Etiquetas de Mautic

Crónicas canteira fin de semana Obradoiro CAB-SAD

Obradoiro CAB en O Noso Deporte

LIGA EBA: Obradoiro Silleda

Unha gran versión do Obradoiro Silleda outórgalles a vitoria na difícil pista de Porriño (69-91)

O Obradoiro Silleda visitou a complicada pista do Porriño Baloncesto Base para disputar un encontro entre dous equipos que chegaban empatados a vitorias.

Neste encontro, os obradoiristas marcaron o ritmo desde o inicio, pero no que os locais pelexaron ata os últimos minutos.
Arrincou o partido cos dous conxuntos tratando de non cometer erros e cun sólido nivel defensivo, pero aos poucos a intensidade obradoirista foi marcando o ritmo do choque e permitindo aos visitantes alcanzar as primeiras vantaxes ao seu favor.

A boa circulación ofensiva do Obradoiro Silleda permitíalles atopar tiros liberados e finalizar o primeiro cuarto dez puntos por riba no marcador.

Con todo, a partir do segundo cuarto, o Porriño Baloncesto Base aumentou a súa presenza no rebote ofensivo e logrou cortar cada intento de escapada obradoirista desde o tiro libre. Desta forma o partido mantíñase aberto, pero con dominio visitante de 32-42 ao descanso.

Tras o paso por vestiarios, os locais melloraron o seu balance defensivo e trataron de cortar o ritmo visitante alternando defensa individual cunha zona 1-3-1.

Pese ao traballo dos locais, o Obradoiro Silleda estivo moi serio en todo momento, controlando a vantaxe ao seu favor ata que no último cuarto volveron despregar a súa mellor versión ofensiva para volver ampliar a diferenza para acabar logrando unha importantísima vitoria por un 69-91 final.

Por parte do Obradoiro Silleda: B. A Nongo (4), C. Hernández (4), M. Souto (2), M. López (5), C. Taboada (2), S. Huguet (23), A. Yailo (13), M. Paz (-), J. Cal (13), S. Paz (14) e G. González (13).

Os parciais por cuartos foron: 13-23, 19-19, 19-21 e 18-28.

https://baloncestoenvivo.feb.es/partido/2220741

A próxima fin de semana o Obradoiro Silleda recibirá no seu campo, o domingo a partir das 17:30 horas, ao ULE Basket León nun encontro no que loitarán por manter a súa boa dinámica.

1a DIV. JUNIOR: Obradoiro Peleteiro

O Obradoiro Peleteiro mantén a imbatibilidade tras unha nova vitoria fronte ao Básquet Coruña (75-37)

O Obradoiro Peleteiro disputou o partido de volta fronte ao Básquet Coruña, nun encontro que estivo marcado polo claro dominio obradoirista no primeiro cuarto, e no que o Obradoiro Peleteiro sumou a súa décimo quinta vitoria da tempada.

A posta en escena dos santiagueses foi inmellorable, cunha máxima concentración e intensidade que lles facía dominar en ambos os aros e endosar un 27-5 que acabaría sendo definitivo.

Durante o segundo período os herculinos trataron de igualar ao seu rival a través dun notable aumento de intensidade. Os locais, sen o acerto inicial, mantiveron o dominio grazas ao rebote ofensivo e chegaron ao descanso cun claro 45-15.
No terceiro cuarto as diferenzas continuaron crecendo. Os obradoiristas abrían unha brecha definitiva para non dar opción a Basquet Coruña e que a vitoria quedase en Santiago.

Por parte do Obradoiro Peleteiro anotaron: Fuentes (2), Rigueiro (2), Vilar (14), Prieto (8), Gil (13), Diahame (11), Casais (17), Barral (3), Colom (5), Serra (-). Os parciais por cuartos foron: 27-05, 18-10, 22-12 e 08-10.

Na próxima xornada o Obradoiro Peleteiro visitará a pista dun dos equipos máis en forma da competición, o Basket Ferrol, o sábado a partir das 12:00 horas.

2a DIV. JUNIOR: Grupo Caeiro Obradoiro Vedra

Segunda vitoria do Grupo Caeiro Obradoiro Vedra fronte a Compañía de María (57-90)

O Grupo Caeiro Obradoiro Vedra visitou a sempre complicada pista do Compañía de María, quen chegara á segunda fase sen que ninguén conseguira gañar no seu campo.

Tras o encontro disputado entre ambos os conxuntos a semana anterior, o Grupo Caeiro Obradoiro Vedra saíu mentalizado para tratar de impoñer o ritmo máis alto posible para así dificultar o xogo dos locais.

