Etiquetas de Mautic

Crónicas Canteira Fin de Semana Obradoiro CAB-SAD

1a DIV. CADETE: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro logra unha nova vitoria ante o Ensino Lugo (92-62)

O Balidea Obradoiro recibiu ao Ensino AXSC de Lugo no partido de volta, correspondente á xornada 10 da Liga Galega Cadete.
O partido comezou con bo ritmo e moita intensidade por parte de ambos conxuntos, onde o Balidea Obradoiro conseguía as primeiras vantaxes no marcador e co Ensino Lugo con problemas para atopar as súas primeiras canastras do partido.

Na metade do primeiro cuarto os locais foron capaces de mellorar a súa selección de tiro e ser agresivos de cara ao aro, conseguindo as primeiras vantaxes para rematar o período con 5 puntos ao seu favor (22-17).

No segundo cuarto, os lucenses realizaron un xogo moi agresivo e directo a canastra, con penetracións que sacaban moitas faltas aos do Balidea Obradoiro e anotando dende tiros libres. Pero os composteláns non se relaxaron e alcanzaron a súa mellor versión en ataque, anotando dende a longa distancia e atacando á canastra, chegando ao descanso cunha vantaxe de 16 puntos (49-33).

Tras o paso polo vestiarios, os obradoiristas subiron a intensidade defensiva e melloraron a contención das penetracións sen facer tantas faltas, tomando o control o partido. Conseguiron unha boa circulación de balón e atoparon tiros abertos en ataques estáticos, chegando ao final do terceiro período cun 70-44 no electrónico.

No último cuarto, o encontro seguiu con moito ritmo e intensidade, coa mesma dinámica, e a vitoria levouna o Balidea Obradoiro por 92-62.

Os parciais por cuartos foron: 22-17, 27-16, 21-11 e 22-18.

O Balidea Obradoiro visitará o Instituto Rosalía, este próximo sábado, ás 17:00 horas.

2a DIV. CADETE: Ferrecal Obradoiro

O Ferrecal Obradoiro suma unha nova vitoria ante o Basket Deza (44-81)

O Ferrecal Obradoiro conseguiu unha nova vitoria, esta vez na pista do Basket Deza.

Os obradoiristas comezaron moi forte o encontro, cun parcial de 0-23 que situaba un 4-27 no electrónico.

No segundo período, os visitantes seguiron impoñendo o seu ritmo, aumentando aínda máis as vantaxes no marcador (11-49).
O descanso non sentou ben ao Ferrecal Obradoiro e disputou un terceiro cuarto sen apenas ritmo e intensidade, no que ambos conxuntos anotaron 16 puntos.

Non cambiou a tónica no derradeiro cuarto e os obradoiristas fixéronse coa vitoria por 44 a 81.

Os parciais por cuartos foron: 4-27, 7-22, 16-16 e 17-16.

1a DIV. INFANTIL: Cenor Obradoiro

Vitoria para o Cenor Obradoiro nun partido moi complicado ante o PBB Porriño (66-75)

O Cenor Obradoiro visitou a pista do Porriño para disputar unha nova xornada de competición e conseguiu facerse coa vitoria (66-75).

O partido comezou co Porriño mandando, sendo moi agresivos na defensa sobre o balón e tamén sen el, xerando moitos problemas ao Cenor Obradoiro para circular o balón e provocando moitas perdas. Ademais, foron capaces de sacar moito proveito ás segundas oportunidades, onde foron capaces de meter 6 puntos desde o rebote ofensivo. O Obra non era capaz de chegar a ese nivel de dureza para poder competirlles.No segundo cuarto, O Cenor Obradoiro seguía sen atopar pases claros e sufrindo a presión do Porriño. Pero non baixaron os brazos. Os obradoiristas reaccionaron, melloraron a defensa en equipo e limitaron as penetracións ao aro dos locais. Tamén foi capaz de limitar as segundas oportunidades, permitíndoos correr en contraataque e atopar canastras fáciles. Os obradoiristas conseguiran recortar a diferencia no marcador a tan só 5 puntos no descanso.

Tras o paso por vestiarios, o Cenor Obradoiro ofreceu a súa mellor versión, sobre todo en defensa. Tamén atopou o seu acerto no triple (anotando tres neste cuarto). Os locais reaccionaron volvendo a cargar ben o rebote e anotando puntos de segundas opcións.

