Etiquetas de Mautic

Crónicas canteira fin de semana Obradoiro CAB-SAD

1a DIV. CADETE: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro vence de local ao EDO Blanco Amor (83-55)

O Balidea Obradoiro recibiu ao EDO Blanco Amor da cidade de Ourense, esta vez exercendo de local no pavillón de Pío XII, debido ás dificultades para xogar o encontro por haber unha convocatoria de selección cadete da Federación Galega, no medio dunha xornada de liga.

O partido comezou cun ritmo de xogo moi alto por parte de ambos os equipos, onde os do Balidea Obradoiro presionaban o balón a toda pista e corría moi ben as transicións ofensivas despois de rebote ou recuperación do balón. Aos de Ourense, custáballes circular o balón en ataque grazas á presión nas liñas de pase dos obradoiristas, chegando ao final do primeiro cuarto cun marcador de 22-7 para os locais.

No segundo cuarto, os de Blanco Amor tentaban anotar sendo moi verticais a canastra en penetracións, pero os obradoiristas traballaban ben no seu sistema de axudas, obrigando aos visitantes a unha mala selección de tiro. Tras dominar o rebote defensivo conseguían correr o campo e mellorar as súas opcións ofensivas, abrindo 22 puntos de diferenza ao descanso do encontro (42-20).

Tras o paso polos vestiarios, os visitantes apostaron por unha defensa en zona 2-3, que atascaba aos do Obra nos primeiro minutos do terceiro cuarto e ordenábanse mellor en ataque, logrando bos tiros con acerto desde a distancia.

Os obradoiristas non eran capaces de manter o nivel defensivo e os de Blanco Amor recortaban a diferenza ao final do terceiro cuarto a 17 puntos (60-43).

No último cuarto o partido seguía con moito ritmo e intensidade, pero ningún dos dous equipos gozaba de acerto nos tiros, tanto de lonxe como en posicións próximas ao aro, cos do Balidea Obradoiro tendo o control do xogo grazas a unha mellora defensiva, chegando ao final do partido co marcador de 83-55.Os parciais de cuartos foron: 22-7, 20-13, 18-23 e 23-12.

No próximo partido, o Balidea Obradoiro enfrontarase ao Marín Peixe Galego.

1a DIV. CADETE: OCA Hotels Obradoiro Vedra

Derrota axustada do OCA Hotels Obradoiro Vedra ante o Iberconsa Novobasket (73-65)

O OCA Hotels Obradoiro Vedra visitou a pista do Iberconsa Novobasket despois de perder no partido de ida por 27 puntos.
Comezou o encontro cun intercambio de golpes entre ambos os conxuntos, pero os visitantes controlando o ritmo do partido grazas a unha mellor orde e dureza en defensa, que lles outorgaba as primeiras vantaxes chegando ao final do primeiro cuarto cun 16-17 no marcador.

No segundo cuarto ambos os equipos endureceron a defensa e o transcurso do partido foi máis parello pero con máis acerto en ataque, indo ao descanso con empate no marcador (37-37), cun bo desempeño colectivo dos do OCA Hotels Obradoiro.

Á volta do vestiario, os dous equipos propuxeron defensas duras cun choque de estilos, o Obradoiro facendo un despregamento todo o campo como na primeira parte e o Novobasket pechando os espazos en media pista e xerando atrapes defensivos. Así transcorreu o terceiro cuarto cun parcial de 21-19 para os locais, que favoreceu para seguir en vantaxe ao local no marcador, cunha diferenza de 2 puntos ao final do terceiro cuarto (58-56).

Xa no último cuarto a dureza era máxima e as imprecisións fixeron que Novobasket se distanciase no marcador a falta de 5 minutos a 10 puntos. Os do OCA Hotels Obradoiro Vedra seguiron plantando cara ao líder do grupo e competindo ata o final do partido, cun marcador final de 73-65.

