Etiquetas de Mautic

O filial suma o primeiro triunfo da segunda fase

Derrota inxusta do Xuvenil A en Oviedo e o Cadete A complícase a permanencia

A xornada para os equipos de Fútbol-11 da base da SD Compostela deixou o primeiro triunfo na segunda fase do Sigüeiro, vitoria que non puido lograr o Xuvenil A, a pesar dos seus merecementos, nin tampouco o Cadete A.

Xuvenil A

O Xuvenil A da SD Compostela non puido sumar, por segunda semana consecutiva, aínda que coa salvación xa matematicamente lograda, disputou un gran partido contra un dos grandes da categoría. Os nosos caeron con honra, 2-1, na súa visita ao Oviedo, nun duelo no que mereceron mellor premio.

Un tanto do pichichi Hugo Suárez, rematando un centro de Remuiñán desde o córner, puxo en vantaxe aos compostelanistas no Requexón, pero os asturianos responderon con rapidez, con senllos tantos a balón parado, o segundo nunha falta moi protestada polos nosos.

Agora, o vindeiro domingo, coa permanencia no peto, disputarán un partido histórico en Santa Isabel contra o Deportivo da Coruña, equipo contra o que conseguiron empatar na primeira volta.

Sigüeiro FC

O filial por fin se puido desquitar da mala sorte da Fase de Ascenso e conseguiu, no primeiro encontro da segunda volta, a primeira vitoria desta segunda parte da competición. Dous tantos do pichichi Diego Fuentes fixeron posible a remontada na Grela, contra o Atlético Coruña Montañeiros, para alcanzar os nove puntos na clasificación.

Cadete A

Tras gañar a última fin de semana, o Cadete A rozouno, pero non puido sumar o segundo triunfo consecutivo. Esta vez empataron 1-1 contra o Ural, na Coruña, con gol de Pablo López. Con este punto, a salvación segue a seis, con dous encontros por xogarse.

No que respecta ao resto de equipos, a gran maioría finalizaron as ligas regulares, destacando o caso do EF San Lázaro A, que acabou segundo na táboa. Entre os que xa están inmersos nas segundas fases, o Compos Nicrariense sumou o seu terceiro triunfo consecutivo na liguiña de permanencia tras superar 1-3 ao Silleda, vitoria de moito mérito e que lle achega ao obxectivo.