Etiquetas de Mautic

O Arteal supera ao Cajasur e xa está na final polo título

Os compostelanistas deron a sorpresa eliminando ao actual campión de Liga

O ARTEAL SD Compostela deu a sorpresa en Priego cunha clara vitoria, 1-4 contra o Cajasur, no partido de volta das semifinais polo título de Súper División Masculina, clasificándose así para a gran final. O gran facer de todos os compoñentes do equipo fixo posible este éxito, superando ao último campión e que chegaba invicto a esta cita.

Para a cita en terras andaluzas, o cadro técnico do ARTEAL mantivo a mesma aliñación, mentres que o Cajasur realizaba un pequeno cambio, con Diogo como número 1, pero Carlos Machado de 2 e Carlos Caballero de 3.

O duelo comezaba así co enfrontamento entre Enio e Machado. Desde o primeiro momento, Enio asumía o ritmo e gañaba o primeiro set por 9/11. Machado tiña que reaccionar e facíao gañando o segundo por 11/8, pero Enio lograba de novo impoñerse no terceiro por 8/11. A emoción volvía ao encontro ao lograr Machado gañar o cuarto por 11/7, pero a reacción de Enio no quinto foi total, arroiando ao seu rival por 4/11 (0-1).

O primeiro paso deuse e a quenda era para Humberto, fronte a Diogo. Desde o primeiro momento, o xogador do ARTEAL sorprendía ao seu rival ao restar moi ben os seus saques, incluso atacándoos, despois de realizar un adestramento específico ao longo da semana, o que lle permitía dominar ao seu rival e lograr unha gran vitoria por 0-3 (9/11, 7/11 e 2/11), dando a gran sorpresa da tarde (0-2).

Co marcador 0-2, saltaban á cancha Caballero e André, nun partido moi igualado, onde tres sets se decidían no desempate. André lograba a vitoria decisiva para alcanzar o pase, tras superar ao seu rival por 2-3, con parciais 11/13, 11/8, 9/11, 12/10 e 10/12 (0-3).

Con esta vitoria e a histórica clasificación no peto, quedaba a opción de gañar tamén a contenda. Para iso, había que lograr o cuarto punto, misión coa que saía Enio ao duelo contra Diogo. O xogador do ARTEAL tiña lixeiras molestias na súa perna dereita, o que lle afectaba no seu rendemento, caendo por 3-0 con sets 11/8,11/7 e 11/7 (1-3).

Non foi á primeira opción, pero si á segunda, xa que André, no quinto encontro, superaba a Machado. Mantendo o seu alto nivel de xogo impoñíase nos dous primeiros sets por 8/11 e 12/14. Perdía o terceiro por 11/6, pero no cuarto superaba con claridade ao adversario por 2/11 (1-4).

Agora, o primeiro partido da GRAN FINAL disputarase nas instalacións de San Lázaro o venres 22 de abril ás 18.00 horas. Antes, o ARTEAL desprazarase a Andorra para xogar a eliminatoria da Europa Trophy, coa esperanza de lograr a vitoria e clasificarse para a fase final.