Etiquetas de Mautic

Empate para un SD Compostela B que segue líder

A xornada para os equipos de fútbol-11 da SD Compostela estivo marcada pola escasa actividade.
Os principais equipos da canteira branquiazul non puideron xogar, ben por causas derivadas da covid-19, como o caso do Sigüeiro FC ou do Cadete A, ben por ser xornada de descanso, a situación do Xuvenil A. Por iso, o único conxunto deles en liza foi o SD Compostela B, quen sumou un novo empate, o segundo consecutivo.

SD Compostela B

O Zona Vella empatou 3-3 na súa visita ao Amio, nun partido no que se adiantou pronto, pero no que tivo que remar ao contraxeito tras unha primeira metade de tolemia. Con ampla presenza de xogadores do Xuvenil A, os nosos puxéronse por diante aos seis minutos co tanto de Roi Rama. Con todo, remontarían rapidamente os locais. Axel Sánchez, capitán do conxunto de División de Honra, poñería de novo as táboas, no 36, pero volverían adiantarse os amienses ao pouco tempo. De novo Roi Rama, no 61, igualaría outra vez, poñendo o tanto definitivo a un encontro que xa non se moveu máis.

Co punto conseguido, a pesar de ter un partido menos, o SD Compostela B segue mantendo a primeira praza do subgrupo 2B da Segunda Galicia, cun punto máis que o seu inmediato perseguidor.

Entre os conxuntos que si xogaron, cuxos resultados e clasificacións aparecen en imaxe, sobresaíron os triunfos dun Cadete B e Infantil A que manteñen as súas posicións de privilexio na táboa clasificatoria.