Etiquetas de Mautic

Crónica Obradoiro CAB-SAD

Obradoiro CAB en O Noso Deporte

LIGA EBA: Obradoiro Silleda

O Obradoiro Silleda sela o seu paso á final four cunha cómoda vitoria no seu campo (105-35)

Tras a vitoria contra o líder na pasada xornada, o Obradoiro Silleda chegaba á penúltima xornada de Liga Regular dependendo deles mesmos para certificar o seu paso á final four da conferencia. Recibían o sábado ás 19:00 horas no Pavillón Cesar González Fares ao Claret Innoporc, que chegaba como pechacancelas da competición, marcando desde o salto inicial as diferenzas no xogo e logrando unha nova vitoria.

Arrincou o partido cos obradoiristas marcando o ritmo do xogo e dominando en ambos os lados da pista, cun gran acerto desde a liña de tres puntos e unha sólida defensa de equipo, obrigaban a parar o partido aos de Segovia, que vían como nos primeiros minutos os locais xa abrían brecha no marcador.

A vantaxe en favor do Obradoiro Silleda seguía aumentando, pero a pesar das distancias ambos os equipos seguiron traballando cada minuto en procura da súa mellora e crecemento para o futuro.

Os locais iríanse ao descanso co partido claramente controlado grazas a un marcador de 54-18, pero aproveitando a segunda parte para seguir crecendo en diferentes aspectos do xogo e preparándose para o futuro, pechando unha vitoria que os clasifica para a Final fFur cun claro 105-35.

Os parciais por cuartos foron: 30-8, 24-10, 20-15 e 31-3.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: C. Hernandez (14), M. Souto (17), A. Soto (8), C. Taboada (10), S. Huguet (11), M. Paz (7), J. Cal (6), F. Belo (6), S. Paz (20) e G. González (6).

Na última xornada de liga o Obradoiro Silleda visitará ao Leclerc Jaca Rural Reino de León para tratar de sacar unha vitoria que lles asegure ser organizadores da Final Four da conferencia A, nun encontro que se disputará o sábado 23 de abril ás 19:00 horas.

2a DIV. JUNIOR: GRUPO CAEIRO OBRADOIRO VEDRA

O Grupo Caeiro Obradoiro Vedra pecha a tempada regular proclamándose campión da zona de Santiago (51-73)

O Grupo Caeiro Obradoiro Vedra medíase de novo contra o ADB Fontiñas, nun partido no que un bo inicio achandoulles o camiño para lograr un novo triunfo (51-73).

A diferenza da semana anterior, os obradoiristas saltaban a pista marcando o nivel defensivo do encontro, sufrindo unicamente no rebote defensivo, pero dificultando cada liña de pase e logrando xogar a campo aberto. Os visitantes ían aos poucos facéndose co control do partido, sosténdose o ADB Fontiña preto no electrónico grazas á súa efectividade despois de cada segunda opción.

Con todo, no segundo cuarto os obradoiristas puideron por fin controlar o rebote, atopando aínda máis situacións a campo aberto e abrindo brecha no marcador ao descanso, cun parcial de 19-41 que sería definitivo no encontro.

Xa na segunda parte, o ADB Fontiñas foi capaz de igualar o nivel físico no partido, logrando gañar o terceiro cuarto, pero sen chegar en ningún momento para endosar un parcial o suficientemente contundente como para recuperar a distancia alcanzada polos visitantes na primeira parte.

Desta forma o Grupo Caeiro Obradoiro Vedra suma un novo triunfo, que os proclama como campións da Liga Regular e clasifícaos para a fase de ascenso á Liga Galega Junior.

Os parciais por cuartos foron: 14-22, 5-19, 17-10 e 15-22.