Etiquetas de Mautic

Crónicas canteira fin de semana Obradoiro CAB-SAD

LIGA EBA: Obradoiro Silleda

O Obradoiro Silleda vese superado na súa visita a León, pero asegura a segunda praza e a organización da Final Four (87-66)

O sábado viviuse na conferencia A da Liga EBA a última xornada de Liga Regular con moito en xogo: quen organizaría a Final Four, prazas para clasificarse para a mesma e postos de descenso. O Obradoiro Silleda chegaba a esta última xornada xa clasificado para a Final Four e visitando a pista dun dos conxuntos que loitaba por acompañalos na próxima fin de semana.

Nun pavillón de San Esteban repleto con todos os equipos de canteira do club, o Leclerc Caja Rural Reino de León iniciou o encontro marcando un tremendo nivel ofensivo. A saída dos leoneses superou en todos os aspectos ao seu rival, cun dominio absoluto en ambas as zonas e un acerto desde o triplo que lles impulsaba ata os vinte puntos de vantaxe no inicio do segundo cuarto.

Aos poucos, os obradoiristas foron mellorando o seu nivel defensivo, dificultando os puntos fáciles dos locais, pero sen lograr un ritmo ofensivo que lles permitise reducir a distancia, chegando ao descanso cun claro 46-28 para o Reino de León.

Tras o paso polos vestiarios o partido igualouse por completo, nunha loita continua por parte do obradoiristas para engancharse ao encontro, pero atopándose en todo momento cun gran acerto local (ata 15 triplos anotados) e, sobre todo, polo dominio do seu rival no rebote. A pesar de todo, o Obradoiro Silleda seguiu loitando ata a última posesión, preparándose para unha Final Four que se celebrará no Multiusos Fontes do Sar a próxima fin de semana e na que se medirán na primeira semifinal contra o Baskonia.

Os parciais por cuartos foron: 30-15, 16-13, 20-18 e 21-20.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: B. A Nongo (10), C. Hernández (10), M. Souto (6), C. Taboada (9), A. Yailo (2), M. Paz (4), J. Cal (-), S. Paz (10) e G. González (8).

1a DIV. SENIOR: Obradoiro USC

O Obradoiro USC consegue unha praza de ascenso a Liga EBA tras ganar os dous encontros da Final a 4 da Liga Nacional

O Obradoiro USC conseguiu unha praza na Liga EBA tras conseguir senllas vitorias nas dúas eliminatorias disputadas o sábado na Final a 4 na Estrada.

Pola mañá impuxéronse ao Sigaltec de Vilagarcía por 85-66, nun encontro que os obradoiristas dominaron desde o inicio impoñendo un ritmo moi alto e facendo valer a súa superioridade física. Chegaba o Obradoiro cunha vantaxe de 13 puntos ao descanso, a cal se foi incrementando no terceiro cuarto ata chegar ata os 23 puntos. Destacou o xogo coral do equipo, anotando 5 xogadores máis de 10 puntos.

Xa pola tarde, medíronse ao EDM A Estrada, cuxa afección enchía as bancadas do pavillón Coto Ferreiro nun partido que ditaminaba quen levaba unha das dúas prazas de ascenso postas en xogo na xornada de onte.

O encontro comezaba sen un dominador claro, cun intercambio de canastras constante. Esta igualdade romperíase nos instantes finais do segundo cuarto, cando un parcial de 9-0 a favor do Obradoiro USC outorgáballes a primeira vantaxe importante do encontro grazas a tres canastras consecutivas de Juan Bocca, quen finalizou o encontro como máximo anotador do seu equipo, con 17 puntos.

No terceiro cuarto, A Estrada consegue achegarse no marcador, colocándose a tan só tres puntos por baixo. Con todo, unha maior porcentaxe de acerto no tiro exterior e nos tiros libres do Obradoiro USC permitiulles manter unha vantaxe que roldou os 10 puntos durante moitos minutos desta segunda parte.

Finalmente, cun marcador de 58–73, os de Santiago levaban o partido, conseguindo unha praza de ascenso á Liga EBA.O Obradoiro USC medirase o vindeiro sábado ao Basket Xiria no pavillón Coto Ferreiro da Estrada, nun encontro que decidirá o campión da Primeira División Autonómica.

2a DIV. JUNIOR: GRUPO CAEIRO OBRADOIRO VEDRA

O Grupo Caeiro Obradoiro Vedra cae no seu primeiro encontro da Fase de Ascenso contra o Porriño (81-93)

O Grupo Caeiro Obradoiro Vedra iniciou a Fase de Ascenso contra un dos conxuntos máis complicados do grupo, o Porriño Baloncesto Base.

O primeiro cuarto caracterizouse polo dominio local no rebote, logrando opcións de contraataque que permitían aos obradoiristas levar a iniciativa no xogo e no marcador, finalizando o primeiro cuarto cun 25-19 ao seu favor.

