Etiquetas de Mautic

Dura derrota para o Arteal na ida do playoff

  • Os parciais moi igualados contrastan co 1-4 final

O Arteal SD Compostela complicouse moito o seu pase ás semifinais do playoff polo título despois de perder no primeiro partido, 1-4, contra o Leka Enea de Irún. O resultado final é relativamente enganoso, xa que en sets foi de 9/12, con parciais moi axustados.

O partido comezaba co enfrontamento entre Enio Mendes e o indú Soumyajit Ghosh. O arranque foi igualado, pero nos puntos finais, Ghosh impoñíase nos dous primeiros sets por un dobre 8/11, en especial polo seu gran xogo co revés. No terceiro, Enio melloraba e impoñía a súa dereita, logrando gañar 11/8, pero novamente no cuarto o visitante volvía impoñerse por 8/11 (0-1).

No segundo partido, André Silva medíase a Endika Díez. O xogador do Arteal gañaba o primeiro por 11/8, pero cedía nos dous seguintes 4/11 e 9/11. A pesar da presión por non realizar o seu xogo habitual, lograba igualar o marcador ao gañar o cuarto set por 11/6. Con todo, no quinto e definitivo, volvía ceder o ritmo e perdía por 8/11 (0-2).

Con 0-2 no marcador, toda a responsabilidade recaía en Humberto, ante un rival moi complicado, o serbio Karakasevic, unha lenda do tenis de mesa europeo. Comezaba o partido cun Humberto que non era quen de superar ao seu rival e perdía por 8/11, pero aos poucos lograba realizar o seu xogo e vencía no seguinte por 11/9. O duelo entrou nunha fase de puntos de gran nivel e cun xogo moi igualado, novamente impoñéndose o serbio de forma axustada no terceiro, 9/11. Humberto volvía igualar ao gañar o cuarto por 12/10. E o quinto foi un auténtico espectáculo, cuns puntos incribles, no que Humberto dispuxo de dúas bólas de partido, pero finalmente perdía no desempate por 13/15 (0-3).

Pese ao marcador tan adverso, os xogadores do Arteal non deron o partido por perdido. André Silva enfrontábase a Ghosh, realizando un gran encontro e dominando por completo ao seu rival, logrando unha clara vitoria por tres sets a cero (11/3, 11/6 e 11/5) (1-3).

As esperanzas volvían ao conxunto compostelán, en busca do empate, tomando Enio a responsabilidade de poder acurtar distancias, aínda que para iso debía derrotar a Karakasevic.

Comezaba moi ben o primeiro set, tomando vantaxe clara no marcador, 8/4, pero houbo remontada e, a pesar de dispoñer de bola de set, finalmente perdía por 10/12. Este infortunio condicionou o segundo, no que novamente levaba o gato á auga o serbio por 6/11. O terceiro foi para Enio, 12/10, pero caeu no cuarto por 5/11 (1-4).

Con este resultado, o soño do Arteal de clasificarse para as semifinais é francamente complicado. A pesar diso, todos os xogadores comezaron xa o seu adestramento co fin de mellorar algúns aspectos do seu xogo, buscando dar a sorpresa e conseguir un resultado positivo no partido de volta, programado para o venres 18 de marzo, a partir das 18.30 horas, en Irún.