Etiquetas de Mautic

O Arteal cae na ida da gran final por 2-4

  • O encontro disputado en San Lázaro foi moi igualado, pero levouno o Borges
  • O vindeiro sábado, a resolución do título

O ARTEAL SD COMPOSTELA disputou en Santiago o primeiro partido da final polo título de liga ante o Borges de Lleida, un encontro de tres horas e media no que os composteláns perdían por 2-4. O marcador final non reflicte o igualado do encontro, pero dálle vantaxe ao conxunto catalán para a volta. O público respondeu como se esperaba, enchendo o aforo total das instalacións.

O enfrontamento comezaba co duelo entre Enio Mendes e o actual campión de España, Marc Durán. O xogador do Arteal perdía o primeiro set por 8/11, reaccionaba e dominaba o xogo logrando impoñerse nos dous seguintes por un dobre 11/7. Marc gañaba o cuarto no desempate por 10/12, pero Enio no quinto conseguía a vitoria por 11/7, subindo o primeiro punto ao tanteador (1-0).

O segundo encontro enfrontaba a Humberto co sueco Víctor Brodd. O partido comezaba igualado, pero Brodd gañaba o primeiro set por 8/11. Humberto non cedía no seu xogo e impoñíase no segundo por 11/9, pero a reacción do sueco non se fixo agardar e lograba vencer no terceiro de forma clara por 4/11 e no cuarto por un moi axustado 9/11 (1-1).

Co marcador igualado, André Silva tiña como rival a Joan Masip. O xogador do Arteal mostrábase lixeiramente superior ao seu rival e lograba a vitoria por 3-1 (11/8, 8/11, 11/5 e 11/8), colocando un prometedor 2-1 a favor dos nosos (2-1).

Enio e Brodd protagonizaban o cuarto partido, que podía ser fundamental para o desenvolvemento do encontro. O primeiro set foi un ataque total por ambos xogadores, o que marcou o devir da contenda. Finalmente, o sueco cometía menos erros e lograba impoñerse por 1-3, con parciais 8/11, 7/11, 11/6 e 7/11 (2-2).

De novo con empate, tocáballe a quenda a André contra Marc. O xogador do Arteal comezaba cun nivel de xogo moi alto e gañaba con claridade o primeiro set 11/2. No segundo dispuxo de dúas bólas de set, pero finalmente perdía no desempate por 12/14. No terceiro novamente tomaba vantaxe clara no marcador 8/4, pero un tempo morto do seu rival cambiaba o sentido do partido e perdía por 8/11. Sen decaer na súa moral, volvía gañar o cuarto comodamente por 11/5, pero no quinto e definitivo a vitoria era para Marc, 8/11, poñendo ao seu equipo por primeira vez por diante no global (2-3).

Por último, Humberto e Masip xogábanse o empate e a vitoria, respectivamente. Comezaba moi forte Humberto e gañaba o primeiro set por 11/4, aínda que perdía o segundo pola mínima, 9/11. O terceiro era unha nova vitoria para Humberto por 14/12, pero Masip, sen ceder en ningún momento no seu nivel de xogo, lograba impoñerse nos dous seguintes por un dobre 6/11 (2-4).

Con este resultado, o partido de volta será un difícil compromiso para o conxunto do Arteal, xaque como mínimo vese obrigado a gañar por idéntico resultado e tentar que o average de sets lle favoreza. O encontro decisivo celebrarase o vindeiro sábado día 30 ás 17.00 horas en Lleida.