Etiquetas de Mautic

Éxito de participación e resultados do Compos no Trail de Toques

Un numeroso grupo de atletas da SD Compostela Atletismo desprazouse esta fin de semana a Toques para participar na III Subida San Cidre – Xacodesafío 2022, unha proba de Trail de 13 quilómetros de percorrido cun desnivel acumulado de 850 metros. No caso da proba de menores, onde tamén tivemos representación branquiazul, a proba consistiu nun circuito de 500 metros sinalado e cun número de voltas designado a cada categoría. O frío e o vento xélido foron acompañantes dos participantes nesta aventuras, que rematou con excelentes resultados para os nosos e unha chea de premios.

Entre as mellores clasificacións, en categorías inferiores destacaron Yago Iglesias, en Sub16, gañou a proba de 2.5 quilómetros; e Ariana, en Sub12, foi cuarta en 1,5 km. Pola súa banda, en adultos, Lennon foi cuarto masculino e segundo Senior M; Pedro, 14o e quinto M50; Elena, primeira muller e primeira Máster F; María, terceira en categoría feminina e primeira en 35F; Nuria, cuarta e terceira Máster F; Walter, 30o e oitavo M35; e Botana, 31oM e undécimo M50.

Outra das citas da xornada foi a Carreira Popular de Teis, nas distancias de 10K e 5K, onde estiveron presentes os atletas Javier Dios, Alejandro Montero e Sindo González. No circuíto de 10.000m, Javier atravesou a liña de meta en nada menos que 34:47 e completou o podio absoluto como terceiro clasificado (2o Senior masculino), mentres que Alejandro asinou unha magnífica carreira, cun tempo de 36:24, e foi duodécimo clasificado absoluto e quinto Senior.

Pola súa banda, Sindo participou no percorrido curto, cun tempo de 22:41 e obtivo o noveno posto da xeral e o cuarto Máster A masculino.

En Narón, na I Carreira da Muller, de 5K, tamén houbo pegada compostelá con Francar García, quen cun tempo de 18:15 foi 23o; Juan Luis Amigo, en 28o lugar con 18:41; e Malena Amigo, con 26:47 e 34a en categoría feminina.

E como non, os nosos cativos tamén tiveron participación, desta vez nun control de marcas na pista da Pobra do Caramiñal. Alí estiveron varios debutantes, así como aos máis habituais.

Probaron en distintas modalidades, algúns gañaron, outros rexistraron os seus primeiros cronos e, sobre todo, pasárono ben facendo deporte entre amigos.

En categoría sub10 participaron en distintas probas como peso, lonxitude e carreiras de velocidade e 500: César, Xandre, Amanda, Daniela e Belén. En Sub12, tamén en distintas carreiras e concursos: Carme, Álvaro, Xoel, Abel, Irene, Clara López, Martina, Iara, Clara Leis e Sofía. E en sub14, en varias probas: Diego, Paula, Lucía, María e África.

Outra xornada de aprendizaxe e diversión, preparados xa para pechar a pista cuberta a vindeira fin de semana, onde algúns destes cativos procurarán participar no campionato de Galicia, ao igual que os Máster na proba de clubs.