Os parciais por cuartos foron: 16-17, 21-20, 21-19 e 15-9.O próximo encontro de OCA Hotels Obradoiro Vedra recibirá ao Seis do Nadal no Polideportivo de Vedra pola quinta data da 2a fase da Liga Galega de Baloncesto.

1a DIV. INFANTIL: Cenor Obradoiro

O Cenor Obradoiro acaba a serie contra Ferrol facéndose cunha vitoria nun partido moi igualado (69-73)

O Cenor Obradoiro chegou ao partido cos 10 xogadores dispoñibles. Os momentos iniciais do partido foron todos a favor do Ferrol, quen aproveitou a mala defensa do Cenor Obradoiro para poder anotar as primeiras canastras do partido.

O Obradoiro non foi capaz de arrincar no principio do partido, cometendo perdas na subida do balón e regalando canastras fáciles a Ferrol. Ao final do primeiro cuarto o Ferrol levou a vantaxe (19-15).

No segundo cuarto, o Obra tratou de mellorar detalles en defensa, sendo mais sólido na defensa do 1×1 e tamén mellorando a súa capacidade de pechar o rebote defensivo. Pero o equipo local fixo unha gran banca defensivo, non deixando ao Obra correr ou xogar rápido en transición. O Obra tamén tivo problemas para anotar, non sendo capaces de circular o balón en media pista.

Un mal xogo sen balón condenou o Obra a só 13 puntos no cuarto. O equipo chegou ao descanso con moitas cousas para axustar (35-28).

O terceiro cuarto deu a volta completamente ao partido. O Cenor Obradoiro saíu do vestiario cun plan que funcionou á perfección. A través da mellora na actividade defensiva e primeiro pase de contraataque, foron capaces de volver ao partido, con finalizacións preto ao aro. Pero o equipo de Ferrol non baixou os brazos, volvendo ao partido outra vez tras un triplo e varias defensas sen recibir canastra. Ao final do cuarto o Obra atopou o seu acerto desde a liña de tres, xunto con varias boas defensas convertidas en canastra para poder levar a súa primeira vantaxe no marcador.

O último cuarto foi de infarto. Ambos os equipos xogaron un bo baloncesto, baseado na solidez defensiva, e tomando boas decisións en ataque, nun xogo máis lento. Os xogadores do Obra creceron durante o cuarto, cunha gran actividade defensiva, non permitindo o Ferrol xogar fácil, con actividade demans e defendendo forte as liñas de pase. En ataque o Obra foi capaz de pasar o balón ben entre todos os xogadores, xogando ben os 1×1 e mantendo bos espazo sen balón.

Nos últimos minutos, o Cenor Obradoiro contaba cunha vantaxe de seis puntos e o Ferrol anotou un triplo para acortar a diferenza e poñerse a tan só tres. Pero unha boa saída de presión e un tiro libre anotado deixou a vitoria no lado do Cenor Obradoiro.

Os parciais por cuartos foron: 19-15, 16-13, 18-27, 16-18.

O próximo partido será o domingo 3 de Abril, ás 10:00 horas, contra PBB Porriño.

2a DIV. INFANTIL: Bahía Software Obradoiro / Camiño Inglés Obradoiro Oroso

Remontada do Bahía Software Obradoiro ante o Camiño Inglés Obradoiro Oroso (59-58)

O pavillón de Lorenzo da Torre acolleu o partido de ida correspondente á 2a Fase entre os dous equipos obradoiristas do club na mesma categoría: o Bahía Software Obradoiro e o Camiño Inglés Obradoiro Oroso.

Os corenta minutos mostraron moita igualdade e unha gran deportividade por parte de ambos os equipos, gañando o Camiño Inglés Obradoiro Oroso as primeiras vantaxes. O ritmo de xogo era moi alto e os dous conxuntos conseguían chegar ata a zona rival (16-19).

No segundo cuarto, baixou a anotación de ambos os equipos. A pesar diso, o Bahía Software Obradoiro non mostraba a súa mellor versión defensiva, sen pechar ben o 1×1 e sen a súa axuda correspondente. En ataque si mostraban un bo espazo e cunha boa circulación de balón. Chegábase ao descanso cunha vantaxe para o Camiño Inglés Obradoiro Oroso (28-33).

