Etiquetas de Mautic

Segundo posto de Javier de Dios en Ourense e triunfo de Yago Iglesias na Costa da Morte

Completamos outra fin de semana de competicións que nos deixou grandes resultados e unha excelente xornada de convivencia para os nosos atletas na primeira carreira do Circuíto Correndo pola Costa da Morte.

O sábado foi a quenda de Javier De Dios e Alejandro Montero na Carreira Nocturna Banco Mediolanum 15K en Ourense. A dupla branquiazul deixou unha magnífica pegada na carreira ourensá, onde Javier atravesou a liña de meta en segundo lugar cun tempo de 49:36. Alejandro Montero fixo o propio en 53:28 e foi noveno e quinto na categoría Senior.

En Laredo, na popular carreira 10K da vila cántabra, estiveron Jordi Carrasco e Brais Pérez. Jordi fixo unha espectacular carreira cun tempo de 32:12, que lle valeu para conseguir dous éxitos importantes: 1a posición da categoría Master45 e Mellor marca persoal en 10K, baixando en 42 Segundos a súa marca anterior.

O domingo tivo lugar a primeira carreira do Circuíto Correndo pola Costa da Morte. Camariñas acolleu a cita inaugural da serie e, como non podía ser doutro xeito, alí estiveron un amplo número de atletas da SD Compostela Atletismo, tanto na distancia de 3K como a de 10K.

Na distancia curta, destacable carreira de Yago Iglesias que gañou na súa categoría xuvenil cun tempo de 09:12.

Ademais, algunhas das nosas atletas máis novas como Ariana Iglesias e Lucía Taboada tamén se animaron a participar nas súas diferentes categorías.

Pola súa banda, entre os nosos atletas adultos correron a distancia 3K: María Tarrío (F-4a), Laura Botana (F-10a), Antía Botana (F-17a), Malena Amigo (F-26a), Nicolás Iglesias (M-8o) e Francar García (M-14o).

Mentres tanto, en 10K participaron: Manuel Castiñeiras (M-18o), Martín Abelenda (M-26o), José Figueiras (M-110o), Juan Luis Botana (M-134o) e Jesús Cabo (M-173o).

A próxima fin de semana teremos unha cita moi especial, o Cross e Andaina Solidaria para investigación Duchenne-Becker «Unha tarde con Samuel». Vémonos a tarde do sábado no Monte do Gozo, nunha xornada fantástica con sorpresas, agasallos e diversión para todas as idades.