Etiquetas de Mautic

Mateo Lois, subcampión galego en categoría Alevín e Infantil

O xogador do Arteal conseguiu catro metais na cita de Zas

A pasada fin de semana disputouse na localidade de Zas os campionatos das categorías inferiores de Tenis de Mesa, onde uns catrocentos deportistas competiron na pista baixo a mirada dunhas bancadas con gran afluencia de público.

Na cita, o xogador do Arteal Mateo Lois foi un dos grandes triunfadores da fin de semana, sorprendendo na xornada do sábado e obtendo o subcampionato en categoría Infantil con tan só 11 anos, catro menos que os seus opoñentes.

Xa en grupos derrotou 3-0 a Xoan Vila do CTM Narón permitíndolle un primeiro cruzamento máis alcanzable. En cuartos de final, cruzouse co número dous da clasificación, e gran favorito, Andrés Castro (Vilagarcía TM), pero desde o principio Mateo Lois impuxo o seu ritmo de xogo e en todo momento foi por diante no macador sen deixar opcións ao seu opoñente. En semifinais tiña enfronte a Lei Chen e nun axustado duelo logrou clasificarse para a final (3-2). Non puido dar a badalada final, xa que a pesar de empezar gañando e sorprendendo a Martín García, do CTM, acabou cedendo ante a maior experiencia e recursos do ferrolán, varios anos maior.

Pola súa banda, en Dobres, a parella do Arteal formada por Pedro Lois e Mateo Lois levaron a medalla de bronce en Infantís, mentres que en Alevíns, o propio Mateo Lois xunto a Berto García conseguiu o mesmo metal.

A última medalla conseguida polos santiagueses foi na proba Alevín Individual, onde gañou Sasha Malov, do Oroso, impoñéndose nunha gran final a Mateo Lois (3-2). Ambos consolídanse como as grandes promesas galegas masculinas do Tenis de Mesa en Galicia, onde xa ocupan as primeiras prazas da clasificación de categorías máis altas das que lle corresponden.