Etiquetas de Mautic

O Arteal SD Compostela, subcampión da Superdivisión de Tenis de Mesa

Os compostelanistas caeron 3-0 contra o Borges e non puideron obrar a remontada

Non puido ser. O ARTEAL SD COMPOSTELA tívose que conformar co subcampionato de liga tras caer o pasado sábado no partido de volta da final dos playoff da Superdivisión masculina contra o Borges Vall por 3-0.

Os composteláns viaxaban a Lleida coa obrigación de gañar para poder compensar o resultado da ida (2-4), pero non foi posible. O duelo comezaba cun cambio no trío dos composteláns, debido a que Enio arrincaba como número 2, André como 1 e Humberto como 3.

Empezaba o encontro co enfrontamento entre o sueco Viktor Brodd e Enio Mendes. O do Arteal comezaba xogando moi ben e lograba impoñerse no primeiro set por 7/11, aínda que a reacción de Brodd non se facía esperar e gañaba os dous seguintes: o segundo de forma clara 11/3 e o terceiro por un axustado 11/9. Enio non cedía e apuntábase o cuarto por 8/11, polo que todo se decidiría no quinto. O compostelanista arrincaba cunha clara vantaxe de 3/7, pero aos poucos o local lograba acurtar distancias ata o empate a noves, en parte favorecido por unha bóla na esquina e outra na rede. Con todo no aire, Enio fallaba un remate fácil e finalmente perdía por 11/9, nun duelo que se achegou á hora de duración (1-0).

O segundo punto tiña como protagonistas a Joan Masip e André Silva. O primeiro set era totalmente igualado, mesmo con bóla de set para o compostelán, pero finalmente impoñíase no desempate o local por 15/13. Despois do descanso, André melloraba e dominaba con claridade, gañando os dous seguintes sets por 6/11 e 4/11. Con todo, nun cuarto parcial de novo igualado, no que André dispuxo de bóla de partido, Masip impoñíase no desempate por 13/11.

Xa no quinto, Masip tomou vantaxe 4/1, o que obrigou a André a pedir un tempo morto. Logrou remontar, pero finalmente perdía por 11/8 (2-0).

A pesar de rozar a vitoria por dúas veces, senllas derrotas complicaban complicaban moito as cousas para os intereses do Arteal antes do terceiro partido, xa que tiña que gañar todo o que quedaba. Ese terceiro duelo enfrontaba a Marc Durán, actual campión de España, e a Humberto.

Comezaba moi ben o xogador do Arteal, sempre por diante, chegando ao final do set con 8/10, pero non pechaba o mesmo e perdía no desempate por 12/10. O segundo o xogo era moi igualado e Humberto lograba a vitoria por 9/11, pero Marc, animado polo seu público, saía no terceiro moito máis agresivo e impoñíase por 11/6. E o cuarto, novamente igualado, tamén caía para Marc por 11/8 (3-0).

Con ese resultado, o Borges asegurábase o título de liga, polo que o último partido xa non se xogaba, evitando posibles lesións, xa que o Arteal aínda ten pendente a súa participación na fase final da Europa Trophy, a mediados do mes de xuño.

O balance da tempada para o conxunto galego non pode ser máis positivo, xa que suma unha medalla de bronce na Copa do Rey, finalista na liga e clasificado para a fase final da Europa Trophy.