Etiquetas de Mautic

Vitoria de Nuno Costa en Matosinhos e destacada actuación de Yago Iglesias

A fin de semana para a SD Compostela Atletismo deixou unha ampla representación branquiazul pola comunidade, xa que houbo presenza dos atletas compostelanistas en A Coruña, Salceda de Caselas, O Barco de Valdeorras, Quiroga e Mazaricos.

No regreso á pista, nesta ocasión os nosos competiron en probas ao Aire Libre. Aproveitando un Control de Marcas en Oleiros, ata alá foron Emilio García e Yago Iglesias. O primeiro deles probou sensacións logo dunha pequena lesión muscular, con 4:48 nos 1.500m, moi preto das súas mellores marcas. Tamén tiña ganas de pista Yago Iglesias, para quen foi unha fin de semana redonda. O sábado participou nos 400 metros, mellorando nada menos que en tres segundos a súa mellor marca para deixala en 53.48, e o domingo levou a vitoria na proba do Circuito de Carreiras da Costa da Morte celebrada en Mazaricos.

Ata Salceda de Caselas desprazouse o noso atleta Sindo González para participar IX Edición CORREXSALCEDA, na proba dos 5K. Sindo situouse entre os tres atletas máis rápidos da proba cun tempo de 18:13 e levou premio como terceiro clasificado absoluto.

En O Barco de Valdeorras tivo lugar o Campionato de España de 10K en Ruta. Julia Vaquero destacou na categoría F50 como a terceira clasificada completando a proba en 40:10. Borja Cardesín (M40) e Pedro Pazos (M50) fixeron o propio en 38:03 e 40:08, respectivamente.

Juan Amigo foi o representante da SD Compostela Atletismo na esixente proba de montaña Quiroga Trail Challenge. O atleta branquiazul completou os 27km do Trail do Lor en 4:38:47, sendo 32o na clasificación xeral e 4o VeteranoB.

Con todo, a proba que congregou a un maior número de atletas branquiazuis foi a terceira carreira do Circuito Correndo pola Costa da Morte, celebrada en Mazaricos. Nin a calor abafante que caeu con xustiza nas terras do Xallas o domingo minou os ánimos dos nosos atletas, que plantaron cara a un percorrido moi esixente pero rápido, de 3 e 10 quilómetros.

Yago Iglesias destacou na proba Xuvenil como primeiro clasificado cun tempo de 10:25, namentres na proba absoluta dos 3K participaron Nicolás Iglesias e María Tarrío, logrando ambos a 4a posición nas respectivas modalidades masculina e feminina. Tamén estiveron Laura Botana, Antía Botana e Malena Amigo. Na proba longa dos 10K correron: Elena Veres, Nuria Mejuto, Juan Luis Botana e Sonia Villar. Mentres tanto, Ariana Iglesias e Lucía Taboada participaron nas probas escolares, en categoría Alevín e Infantil.

Por último, Nuno Costa visitou o país veciño, Portugal, terra natal do corredor branquiazul, para participar e gañar cun tempazo de 1:09:04 a Media Maratón de Matosinhos.

Agora, os nosos afrontarán unha «longa» fin de semana, xa que a festividade do Día das Letras Galegas do vindeiro martes acollerá unha chea de citas deportivas para todas as idades.