Etiquetas de Mautic

Medalla de bronce para o Arteal na Copa do Rey

O equipo compostelanista caeu esta mañá en semifinais contra o Cajasur por 0-3

O Arteal SD Compostela acabou a súa participación na Copa do Rey de Tenis de Mesa cunha gran medalla de bronce. A pesar de que os nosos soñaban con dar a sorpresa, as opcións déronse ao traste esta mañá, nas semifinais, na que caeron por 0-3 contra o Cajasur de Priego (Córdoba).

No partido, os xogadores do Arteal non estiveron ao mesmo nivel que o día anterior e iso, ante o que é, posiblemente, o mellor club de España, pasou factura.

O encontro comezaba co enfrontamento entre André Silva e Carlos Caballero. O portugués do Arteal arrincaba moi ben e impoñíase no primeiro set por 11/6. No segundo André mantíñase por diante e chegaba a ter bóla de parcial, 10/9, pero non pechaba e Caballero remontáballe para impoñerse 10/12. Este feito marcaría a diferenza no duelo, xa que André baixou o seu ritmo de xogo e Caballero subíao para dominar con autoridade, 6/11 e 6/11 no terceiro e cuarto set (0-1).

No segundo enfrontamento, Enio Mendes medíase contra o exxogador do Arteal Diogo Carvalho, quizais o mellor xogador actual da liga e artífice das vitorias do Cajasur nestes últimos anos. Na cita, Enio non estaba ao cento por cento, pero, a pesar de todo, tentou facer todo o posible, aínda que caeu por 1-3 (0-2).

Humberto tiña unha difícil papeleta con este marcador, antes de enfrontarse a Carlos Machado, ao que o pasado ano lograra derrotar. Comezaba moi ben o primeiro set e adiantábase no marcador, pero aos poucos Machado recortaba diferenzas e acababa impoñéndose por 9/11.

Esta remontaba outorgou confianza ao opoñente, o que lle permitiu mellorar o seu nivel de xogo para levar os dous seguintes por 5/11 e 6/11 (0-3).

Con este metal, o balance final para o Arteal, despois das distintas competicións que se xogaron en Santander, foron o título de Campión de España de Oriol Monzo, na categoría de dobres, e a medalla de bronce do equipo na Copa do Rey.

O club retomará agora a competición, o próximo 18 de marzo, desprazándose a Irún para enfrontarse ao Leka Enea, no partido de volta dos playoff polo título de liga. Os nosos viaxarán co obxectivo de remontar o resultado adverso da ida, un 1-4 que se antolla moi complicado, pero non imposible. Coma sempre, o espírito de loita permanece intacto na moral do equipo.