O derradeiro cuarto foi o máis igualado. Comezou mellor o Obradoiro, mantendo un xogo moi dinámico e anotando cerca do aro. Pero o Porriño foi capaz de volver ao partido aproveitando uns malos pases do Obra para correr en transición e anotar desde tripla. Os últimos minutos foron caóticos, cos dous equipos cometendo erros e imprecisións e faltas. Os obradoiristas conseguiron sumar dende a liña de tiros libres e facerse así coa vitoria nun partido complicadísimo.

Os parciais por cuartos foron: 22-16, 12-13, 14-24, 18-22 (marcador pechado a partir do minuto 4 do terceiro cuarto).
O próximo domingo disputarase o encontro de volta en Santiago, o domingo, ás 12:00 horas.

2a DIV. INFANTIL: Bahía Software Obradoiro

O Bahía Software Obradoiro lévase un partido igualado ante o CB La Salle (50-41)

O Bahía Software Obradoiro contou con 10 xogadores, entre eles o xogador de minibasket Noé Godón, debido as baixas de Tomás Chao, Hugo Fraga e Hugo Balsa.

Tratouse dun partido moi disputado de principio a fin. No inicio, os visitantes castigaban na pintura a defensa obradoirista, como durante gran parte dopartido. Os locais conseguían canastras en xogo rápido que lles permitía unha vantaxe ao rematar o parcial (14-9).

No segundo cuarto, a verticalidade dos de La Salle dáballes puntos fáciles, así como no rebote ofensivo. O Bahía Software Obradoiro non tiña demasiada produción ofensiva, máis seguían a sumar esforzos básicos, para seguir nunha liña ascendente de xogo, pese ao parcial desfavorable (21-22).

Na reanudación, os obradoiristas axustaron e melloraron a súa defensa. Nun partido moi trabado, duro e disputado, conseguían vantaxes logo de facer esforzos defensivos. Os visitantes eran capaces de seguir sumando e chegar ao último cuarto co partido igualado (38-32).

Nos derradeiros dez minutos, o Bahía Software Obradoiro mostrou o seu mellor xogo. Conseguían ter espazo en ataque para encontrar vantaxes sinxelas. Pese ao bo facer defensivo dos locais, o CB La Salle seguía castigando o aro obradoirista no rebote e en penetracións de 1×1. Ao final o Bahía Software Obradoiro levouse a vitoria, tras unha boa tarefa por parte de ambos equipos (50-41).

Por parte do Bahía Software Obradoiro xogaron e anotaron: Yago Suárez (4), Jairo Olivas (2), Héctor Blanco (14), Matteo Péndola (-), Noé Godón (3), Miguel Sobrino (13), Eloy Rodríguez (6), Martín Seoane (-), Mario Rama (4) e Lois Freire (4).
Os parciais foron: 14-9, 7-13, 17-10 e 12-9.

O seguinte partido será o fin de semana que ven na pista do Colexio La Salle para disputar o encontro de volta.

2a DIV. INFANTIL: Camiño Inglés Obradoiro Oroso

Duro encontro para o Camiño Inglés Obradoiro Oroso ante o Congalsa CBBPS que rematou con derrota (50-29)

O Camiño Inglés Obradoiro Oroso enfrontouse ao Congalsa CBBPS e non puido facerse coa vitoria (50-29).O encontro iniciouse cun nivel físico moi alto por parte dos dous equipos, que fixeron da defensa a principal arma do xogo. Os obradoiristas non eran capaces de anotar con facilidade, rematando o primeiro cuarto cun 10-5.

Durante o segundo cuarto o nivel defensivo dos locais seguiu igual de intenso, pero tamén lles acompañou o acerto debaixo do aro. Isto, xunto á falta de concentración que sufriron os composteláns, deixaron ao Camiño Inglés Obradoiro Oroso 10 puntos por debaixo no parcial.

Despois do descanso, recuperaron forzas físicas e mentais e conseguiron rematar o cuarto cun parcial de 12-10, demostrando que non hai que renderse.

No último cuarto mantívose a mesma tónica. Os obradoiristas non deixaron de pelexar en ningún momento, pero a vitoria xa tiña nome debido á ampla vantaxe (50-29).

Os parciais foron: 10-5, 17-7, 12-10 y 11-7.

A próxima fin de semana o Camiño Inglés Obradoiro Oroso veráse as caras de novo co Congalsa CBBPS, nun partido no que intentarán impoñer o seu xogo de principio a fin, sen perder a concentración e demostrando que loitan ata o final.