Etiquetas de Mautic

O Arteal disputa o Campionato de España Absoluto e a Copa do Rey en Santander

Esta semana tamén coñeceu o sorteo da competición europea

Esta semana, en Santander, o Arteal SD Compostela está presente nos Campionatos de España Absolutos e a Copa do Rey, participando nas categorías individual, dobres e equipos.

Así, en individual, Oriol Monzo comezou xa a súa participación no cadro final, do mesmo xeito que Enio Mendes en dobres, formando parella con Endika Dez, do Leka Enea. Así mesmo, o primeiro palista citado fai equipo co seu compañeiro de toda a vida, Marc Durán, do Borges de Lleida.

No torneo do KO, o conxunto compostelán quedou encadrado no Grupo 3, xunto ao Hortitec Alzira, o Collado Mediano de Madrid e o Alcalá Imporalia de Andalucía. Clasifícanse os dous primeiros de cada grupo, pero os nosos tentarán encabezar a clasificación para evitar o enfrontamento cun dos cabezas de serie no cadro final. Os partidos arrincarán mañá mércores ás 9.00 horas.

Para este gran evento, o Arteal despraza ao seu equipo titular, con Enio Mendes, Humberto Manhani, André Silva e Oriol Monzo, buscando facer un bo papel e tratando de lograr o que este ano non foron quen de conseguir, que estean todos os seus xogadores ao 100 %. Ata a data, por distintas razóns, xa sexa enfermidades, lesións ou motivos persoais, nunca lograron estar todos á vez ao nivel de competitividade que están capacitados.

Doutra banda, a ETTU xa publicou o resultado do sorteo da competición europea Europe Trophy quedando encadrado o conxunto compostelán co Tenis Taula Valls do Nord, de Andorra, que actúa de anfitrión; o Club Desportivo 1o de Maio, de Funchal (Portugal); e o Monteporreiro, de Pontevedra.

A competición celebrarase os días 15 e 16 de abril en Andorra, o cal non deixa de ser un gran inconveniente dende o punto de vista económico, xa que coincide coa Semana Santa, o que encarecerá tanto os gastos de viaxe como a estancia. Nesta cita, só o primeiro se clasificará para a seguinte rolda.