Etiquetas de Mautic

Crónicas canteira fin de semana Obradoiro CAB-SAD

Obradoiro CAB en O Noso Deporte

1a DIV. CADETE: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro vence de visitante ao Edo Blanco Amor de Ourense (53-104)

O Balidea Obradoiro visitou a pista do Edo Blanco Amor para disputar o partido de ida, correspondente á xornada 3 da segunda fase da Liga Galega Cadete.

O partido comezaba cun ritmo de xogo moi alto por parte de ambos os equipos, onde os do Balidea Obradoiro presionaban o balón a toda pista e corría moi ben as transicións ofensivas despois de rebote ou recuperación do balón. Aos de Blanco Amor custáballes conseguir as primeiras canastras do partido, obrigados a mellorar a orde defensiva, chegábase ao final do primeiro cuarto cun marcador de 12-23 favorable aos visitantes.

No segundo cuarto, os de Ourense atopaban a súa mellor versión ofensiva e eran capaces de anotar en penetracións a canastra a partir do 1×1, xa sexa en finalizacións ou tiros de longa distancia. Os do Balidea Obradoiro mantiñan o seu nivel ofensivo, pero non eran capaces de pechar as penetracións dos locais, e chegábase ao descanso do encontro cun marcador de 30-43.

Tras o paso polos vestiarios, os locais apostaron por unha defensa en zona 2-3 que atascaba aos do Obra nos primeiros minutos do terceiro cuarto, pero aos poucos foron lendo os desaxustes, atopando bos tiros en boas posicións con acerto e sendo capaces de dividir a defensa con penetracións e pases. En defensa, os obradoiristas melloraban a súa intensidade e dureza no 1 contra 1 e, así, tomaban o dominio do ritmo do partido chegando ao final do terceiro cuarto con 29 puntos de vantaxe no marcador (39-68).

No último cuarto o partido seguía con moito ritmo e intensidade. Os obradoiristas mantiñan a intensidade defensiva e dominio do rebote no seu taboleiro e eran capaces de correr o campo con canastras de ataque rápido. Os de Blanco Amor xogaban a súa ofensiva a partir do 1×1, pero era ben contido pola defensa do Balidea Obradoiro, chegando ao final do encontro co marcador final de 53-104.

Os parciais de cuartos foron: 12-23, 18-20, 9-26 e 14-36.O próximo partido o Balidea Obradoiro recibirá ao Edo Blanco Amor para o partido de volta entre ambos os equipos.

1a DIV. CADETE: OCA Hotels Obradoiro Vedra

Derrota do OCA Hotels Obradoiro ante o Iberconsa Novobasket (61-88)

O OCA Hotels Obradoiro Vedra recibiu no seu campo ao Iberconsa Novobasket, na terceira data da fase de campionato.

Comezou o encontro cun intercambio de golpes entre ambos os conxuntos, pero os locais controlando o ritmo do partido grazas a unha mellor orde e dureza en defensa, que lles outorgaba as primeiras vantaxes no marcador, chegando ao final do primeiro cuarto 23-20.

No segundo cuarto ambos os equipos seguiron duros na defensa pero o Iberconsa Novobasket puido aproveitar os ataques rápidos tras recuperación de balón, para tomar distancias no marcador, chegando ao descanso do encontro con 12 puntos de vantaxe ao seu favor (36-48). Á volta do vestiario, os dous equipos propuxeron defensas duras cun choque de estilos, o OCA Hotels Obradoiro Vedra facendo un despregamento a todo o campo como na primeira parte e alternado con zona alternativa, mentres que o Novobasket pechaba os espazos en toda pista presionando o balón e cortando as liñas de pase.

Así transcorreu o terceiro cuarto onde o visitante estivo moi acertado nos tiros de longa distancia, o cal favoreceu para seguir en vantaxe no marcador, conseguindo unha diferenza de 19 puntos ao final do terceiro cuarto (50-69).

Xa no último cuarto as imprecisións fixeron poder alongar o marcador a 27 puntos de diferenza para o Iberconsa Novobasket, onde este tivo unha gran porcentaxe de acertos de tiro libre e ataques rápidos que deixou sen reacción aos obradoiristas, chegando ao marcador final de 61-88.

Os parciais por cuartos foron: 23-20, 13-28,14-21 e 11-19.

O próximo encontro do OCA Hotels Obradoiro Vedra será a volta contra o Iberconsa Novobasket na cuarta data da liga Galega de Baloncesto.

