Etiquetas de Mautic

O Compos triunfa na Carreira do Cocido e destaca en Ourense e Córdoba

  • Julia Vaquero e Nuno costa gañaron a duodécima edición da competición en categoría absoluta
  • Os nosos participaron na Copa de Equipos Máster de Galicia e con Jordi Carrasco, no Campionato de España Máster de Campo a través

A SD Compostela completou unha fantástica fin de semana, na que os corredores branquiazuis deixaron o seu selo por todo Galicia e mesmo en terras andaluzas. Destacou o dominio na XII Carreira do Cocido de Lalín, onde Julia Vaquero e Nuno Costa resultaron vencedores absolutos.

Pola súa banda, en Ourense, estiveron os nosos máster na Copa de Equipos, mentres que, en Córdoba, Jordi Carrasco firmou un fenomenal duodécimo posto no Campionato de España de Campo a Través.

Comezaba a fin de semana co campionato de Galicia de pista cuberta de sub10 a sub14 onde participaron, e con magníficos resultados: Iara Torres, nos 60 metros; Irene Leis, nos 500; Daniela Gil, nos 1000; Clara López, nos 1000; e Lucía Taboada, nos 2000.

Na outra cita da xornada celebrada en Pontevedra, o Control de Inverno ao Aire Libre, debutou de maneira excelente na proba dos 100 metros lisos a nosa atleta Vanesa Fernández. Alí tamén estivo Emilio García, quen representou as cores branquiazuis nos 400m.

Os máis cativos deixaron paso para que os nosos Máster tomaran a pista cuberta o domingo, nesta ocasión na Copa de Equipos onde, por vez primeira, participou a SD Compostela Atletismo con formación tanto masculina como feminina. Cabe destacar que esta é unha competición na que poden participar os oito mellores conxuntos de Galicia, que se clasifican polas marcas individuais.

Participaron, no equipo feminino: Malena Amigo, nos 60m e triplo salto; María Tarrío, nos 800; Sonia Rodríguez, nos 200; Ana Ferradás, no lanzamento de Peso; Rocío Díaz, nos 3000 e 400; e María Emilia, na lonxitude e 1500. Todas elas acadaron o quinto posto final na clasificación.

Pola súa banda, en homes competiron: Juan Alvarellos, nos 60m; Santi da Pena, nos 400 e Pértega; Amador Pena, nos 800; Emilio García, nos 60 valados e 1500; Manuel Castiñeiras, nos 3000; Pedro Pazos, na altura; e Francisco Pena, no lanzamento de peso. Ademais, nos relevos, o Compos competiu con Juan Alvarellos, Pedro Pazos, Amador Pena e Manuel Castiñeiras. No seu caso remataron no sexto posto.

Moi preto de Ourense, en Lalín, a SD Compostela Atletismo brillou na XII Carreira do Cocido, na que Julia Vaquero e Nuno Costa foron campións absolutos, nas respectivas probas de 5K e 10K.

Entre o milleiro de corredores que se deron cita na terra do Deza, nunha xélida e chuviosa mañá de domingo, atopábase unha ampla representación de atletas branquiazuis.

Iván Abeledo (3o) e Sindo González (10o), situáronse entre os máis rápidos dos 5K, proba na que tamén participou o atleta Ignacio Diéguez (39). Mentres tanto, Julia Vaquero (1a) levou a vitoriaabsoluta femenina cun tempo de 20:40.

Na distancia longa, Nuno Costa (1o), asinou un tempo de 31:50 para facerse co primeiro posto absoluto masculino. Por detrás de Nuno chegaron Alejandro Montero e Yago Iglesias, queconseguiron premios como 2o SeniorM e 1o Sub-18, respectivamente. Elena Veres (3a SeniorF) e Nuria Mejuto (6a SeniorF) completaron a participación na carreira absoluta. Tamén, en categorías de menores, Clara López e Ariana Iglesias, participaron na proba Sub-12.

Pola súa banda, tamén en Ourense, o noso atleta Javier de Dios fixo dobrete, sábado e domingo, coa súa participación na Carreira da Muller 5K en Pereiro de Aguiar e no Trail de Paderne de Allariz 14K. Javier alzouse coa vitoria en ambas carreiras, cun tempo de 19:10 nos 5K e 1:12:33 no Trail.

Por último, en Córdoba tivemos a Jordi Carrasco participando no Campionato de España Master de Campo a través. Jordi foi quen de percorrer os 5,5km da proba en 17:46 e situarse entre os vinte mellores atletas da súa categoría M45 (12).