Etiquetas de Mautic

No Monte do Gozo, todos gañamos por Samuel

Uns 600 atletas de todas as idades participaron nesta cita solidaria na que colaborou a SD Compostela Atletismo

Gran acollida do II Cross Solidario en favor da Investigación de Duchenne e Becker «Unha tarde con Samuel», evento no que a SD Compostela Atletismo colaborou e participou activamente para que tanto nenos coma adultos puideran gozar dunha tarde de deporte e diversión en favor do noso amigo Samuel.

En torno a 600 persoas asistiron ás instalacións do Monte do Gozo na tarde do sábado para participar nas diferentes actividades programadas: unha andaina e un cross por categorías, así como diversos sorteos de material. Todas elas coa fin de aportar fondos para a investigación de dita enfermidade. Nesta xornada deportiva tan especial, na que destacaron os valores de compañeirismo e solidariedade, participaron atletas chegados de diferentes puntos de Galicia.

Dende as categorías pitufo, Sub-10, Sub-12, Sub-14, Sub-16, Sub-18, Sub-20 ata as categorías absolutas, Senior e Máster, todos os corredores completaron os diferentes circuítos adaptados e con distancias que variaron entre os 350 metros, para os máis cativos, ata os preto de 5 quilómetros para as categorías absolutas.

Dende o Club SD Compostela Atletismo queremos agradecer a todos os atletas, pais, nais, familiares e amigos a súa participación e implicación neste evento, que foi un éxito rotundo e que agardamos podamos repetir en vindeiras tempadas.