

Poñemos o punto final ao mes de Maio con bo sabor de boca para os nosos atletas, que participaron nunha ampla variedade de probas, tanto en pista como en asfalto, con sensacións moi positivas e diversas medallas para os atletas da SD Compostela Atletismo nas probas en pista da Pobra do Caramiñal.
Ata a citada vila do Barbanza achegáronse o venres pola tarde os nosos corredorees para participar no V Trofeo de Atletismo Barbanza en pista ao aire libre. Yago Iglesias e María Tarrío acadaron medalla por ser o 3o máis rápido na proba dos 400m (54.29) e a 2a máis veloz nos 800m (2:48.02), respectivamente.
O escudo da SD Compostela Atletismo estivo representado por diferentes atletas que deron todo no Estadio da Alta: nos 100m estivo Jesús Manuel Baña que repetiu nos 400m, proba na que tamén participou Santi Dapena, que foi 5o clasificado cun tempo de 55.13, no seu camiño de preparación para o vindeiro campionato de España a mediados de xuño en Tenerife, ao que sumou outra participación nos 400m en pista de A Coruña o domingo. Ariana Iglesias participou nos 60m e África Gil nos 80m e nos 500m, namentres María Elena Amigo e Nerea Barcala fixeron o propio nos 100m, dobrando tamén Nerea na proba dos 300m.
Pola súa banda, o domingo A Pobra foi escenario da fase provincial Xogade que reuniu aos 16 mellores clasificados por proba das fases locais de A Coruña nas categorías Sub10-Sub12 e probas combinadas Sub14. Alí estiveron algúns dos nosos atletas máis novos que deron boa conta da súa progresión esta temporada, como Ariana Iglesias, que asinou unha excelente 3a posición nos 2000m marcha Sub12.
Sub12/ 500m: Álvaro Muñiz e Xoel Otero. Sub12/ Altura: Xoel Otero. Sub12/60m: Iara Torres. Sub12/500m: Clara Leis e Iara Torres. Sub12/ 2000m: Clara López. Sub12/Altura: Irene Leis. Sub10/50m: Daniela Gil. Sub10/1000m: Daniela Gil.
A maiores, en asfalto, destacable actuación de Nuno Costa na Media Maratón Ruta de La Reconquista, celebrada en Cangas de Onís o pasado sábado. O noso atleta, abonado á distancia dos 21km, parou o crono en 1:08:02, tempo que lle valeu para ser 2o clasificado absoluto na proba asturiana.
Do mesmo xeito, tamén brillou na xornada do sábado Alejandro Montero, quen fixo dobrete nas carreiras de O Couto e de Xinzo de Limia. Na carreira polo barrio ourensán, Alejandro quedou na 4a posición absoluta, 2o da categoría senior, completando os 6.1 km en 20:34. Pero aí non quedou todo, xa que o domingo desprazouse ata Xinzo de Limia e logrou un 1o posto na categoría Senior, logo de quedar 5o na xeral, cun tempo de 35:36 nos 10km de percorrido.
Por último, na carreira popular Contra o Cancro en A Coruña, unha proba de carácter non oficial e solidaria de 5K, estiveron: Juan Luis Amigo, Ángel García, Candela Otero, Malena Amigo e María Codesido na absoluta, e Lucía Taboada na de escolares.
A vindeira fin de semana será de moita esixencia para os nosos atletas que terán xornada de probas en pista en Vigo, nova cita do Circuíto da Costa da Morte en Zas e a tradicional 10k de Carballo, entre outras.