Etiquetas de Mautic

Crónicas canteira fin de semana Obradoiro CAB-SAD

Obradoiro CAB en O Noso Deporte

LIGA EBA: Obradoiro Silleda

O Obradoiro Silleda confirma unha nova vitoria ante Marín Peixe Galego grazas ao seu acerto dende a liña de tres (100-88)

O Obradoiro Silleda recibiu na súa pista a un clásico do baloncesto galego, un Marín Peixe Galego que chegaba tras gañar os seus dous últimos encontros.

Viviuse un partido no que os obradoiristas lograron marcar un alto ritmo de xogo e o seu acerto desde o triplo (con ata 18 anotados) foi clave para dominar o encontro (100-88).

Arrincou o partido con erros de concentración por parte dos locais, concedendo puntos fáciles dentro da súa pintura. O Marín Peixe Galego trataba de confundir no ataque aos obradoiristas cunha defensa de caixa e un, pero tras dous minutos de imprecisións, o gran acerto desde o triplo por parte do Obradoiro Silleda obrigáballes a cambiar a estratexia. Cun parcial de 22-11 a metade do cuarto, os visitantes foron endurecendo a súa defensa e castigando baixo os aros ao seu rival para irse un punto por diante ao termo do primeiro período.

O segundo cuarto mantíñase cun constante intercambio de golpes, ata que na metade do mesmo o Obradoiro Silleda subiu dous niveis a súa intensidade defensiva e logrou forzar perdas no seu rival e comezar a aumentar a distancia no marcador ata o 54-46 co que se chegaría ao descanso.

Tras o paso por vestiarios, os obradoiristas seguiron tratando de manter unha forte presión que dificultase a creación de xogo rival, logrando así aumentar lixeiramente a vantaxe e controlar o partido cunha diferenza maior aos dez puntos na entrada ao últimos dez minutos.

No último cuarto o Marín Peixe Galego non deixou de pelexar ata o último segundo, atopando un gran momento de acerto nos últimos minutos que impedía que os locais lograsen romper o encontro. Desta forma viuse un novo intercambio de golpes entre ambos os conxuntos ata o asubío final, levándose os obradoiristas unha nova vitoria por 100-89.

Os parciais por cuartos foron: 28-29, 26-17, 22-16 e 24-26.Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: B. A Nongo (9), C. Hernández (23), M. Souto (2), A. Soto (5), C. Taboada (13), S. Huguet (21), M. Paz (3), J. Cal (8), N. Serra (-), S. Paz (14), G. González (2) e D. Diahame (-).

https://baloncestoenvivo.feb.es/partido/2220762

A próxima fin de semana o Obradoiro Silleda visitará a complicada cancha do Traumacor Culleredo co obxectivo de manter a súa boa liña de xogo.

1a DIV. SENIOR: Obradoiro USC

O Obradoiro USC sufre para levar a vitoria ante o Calvo Basket Xiria (69-69)

O Obradoiro USC recibiu no Pavillón Lorenzo da Torre ao Calvo Basket Xiria. O equipo local contaba coas baixas de Andrés Forján e Gorka Arejolaleiba.

Completaron a convocatoria os junior Marc Colom, Anxo Casais, Miguel Gil e Juan Bocca.

O primeiro cuarto foi claramente dominado polos visitantes, moito máis agresivos defensivamente e cun gran uso de mans que incomodou moito ao Obradoiro USC, ao que lle custaba moito anotar ante a oposición do equipo de Xiria. Faise notar xa neste cuarto unha dinámica que se repetiría durante todo o encontro: a escasa porcentaxe de acerto no tiro exterior por parte de ambos os conxuntos.

No segundo período cambian as tornas e son os xogadores do Obradoiro USC os que soben o nivel físico do partido e conseguen boas defensas que lles permiten anotar con facilidade en transicións rápidas tras recuperacións de balón. Os de Xiria, esta vez, atopan moitas dificultades para atopar camiño libre ao aro e non conseguen anotar con regularidade. Por todo iso, o encontro vaise ao descanso cun marcador de 35-29.

