Etiquetas de Mautic

O Xuvenil volve á senda triunfal para achegarse á permanencia

Tres derrotas nas segundas fases marcan a xornada para o Compos

A nova xornada futbolística para os equipos da base da SD Compostela deixou, como nota positiva, o regreso á senda triunfal do Xuvenil, equipo que case acariña matematicamente a permanencia na División de Honra. Por contra, nas segundas fases, tres dos equipos branquiazuis caeron derrotados.

Xuvenil A

Tras acumular dúas derrotas seguidas por primeira vez no curso, a SD Compostela superou esa fochanca de resultados cun triunfo merecido contra o Ural en Santa Isabel. Os branquiazuis superaron por 2-0 ao conxunto coruñés, nun duelo no que mereceron os tres puntos, a pesar de non abrir o luminoso ata a segunda metade.

Sería Hugo Alvarellos, a pase de Nico Fernández, o encargado de abrir a lata pasada a hora de partido, un gol referendado despois por Axel Sánchez, autor do segundo dende o punto de penalti.

Co triunfo deixan case certificada a permanencia, antes de recibir o sábado, de novo en Santa Isabel, ao Bezana.

Sigüeiro FC

Non tivo tanta sorte nesta ocasión o Sigüeiro, xa que caeu por 4-0 na súa visita ao Betanzos. O filial acusou un mal inicio, no que recibiu tres goles e acabou expulsado Ale. Con todo, seguen con cinco puntos con posibilidades de optar ás dúas prazas de ascenso.

SD Compostela B

Tampouco tivo o seu día o Zona Vella, que caeu por 2-4 contra o Silleda. Pese ao dobrete de Hugo Suárez, pichichi do xuvenil, os puntos escapáronse de Santa Isabel contra un rival directo polo salto de categoría.

Cadete A

Por último, o Cadete A tamén caeu na casa, no seu caso 0-3, contra o Ural, nun duelo no que non puido facer fronte ao equipo herculino. Con todo, seguen a un duelo da posición que outorga a salvación.

Pola súa banda, no resto da xornada en Fútbol-11, destacou a ida dos cuartos de final das eliminatorias de ascenso do Cadete B e Infantil A. Ambos, na casa, empataron. Os cadetes 0-0 contra o Cidade de Ribeira e os infantís 3-3 ante o Noia. Todo se decidirá a próxima semana. Ademais, o Xuvenil B acabou o grupo terceiro e loitará polo ascenso e o EF San Lázaro subiu á segunda praza a falta dunha cita.

Así foron os resultados de todos os equipos e as súas respectivas clasificacións.