Etiquetas de Mautic

Empate do Xuvenil A nunha mala xornada para o Fútbol-11

Salvo un par de empates, o resto dos partidos deixaron derrotas ou eliminacións para os branquiazuis

A pasada, sen dúbida, non foi a mellor xornada para os intereses dos equipos de Fútbol-11 da SD Compostela. Tan só un par de empates, entre as principais categorías, puidéronse destacar como resultados positivos para os nosos.

Xuvenil A

O Xuvenil A non puido cultivar o segundo triunfo seguido como local, ao non poder pasar do empate contra o Bezana. A pesar de adiantarse no primeiro acto, cun tanto de Óscar Remuiñán, os cántabros equilibraron a balanza na segunda metade e o 1-1 xa non se moveu.

Instalados na zona tranquila da clasificación, os mozos adestrados por Rati encaran agora unha difícil saída, na matinal do domingo, contra o Racing de Santander.

Sigüeiro FC

O filial segue sen poder sumar nesta segunda fase e ve como se lle escapan as dúas posicións de ascenso a Terceira RFEF. Nesta ocasión, na casa, o Sigüeiro caeu por 0-1 contra a Sarriana, líder do subgrupo, mercé ao solitario tanto de Gerardo, na segunda metade.

SD Compostela B

O segundo filial compostelanista xogará este mércores o terceiro partido do subgrupo de ascenso, no que buscará os tres primeiros puntos.

Cadete A

En canto ao Cadete A, tampouco puido ser desta. Os nosos caeron pola mínima, 4-2, contra o Victoria da Coruña, polo que seguen na zona de descenso. Hugo Pazos e Diego Peral asinaron os tantos branquiazuis.

Ademais, nas Fases de Ascenso, o Xuvenil B colleitou un empate 1-1 contra o Cidade de Ribeira, na ida dos cuartos de final. Pola súa banda, o Cadete B, que perdeu 4-0 contra o Cidade de Ribeira, e o Infantil A, que empatou 2-2 contra o Noia, quedaron eliminados ás primeiras de cambio. No caso dos infantís, a eliminación produciuse polo valor dobre dos goles fóra de casa, xa que na ida empataran 3-3 en Santiago.