Etiquetas de Mautic

Triunfos vitais para Xuvenil A e Sigüeiro

A xornada para a base da SD Compostela deixounos as vitorias importantes do Xuvenil A e do Sigüeiro, claves para selar os seus obxectivos, a permanencia nun caso e o pase á fase polo ascenso no outro.

Xuvenil A

O Xuvenil A da SD Compostela regresou á senda da vitoria, acadando ademais o seu primeiro triunfo en terras cántabras. Os nosos xogaron un partido moi serio, ante un gran rival, conseguindo decantar a balanza no segundo período, froito dunha gran defensa. O pichichi Hugo Suárez, no 60, e Axel Sánchez, de penalti, no 80, puxeron o 0-2 definitivo.

Con estes tres puntos, o Compos marcha na metade da táboa, no oitavo posto, xa con 32 unidades, con ampla vantaxe sobre o descenso, antes de encarar partidos complicados como o deste sábado, contra o Real Sporting, ou a visita posterior do Celta.

Sigüeiro

O filial recuperou un dos dous partidos aprazados que tiña pendentes da mellor maneira, cos tres puntos. O Sigüeiro superou por 1-0 ao Puebla para regresar ao segundo posto do subgrupo, á espera de volver xogar esta tarde contra o Boiro, tamén na casa.

No encontro deste pasado sábado, impuxéronse co solitario tanto de Diego Fuentes, no 28, e tras resistir en inferioridade numérica durante toda a segunda metade. Dende o minuto 54, xogaron con 9, e nos últimos dez, con 8 xogadores, despois de que o colexiado sacase ata tres cartóns vermellos para os nosos.

SD Compostela B

O filial de Segunda Galicia tamén recuperou o seu partido adiado, no seu caso, empatando co novo líder, o Villestro, que se sitúa a dous puntos seus. Pese a remontar o tanto inicial dos visitantes, a igualada, 2-2, produciuse no treito final, no minuto 78. Artai e Antón Olveira foron os goleadores dun conxunto branquiazul que encara as tres últimas citas con todo por decidir.

Cadete A

Por último, o Cadete A non tivo tanta fortuna no seu encontro aprazado, caendo por 0-3 contra o Coruxo.

O resto da xornada en Fútbol-11, dos poucos conxuntos que tiveron que recuperar xornadas, deixounos estes resultados e así marchan todas as clasificacións.