entrando en terceira posición, Amador Pena (29:52).
Por detrás deles chegarían Daniel García e Lennon Almeida. Elena Veres foi a terceira muller en atravesar a liña de meta, cun tempo de 37:47, seguida dos nosos atletas Sindo González, Manuel Castiñeiras, Fernando Paz, Roi García, Juan Luis Amigo, Alberto Carrillo, Nuria Mejuto, Ignacio Diéguez, Jesus Manuel Baña, Francisco Pena e Silvia Fernández. En categorías escolares estiveron: África Gil, Marcos Barcala, Irene Leis, Martina Rodríguez, Clara Leis, Sofía Suárez, Daniela Gil, Elba Carrillo e Álex Pena.
A excelente participación dos atletas branquiazuis fixo posible que a SD Compostela Atletismo conseguira a premiación como mellor equipo da Carreira Popular Concello de Ordes.Tamén houbo representación da SD nas probas celebradas en Marín e Vila de Cruces. Na I Edición Carmiña Carreira a nosa atleta Martina López obtivo a 5a posición da categoría e
Fernando Casal foi 5o do grupo Veteranos na Carreira O Galo Corre.
A próxima fin de semana volveremos reunirnos e participar en probas como a Carreira Pedestre Concello de Oroso, a clásica «Os 21 do Camiño» e probas en pista para diferentes idades.