O terceiro cuarto é un intercambio continuo de refachos, no que ambos os equipos conseguen endosar parciais en diferentes tramos do período debido a varios erros defensivos de ambos os conxuntos. Os primeiros minutos son dominados polo Obradoiro. Con todo, un parcial final de 0-8 permite ao Basket Xiria achegarse no marcador e colocarse a tan só 6 puntos de diferenza.No último cuarto as dúbidas invaden aos locais, que non son capaces de atacar con claridade a zona 1-3-1 proposta polos visitantes. Un triplo de Miguel Gil ao final de posesión dá aire ao Obradoiro rompendo un parcial negativo a metade de período. A continuación, danse un intercambio de canastras nun e outro lado da pista ata os últimos dous minutos de partido, nos que o Xiria sobe liñas e presiona balón para tentar recuperar rápido. Conségueno nun par de ocasións, o que lles permite poñerse a só 3 puntos. Finalmente, os tiros libres certificaron a vitoria do Obradoiro USC.

Por parte do Obradoiro USC xogaron: F. Barreiro (-), A. Carrera (2), A. Casais (-), M. Gold (3), J. Bocca (9), L. Fernández (12), M. Colom (-), T. Álvarez (13), F. Belo (12), M. Gil (3), A. Soto (8) e P. Pérez (7).

Os parciais por cuartos foron: 13-18, 22-11, 17-17 e 17-20.

O próximo encontro disputarase o sábado 19 de xaneiro, ás 19:15 horas, no Pavillón Lorenzo da Torre contra o Syngenta 6 do Nadal, nun partido que marcará que equipo encara como primeiro as últimas dúas xornadas do grupo.

1a DIV. JUNIOR: Obradoiro Peleteiro

O Obradoiro Peleteiro mantén o seu gran estado de forma fronte ao COB (108-52)

O Obradoiro Peleteiro recibiu na súa pista ao Club Ourense Baloncesto nun partido que conseguiron dominar os composteláns para facerse coa vitoria (108-52).

Saída consistente e equilibrada por parte do equipo local ao partido, cun gran nivel de acerto ao que uniron unha gran intensidade no rebote ofensivo. Isto permitía aos obradoiristas anotar en situacións próximas ao aro, atopando tiros de alta porcentaxe a través do contraataque e do rebote ofensivo, logrando romper o partido xa no primeiro cuarto cun parcial de 37-16 que acabaría sendo definitivo.

Durante o segundo cuarto non baixou a intensidade do cadro compostelán, aos que nesta ocasión acompañou durante todo o partido un gran nivel de acerto.

As diferenzas aumentaban ante un adversario que por momentos parecía baixar a súa agresividade. Resultaron minutos onde todos os xogadores obradoiristasachegaban en ambos os lados da cancha, chegando ao descanso cun claro 67-23.

Tras pasar polos vestiarios, os cobistas tratan de xogar de ti a ti aumentando a súa agresividade desde o rebote. Isto permítelle obter un maior número de posesións e tiros en posicións de mellor porcentaxe. Este cambio de imaxe por parte dos ourensáns failles competir de igual a igual o cuarto, logrando un 19-16 neste período, pero sen reducir as diferenzas da primeira parte.

Durante o último cuarto parecen faltar forzas aos ourensáns curtos na rotación. O Obradoiro Peleteiro recupero sensacións e ritmo de xogo tanto na faceta defensiva como na ofensiva. O equipo local dominaba todos os aspectos determinantes do xogo, levándose unha nova vitoria por un 108-52 final, nun encontro no que destacou o espírito colectivo e solidario do equipo.

Por parte do Obradoiro Peleteiro anotaron: Fuentes (6), Rigueiro (-), Vilar (9), Prieto (21), Gil (14), Diahame (16), Casais (17), Fernández (13), Colom (5), Bocca (7).

Os parciais por cuartos foron: 37-16, 30-07, 19-16 e 22-13.

A seguinte xornada o Obradoiro repítese o enfrontamento ante Club Ourense Baloncesto en cancha visitante e toca recuperar un partido ante Seis do Nadal entre semana.