Tras a continuación, o Bahía Software Obradoiro seguía acusando a superioridade física do rival, que parecía ter controlado o encontro.

Ofensivamente os locais atopaban bos focos de anotación, nos que non conseguían converter.Os últimos dez minutos encarábanse con sete puntos de desvantaxe para o Bahía Software Obradoiro (38-45). Neste último cuarto produciuse a remontada dos locais. O nivel defensivo fora subindo a medida que avanzaba o partido, mentres que ofensivamente xogaban un dos seus mellores encontros. Desta forma conseguíase anotar principalmente grazas á verticalidade no 1×1, de maneira directa ou indirecta. Os xogadores foron capaces de manter unha mentalidade positiva todo o encontro, para verse con posibilidades nun final de fronte ou cruz (59-58).

Por parte do Bahía Software Obradoiro xogaron e anotaron: Tomás Chao (17), Yago Suárez (12), Jairo Olivas (-), Hugo Fraga (11), Hugo Balsa (2), Iker Mazari (2), Matteo Péndola (-), Miguel Sobrino (8), Eloy Rodríguez (-), Martín Seoane (-), Mario Rama (5) e Lois Freire (2).

Os parciais foron: 16-19, 12-14, 10-12 e 21-13.

O seguinte partido está fixado para a próxima fin de semana, no que disputarán entre os mesmos conxuntos o partido de volta.

PREINFANTIL: Cafés Sabora Obradoiro

Nova derrota do Cafés Sabora Obradoiro ante o Sociedad Deportiva Tui (44-82)

Esta fin de semana enfrontáronse, nunha nova xornada da Liga Preinfantil, o Cafés Sabora Obradoiro fronte á S.D. Tui, nun partido onde os locais volveron a poder contar con todos os seus xogadores.

O partido comezou cun bo Cafés Sabora Obradoiro, metido no encontro, con bastante actividade e agresividade, cós xogadores concentrados en facer un bo traballo defensivo sobre todo. Foron conseguíndoo, aínda que non se veu recompensado totalmente debido á falta de acerto dos xogadores obradoiristas, pero iso non fixo que deixaran de intentalo e conseguiran rematar a tan só tres puntos de diferenza ao rematar o período (13-16).

O segundo período comezou coa mesma dinámica, pero nesta ocasión os visitantes atoparon algunhas canastras ao mellorar o seu acerto, e neste período si que a falta de puntos do Café Sabora Obradoiro mermou a confianza dosxogadores, facendo que estes non se atreveran moitas veces nin a tan sequera lanzar a canastra, caendo en perdas e máis erros que propiciaron contras de Tui.

Pese a isto, o Obra non lle perdeu a cara ao partido e seguiron pelexando e tentando remontar a situación, a pesar de que xa era moi complicado. Ao descanso o marcador era de 19-39.

Á saída do descanso si que asemellou que os ánimos estaban algo máis baixos e o Obra comezou cos brazos algo baixos, sen moitas gañas de competir, pero tras un tempo morto local, volveron a unha actitude de máis loita, compromiso e vontade de querer sacar o partido adiante, aínda que seguían faltando puntos, mentres que os visitantes conseguían anotar con accións de bastante mérito.

No derradeiro período viuse a un Obra que, ante xa a nula presión do marcador, xogaron algo máis soltos, sobre todo en ataque, cun xogo máis coral, atopando boas accións e bos tiros que, aínda que seguían cometendo bastantes erros,
desta ocasión seguían tomando tiros con confianza, sen medo ao erro, e en defensa fixeron un bo traballo de esforzo ata o último momento. O resultado final foi de 44 – 82.

Os parciais foron de 13 – 16, 6 – 23, 11 – 26, 14 – 17.

A próxima fin de semana repetirase o partido, pero desta ocasión na vila de Tui.