Etiquetas de Mautic

Triunfo vital do Xuvenil A e o Sigüeiro asegura o segundo posto

A SD Compostela B regresou á senda do triunfo e dependerá de si mesmo na última cita

A xornada para os equipos de Fútbol-11 da base da SD Compostela deixou tres grandes noticias.

Por unha banda, o Xuvenil A conseguiu un triunfo capital en Asturias, segundo consecutivo como visitante, para deixar a permanencia practicamente encarrilada. Polo outro, o Sigüeiro, a pesar da derrota, certificou o segundo posto do subgrupo. E, a maiores, a SD Compostela B recuperou a senda da vitoria e dependerá na última xornada de si mesmo.

Xuvenil A

O Xuvenil A volveu mostrar esta pasada fin de semana o seu espectacular nivel, logrando unha vitoria de prestixio contra o Arenal, 0-2. Trala derrota contra o Pontevedra, os branquiazuis levan dúas vitorias consecutivas lonxe de Santiago, seis puntos capitais para deixar encarrilada a permanencia na categoría con moita antelación, todo un fito para un recentemente ascendido.

No encontro disputado na tarde do sábado, ante o rival que marcaba a salvación, os nosos mostraron unha gran solidez defensiva e levaron o triunfo grazas á gran actuación de Hugo Alvarellos. O canteirán anotou o tanto inaugural, no primeiro acto, e provocou o penalti do segundo, transformado polo capitán Axel Sánchez.

Agora, coa tranquilidade dos últimos resultados, os nosos afrontan este sábado un partido ilusionante en Santa Isabel, contra o Celta, líder intratable da categoría. Os xogadores adestrados por Rati tentarán sorprendelos, a partir das 16.00 horas, co apoio da afección.

Sigüeiro FC

O filial compostelanista, coa clasificación matemática para a fase polo ascenso, selou esta fin de semana a segunda posición do Subgrupo Norte A. A pesar de caer derrotados 2-1 contra o Xallas, con gol de Borja, o resto de resultados permiten aos nosos chegar á última cita sen nada en xogo.

Agora, para a segunda fase, na que se enfrontarán aos rivais do Subgrupo Norte B, entrarán con 4 puntos, a dous dos dous equipos que marcan o corte para subir a Terceira.

SD Compostela B

Tras varias semanas sen coñecer o triunfo, o Zona Vella regresou á senda triunfal contra o Racing San Lorenzo, 1-3. Nun encontro con ampla presenza de xogadores do xuvenil, os branquiazuis sumaron tres puntos vitais, xa que lle permiten regresar á segunda posición e depender de si mesmos para meterse na fase de ascenso.

No citado encontro os goles foron obra de Mario e Artai, este último cun dobrete. Para a última xornada, o Compos medirase ao Trazo, cuarto clasificado, empatado a puntos, polo que o resultado marcará quen se mete.

Cadete A

Por último, non tivo tanta sorte o Cadete A, que caeu pola mínima, 0-1, contra o Conxo Santiago.

Este resultado manteno na penúltima praza do subgrupo, aínda que na última xornadaenfróntase ao Pontevedra e de gañarlle adiantaríalle na táboa, o que supoñería algún punto máis para a segunda fase.

Ademais, o resto da xornada entre os equipos de Fútbol-11 do Compos deixounos os seguintes resultados e así marchan as súas respectivas clasificacións.