Etiquetas de Mautic

Empate do Arteal para pechar a primeira fase

O equipo enfrontarase ao Leka Enea de Irún nos playoff

O Arteal SD Compostela pechou a fase de grupo da Superdivisión Masculina cun empate 3-3 contra o CER L’Escala, conxunto que xogará o playoff polo descenso.

Sen xogarse nada, o corpo técnico decidiu dar descanso a André Silva, xa que arrastraba pequenos problemas físicos, mentres que o rival desprazou ao seu mellor trío.

A contenda abriuse co partido entre Humberto e o chinés Chih Wei. Iniciábase o xogo con dúbidas para o local, que cedía a iniciativa, caendo por 8/11 no primeiro set. No segundo, coa mesma tónica, Chih Wei dominaba 4/7, pero, nese momento, cos ánimos do público, cambiaba totalmente o partido, Humberto remontaba e lograba impoñerse por 15/13, 11/9 e 11/7 (1-0).

O segundo duelo, entre Oriol Monzo e Ramil Mutygullin, quedaría marcado por un primeiro parcial no que o xogador visitante levábao no desempate, por 14/16. Isto deulle ás e gañaba os dous seguintes de forma clara, 4/11 e 7/11 (1-1).

Foi a quenda para Enio, quen se enfrontaba a Iker González. O xogador catalán demostrou un gran momento de forma, cun ritmo de xogo moi alto, respondendo con contraataques ao do Arteal. Así, gañaba os dous primeiros sets, 9/11 e 7/11. Tras pasar polo banco, Enio cambiaba o ritmo de xogo, recorrendo a ataques con moita máis carga de efecto, remontando e gañando os tres seguintes parciais, 11/8, 11/8 e 11/4 (2-1).

A segunda metade da partida estreábase co duelo entre Humberto e Ramil, o cal respondeu ás expectativas, xa que se viu un gran nivel e parciais moi axustados. Humberto gañaba o primeiro por 11/9, pero cedía no desempate do segundo por 10/12. O terceiro era unha repetición do anterior, pero neste caso o que gañaba era o local, 15/13. Isto dáballe máis confianza e impoñíase no cuarto con claridade, 11/5 (3-1).

Co empate asegurado, Enio tiña a primeira oportunidade de pechar o partido, pero para iso tiña que impoñerse a Chih Wei. O xogador chinés foi superior e a pesar dos esforzos do local, derrotábao por 0-3, con parciais 7/11, 10/12 e 7/11 (3-2).
O duelo pechábase con Oriol e Iker. O xogador do Arteal comezaba ben e impoñíase no primeiro set por 13/11, pero foi tan só un espellismo. O novo palista catalán gañaba con facilidade os tres seguintes, 8/11, 5/11 e 2/11, rubricando así o 3-3 final.

Con todo, en palabras do corpo técnico, a lectura positiva foi a resposta de Humberto como número 1, xa que conseguiu sacar os seus dous puntos, despois dunha serie negativa nos partidos anteriores.

Agora, o conxunto compostelán xa sabe que se medirá na primeira rolda dos playoffs ao Leka Enea de Irún, un vello coñecido contra o que disputaron grandes partidos nos anos anteriores á pandemia. Será un rival de gran nivel, con xogadores importantes como os internacionais absolutos Endika Diez e Carlos Franco, o chinés Chan Hyeok e o indú Soumyajit Ghosh. Ademais, fichou na segunda volta a un histórico do tenis de mesa europeo, o serbio Aleksandar Karakasevic.

O primeiro partido debía disputarse en Irún e a volta en Santiago, pero o Arteal solicitou á RFETM o cambio da orde, por mor dunha causa moi xustificada, xa que Jerusa, muller de Humberto Manhani e tamén xogadora e adestradora do club, espera ter unha nena nas datas do primeiro duelo.

Doutra banda, a ETTU comunicou o comezo da competición europea da EUROPA TROPHY, previsto para a fin de semana do 15 ao 17 de abril. O Arteal está pendente de coñecer o rival para a devandita eliminatoria.