Desde o salto inicial os obradoiristas foron capaces de marcar o ritmo desde a súa presión ofensiva, tocando liñas de pase e cunha alta presión ao balón lograron forzar perdas no seu rival e poder anotar a campo aberto en poucos segundos. Aos poucos, o Compañía de María foi logrando levar o partido ao 5×5, reducindo as transicións visitantes e competindo cada cuarto. Con todo, a gran diferenza lograda no primeiros dez minutos polos obradoiristas mantiña facía que se chegase ao descanso cun claro 25-44 ao seu favor.

Xa na segunda parte a tónica mantívose, con cada equipo loitando por levar o partido a un ritmo diferente, pero cos obradoiristas impulsando o seu ataque desde a presión defensiva e rematando por certificar un meritorio triunfo cun 57-90 final.

Os parciais por cuartos foron: 12-26, 13-18, 16-23 e 16-23.

A próxima fin de semana o Grupo Caeiro Obradoiro Vedra disputará o partido aprazado contra o C.B. Noia, o sábado ás 10:00 horas.

1a DIV. CADETE: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro vence de local ao Básquet Coruña (79-35)

O Balidea Obradoiro recibiu no partido de ida correspondente á xornada 13 da Liga Galega Cadete (grupo Norte) ao Básquet Coruña.

O partido comezou con bo ritmo e moita intensidade por parte de ambos os equipos, onde os do Balidea Obradoiro tentaban poñer un ritmo alto de xogo, pero os do Básquet Coruña defendían ben os espazos en media pista e non deixaban correr aos obradoiristas. Chegábase ao final do primeiro cuarto cun marcador de 19-8 para os locais.

No segundo cuarto, os do Balidea Obradoiro melloraron o seu traballo no rebote defensivo e eran capaces de correr o campo con boas accións de contraataque. En ataques estáticos movían ben a pelota con boa selección de tiro e acerto desde mais alá da liña de 3 puntos, chegando ao descanso con 21 puntos de vantaxe a favor dos locais (39-18).

Tras o paso polos vestiarios, os obradoiristas mantiñan a intensidade defensiva e xogaban con boa orde os seus ataques en 5×5, impoñendo o seu ritmo de xogo.

Os de Básquet Coruña non lle perdían a cara ao partido e continuaban tentando, fiel ao seu estilo, presionando en defensa a toda pista e con orde de xogo en ataque, conseguindo boas opcións de tiro e canastras en ataques rápidos. Aínda así, os do Balidea Obradoiro mantiñan o control do ritmo do partido e estiraban a vantaxe no marcador ata o 79-35 final.

Os parciais por cuartos foron: 19-8, 20-10, 22-10 e 18-7.

O próximo partido o Balidea Obradoiro viaxará á cidade da Coruña para disputar o partido de volta contra o Basket Coruña, o domingo 27 ás 17 horas.

2a DIV. CADETE: Ferrecal Obradoiro

Terceira vitoria na segunda fase para o Ferrecal Obradoiro (78- 48)

O Ferrecal Obradoiro recibiu ao C.B. Noia Autos Patiño na terceira xornada da segunda fase da Liga Cadete, un encontro igualado durante a primeira parte, pero no que os locais acabaron dominando grazas un gran segundo tempo.

Os primeiros compases do encontro mantivéronse con ambos os conxuntos sufrindo para frear o ataque do seu rival, intercambiándose canastras a campo aberto e con alternancias no marcador durante todo o primeiro cuarto. Aos poucos o Ferrecal Obradoiro foi mellorando a súa concentración e nivel defensivo, pero o bo facer dos visitantes mantiña a igualdade, chegándose ao descanso cunha lixeira vantaxe de 38-34 para os santiagueses.

A partir do paso de vestiarios, os obradoiristas deron un paso de xigante para levar a vitoria. Á súa presión defensiva uniuse agora o seu dominio no rebote en ambos os aros, cortando as vías de anotación do C.B. Noia para despegarse no último cuarto cun parcial de 24-5 e levar un gran triunfo por un claro 78-48.

Por parte do Ferrecal Obradoiro anotaron: Tomás, Pablo (19), Javi (14), Guillermo (2), Andrés, Fran (15), Carlos (2), Juan (4), Álvaro, Rubén (8) e Amil (12).

Os parciais por cuartos foron: 18-20, 20-14, 16-9 e 24-5.

A próxima fin de semana o Ferrecal Obradoiro terá xornada de descanso.