Etiquetas de Mautic

Triunfo de moito mérito do Arteal na ida das semifinais

Superou ao invicto Cajasur de Priego, actual campión, por 4-2

Gran partido do ARTEAL SD COMPOSTELA na ida das semifinais polo título de liga, derrotando ao actual campión, o Cajasur de Priego por 4-2, na que foi a primeira derrota dos andaluces no que vai de campionato. Todos os xogadores do Arteal estiveron a gran nivel, incluso rozando un mellor resultado, xa que André Silva tivo contra as cordas a Carlos Machado no terceiro duelo.

Así mesmo, na gran tarde/noite do venres, o público non defraudou e acudiu a apoiar ao equipo, animando aos xogadores ao longo das catro horas que durou a contenda.

Con este importante resultado, o Arteal mantén as opcións de poder clasificarse para a gran final, aínda que para iso debe tentar non perder no partido de volta, que se celebrará en Priego, o vindeiro venres ás 19,00 horas.

Para a contenda en San Lázaro, o cadro técnico do conxunto compostelán cambiou completamente a súa aliñación, apostando por colocar a Enio Mendes como no 1 e comezar xogando primeiro, André Silva como no 2 e Humberto Manhani como no 3; e o resultado foi moi positivo.

Para arrincar, Enio enfrontábase ao 2 de Priego, o internacional Carlos Caballero, e non podían empezar mellor as cousas para o Arteal, xa que cun xogo de ataque total, dominaba ao seu rival e lograba impoñerse por 3-0, con parciais 11/9, 11/9 e 11/4 (1-0).

O segundo partido enfrontaba a Humberto con Diogo Carvalho. A pesar da boa actuación de Humberto, o xogador do Priego, ex do Arteal, mostrábase superior e gañaba tamén por 0-3 con 8/11, 3/11 e 9/11 (1-1).

A continuación, André Silva e Carlos Machado, 11 veces campión de España, eran os protagonistas do terceiro duelo. Comezaba totalmente igualado o primeiro set, para Machado, no desempate, por 10/12. Novamente impoñíase no segundo por 8/11, pero reaccionaba André.

Dominaba ao seu rival cos seus ataques de dereita, logrando a vitoria nos dous seguintes por 11/7 e 11/6. No quinto e definitivo, no que André continuaba co seu bo nivel para adiantarse por 6/2, non era capaz de pechalo e permitía a remontada de Machado, que gañaba por 8/11 (1-2).

Co marcador 1-2, comezou a remontada heroica dos compostelanistas. Nese momento saltaban á cancha Enio e Diogo, dous vellos coñecidos. Diogo chegaba a este partido co 100% de vitorias, tanto en liga como na Copa e era o claro favorito, pero Enio atópase nun bo momento de forma e demostrouno. O inicio foi fulgurante, dende o primeiro momento, cun xogo de ataque total de Enio sobre o revés do rival, co fin de evitar os seus golpes coa dereita. Por esta vía, lograba impoñerse nos dous primeiros sets por 11/8 e 11/5, pero a reacción de Diogo non se fixo agardar, neutralizando a vantaxe con dous parciais gañados cun dobre 7/11. Pero no quinto, apareceu a casta de Enio, que tras comezar mellor, impoñíase por 11/9 (2-2).

Co marcador empatado, André e Caballero xogábanse quen podía asegurar como mínimo o empate. Comezaba o xogo igualado, pero André lograba impoñerse por 11/8 no primeiro set.

Reacción de Caballero que gañaba con claridade o segundo por 4/11. André devolvíalle o resultado no terceiro. E no cuarto, adiantábase no marcador o local, Caballero lograba remontarata o 10/9, pero André, nun gran ataque de dereita, pechaba o partido ao vencer por 11/9 (3-2).

Por tanto, Humberto e Machado xogábanse o resultado final. O do Arteal para lograr a vitoria e o andaluz para o empate. Humberto comezaba xogando a un gran nivel e sobre todo, restando moi ben, o que lle permitía vencer no primeiro set por 11/8. No segundo novamente dominaba e, aínda que nos últimos puntos o rival lograba igualar, impoñíase no desempate por 12/10. Tras pasar polo banco, Machado melloraba a súa posición na mesa e gañaba o terceiro por 6/11. En todo caso, Humberto non cedía no seu nivel de xogo e lograba a vitoria ao vencer no cuarto por 11/9 (4-2).

Con este resultado o ARTEAL SD COMPOSTELA ten que desprazarse o vindeiro venres a Priego e tratar de buscar un resultado que lle permita o ansiado pase á final.