A partir do segundo cuarto, os de Vedra comezaron a sufrir defensivamente, perdendo a súa solidez no rebote e con máis dificultades ao ter que xogar moito máis tempo en posicional. Desta forma, a igualdade mantíñase ata o descanso cun 41-35 para os obradoiristas.

Na segunda parte, os de Porriño comezaron a impoñer un nivel físico moito maior, subindo a súa presión defensiva e, sobre todo, a súa velocidade no xogo.

Dominando cada vez máis o ritmo de partido e endosando ao Grupo Caeiro Obradoiro Vedra un parcial entre o final do terceiro cuarto e inicio do último, do que non serían capaces de levantarse. Desta forma, os de Porriño suman a primeira vitoria no seu enfrontamento por un 81-93 final.

Os parciais foron: 25-19, 16-16, 22-31 e 18-27.A próxima fin de semana o Grupo Caeiro Obradoiro Vedra xogará o encontro de volta en Porriño.

1a DIV. CADETE: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro vence ao Óptica Campelo Marín Peixegalego (44-72)

O Balidea Obradoiro viaxou a Marín para enfrontarse ao Óptica Campelo Marín Peixegalego, no Pavillón da Raña.

O partido comezou cun ritmo de xogo moi alto por parte de ambos os equipos, onde os do Balidea Obradoiro presionaban o balón a toda pista e corría moi ben as transicións ofensivas despois de rebote ou recuperación do balón. Aos de Marín custáballes moito poder atopar vías de anotación, cos do Obra acertados nos tiros exteriores e conseguindo abrir unha diferenza de 10 puntos ao final do primeiro cuarto (22-12).

No segundo cuarto, os de Marín Peixegalego subiron o nivel defensivo e a agresividade de fronte ao aro rival, conseguindo anotar un parcial de 7-0 nos primeiros minutos do período, obrigando aos obradoiristas a ordenarse en defensa, conseguindo volver competir coa dureza e intensidade coa que comezaran o encontro. Chegábase ao descanso do partido cun marcador de 23-39 para os de Balidea Obradorio.

Tras o paso polos vestiarios, o partido continuou con ambos os equipos facendo un gran esforzo defensivo con presións a toda pista e un gran traballo nas liñas de pase, e en ataque intercambiaban canastras preto do aro, con pouco acerto en tiros abertos desde a liña de 3 puntos. Os do Obra mantiñan a vantaxe no marcador ao final do cuarto (48-37).

No último cuarto o partido seguía con moito ritmo e intensidade, e os do Balidea Obradoiro foron capaces de dominar os rebotes en ambos os taboleiros, gozando así de segundas oportunidades para lanzar a canastra e selar o partido cun marcador final de 44-72.

O Balidea Obradoiro xogará a Final a 4 para meterse no Campionato de España, co gañador do encontro entre Santo Domingo Betanzos e o OCA Hotels

Obradoiro Vedra.1a DIV. CADETE: OCA Hotels Obradoiro Vedra

Vitoria do OCA Hotels Obradoiro Vedra ante o Seis Do Nadal (49-112)

O OCA Hotels Obradoiro Vedra visitou a pista do Seis Do Nadal. O gañador dese encontro levaría a un cruzamento co segundo mellor da A-1 zonal para un lugar no cuadrangular final da Liga Galega.

Empezaba o encontro cun intercambio de golpes entre ambos os conxuntos, pero os visitantes controlando o ritmo do partido grazas a unha mellor orde e unha defensa asfixiante a toda pista, que lles outorgaba as primeiras vantaxes no marcador para terminar o primeiro cuarto (10-36).

No segundo cuarto ambos os equipos endureceron a defensa e o transcurso do partido foi igual de parello pero con moita intensidade, cos obradoiristas manexando o ritmo de xogo para irse ao descanso con 31 puntos de vantaxe no marcador (22-53).

Á volta do vestiario, os dous equipos propuxeron defensas duras cun choque de estilos, o Obradoiro facendo un despregamento todo o campo como na primeira parte e o Seis Do Nadal pechando os espazos en media pista. Así transcorreu o terceiro cuarto cun parcial de 12-25 para os visitantes, o cal favoreceu para alongar as distancias no marcador, a unha diferenza de 44 puntos ao final do mesmo (34-78).

Xa no último cuarto a dureza era máxima e as imprecisións fixeron poder afastarse aínda máis no marcador ao OCA Hotels Obradoiro Vedra, sacando a máxima diferenza de 63 puntos, sendo o resultado final de 49 a 112.

Os parciais por cuartos foron: 10-36, 12-17, 12-25 e 15-34.

O próximo encontro de OCA Hotels Obradoiro será co segundo mellor clasificado da zona A-1 o Santo Domingo Betanzos, para definir un lugar no cuadrangular final da Liga Galega.