1a DIV. INFANTIL: Cenor Obradoiro

O Cenor Obradoiro comeza a segunda volta con vitoria ante un gran Basket Ferrol (84-73)

O Cenor Obradoiro chegou ao partido cos 10 xogadores dispoñibles tras recuperar a Mateo Blanco e Adrian Carneiro.

O partido empezou co Cenor Obradoiro forzando un partido de ritmo alto, que lles permitiu levar a primeira vantaxe no marcador. A intensidade defensiva foi clave, aproveitando para presionar moito a toda pista e forzar o equipo visitante a pasar longo, perdendo balóns e axudando a Obra para correr. Pero foi o mal peche do rebote o que custou ao Obra, permitindo a Ferrol varias segundas oportunidades a canastra, manténdos así no partido.

O segundo cuarto foi onde o Obradoiro practicou o seu mellor baloncesto, mellorando o seu traballo no rebote defensivo para poder correr aínda máis tras o tiro de Ferrol. Daquela o bo uso do pase en media pista foi clave, axudando o Obra circular o balón e atopar os seus tiradores, onde logran un gran nivel de acerto no cuarto. Pero o Ferrol non baixou o seu nivel tampouco, xogando moi ben nas situacións de aclarado 1×1 onde o Obra non foi capaz de frear, e así o partido chegou ao descanso con vantaxe a favor do Obra (56-42).

Despois do descanso o Obra empezou moi frouxo, perdendo o balón nas dúas primeiras posesións e o Ferrol aproveitou para achegarse no marcador. Cun gran traballo no 1×1, o visitante foi capaz de chegar preto ao aro con penetracións que acabaron varias veces en 2+1. O Obra respondeu cun gran traballo no 1×1 tamén, pero neste caso aproveitando as penetracións profundas ao aro para xerar balóns dobrados e anotar desde o perímetro, mantendo unha diferenza de 5 puntos no marcador ao final do terceiro cuarto (68-63).

No último cuarto o Obra volveu controlar o partido, subindo o nivel de actividade en defensa e forzando ao Ferrol a xogar con moitas pases en cada ataque e menos efectividade na súa 1×1 de aclarado. No lado ofensivo, dous triplos para o Obra foron claves para pechar o partido, chegando desde un gran xogo en transición para ocupar a pista rápido e poder tirar sós. O Cenor Obradoiro levou unha vitoria moi traballada (84-73).

Os parciais por cuartos foron: 23-18, 33-24, 12-17, 16-14.A volta contra Basket Ferrol será o 27 de Marzo ás 18:00 en Ferrol.

2a DIV. INFANTIL: Bahía Software Obradoiro

Derrota do Bahía Software Obradoiro no partido de volta ante o Rosalía Fedesa (22-64)

O Bahía Software Obradoiro recibiu na súa pista ao Instituto Rosalía Fedesa para disputar o encontro de volta correspondente á segunda fase. Por parte dos locais, non puido xogar Héctor Blanco por lesión.

O comezo do partido mostrou un ritmo altísimo de xogo. As posesións eran numerosas e moi curtas para ambos os equipos, pero con moi pouco acerto. Os visitantes anotaban con máis facilidade grazas á súa superioridade física e chegábase cunha vantaxe do Rosalía ao segundo cuarto (2-11).

Neste parcial, o equipo visitante conseguía anotar en contraataque con bastante facilidade, mentres que o Obradoiro sufría cando tiña o balón. O listón físico do partido non era favorable para o Bahía Software Obradoiro, que anotaría moi pouco en toda a primeira metade, chegando ao descanso cunha clara desvantaxe (5-27).

Tras o descanso, o Bahía Software Obradoiro mostrou a súa mellor versión no partido. Melloraron moito a saída de balón, o que lles propiciaba un xogo ofensivo máis fluído. Un cuarto igualado non facía reducir a vantaxe visitante, chegándose ao último cuarto co partido virtualmente decidido (17-42).

Nos últimos dez minutos, o Obradoiro seguiu coa mellora ofensiva no partido, mostrando uns grandes minutos.

Defensivamente e en canto a dureza seguiron mostrando unha boa imaxe, a pesar da desvantaxe. A vitoria foi para o Rosalía Fedesa por 22-64.

Os parciais foron: 2-11, 3-16, 12-15 e 5-22.

O seguinte partido será a próxima fin de semana, recibindo ao equipo do Club, o Obradoiro Oroso ,en horario por determinar.