Etiquetas de Mautic

O Xuvenil A volve á senda do triunfo na última saída

Campionato e subcampeonato para a Selección Compostec en San Mamede

A xornada da fin de semana para a base da SD Compostela deixou grandes resultados para os intereses branquiazuis. Con só en liza os equipos que disputan fases de ascenso ou permanencia, amén da División de Honra de Xuvenil, cabe destacar tamén o labor realizado polos nosos no Torneo de Fútbol-8 de San Mamede, onde competiron coa Selección Compostec.

Xuvenil A

O Xuvenil A da SD Compostela volveu á senda triunfal, tras varias semanas con derrota, na última saída da tempada. Nun partido marcado pola tolemia, os nosos superaron por 4-5 ao Covadonga.

Respondendo a cada golpe local, Nico Fernández, no 25, Hugo Matos, no 65, Alvarellos, no 77, e Hugo Suárez, no 82, igualaron a desvantaxe con rapidez. Con todo, o gran momento chegaría no 88 co dobrete do pichichi branquiazul e que ao cabo serviu para levar os tres puntos.

Agora, despedirán esta gran campaña en Santa Isabel, o sábado, contra o Real Avilés Industrial.

Sigüeiro FC

O filial non puido encadear o seu terceiro triunfo seguido, debido a que caeu, nun duelo moi igualado contra a Sarriana, 1-0. Contra un rival que está preto de lograr o ascenso, os nosos competiron ata o final, pero decidiu o único gol local.

SD Compostela B

O Zona Vella empatou 4-4 na despedida da Fase de Ascenso a Primeira Galicia. Os goles dos branquiazuis foron obra de Guille, cun hat-trick, e Juan Amigo.

Cadete A

Pola súa banda, o Cadete A, xa descendido a Liga Galega, perdeu 4-1 contra o Racing de Ferrol, equipo que asegurou a súa permanencia na máxima categoría. Hugo Pazos marcou o único tanto compostelanista no último encontro da fase de permanencia.

Por último, no citado torneo disputado en San Mamede (Vedra), a Selección Compostec, formada por xogadores do Compos e dos clubs conveniados (Vitoria FC, Amio SD, SD Escravitude, UD Bastavales, AD Nicrariense e Milladoiro SD) logrou grandes resultados en dúas xornadas de fútbol e moita diversión.

O sábado, o equipo Benxamín conseguiu o título tras superar a todos os seus rivais, destacando o nivel mostrado nas eliminatorias contra o Santa Marta, Bertamiráns e Calasanz. Mentres tanto, o domingo, o conxunto Alevín quedo subcampión. Tras superar consecutivamente aos seus rivais, os nosos caeron na final, 1-4, contra o RC Celta.