Etiquetas de Mautic

Crónicas canteira fin de semana Obradoiro CAB-SAD

Obradoiro CAB en O Noso Deporte

LIGA EBA: Obradoiro Silleda

Un coral Obradoiro Silleda suma unha nova vitoria fronte ao Ucoga C.B. Chantada (75-68)

O Obradoiro Silleda volveu ao Pavillón Cesar González Fares tras dúas semanas xogando como visitante, e fíxoo nun encontro de gran nivel contra o campión da tempada pasada, o Ucoga Seguros C.B. Chantada.

Desde o salto inicial os obradoiristas marcaron un ritmo frenético e apropiáronse do encontro, con varias triplas consecutivas e un alto nivel defensivo, endosando un parcial de 11-0 que obrigaba aos visitantes para parar o encontro.

Tras o tempo morto do C. B Chantada parecía que a dinámica se mantiña, pero os locais freáronse durante varios minutos con 15 puntos no seu marcador e fóronse ao termo do primeiro cuarto con tan só sete puntos de vantaxe.

As rotacións do Obradoiro Silleda volvían subir o nivel defensivo, tocando liñas de pase e volvendo gozar a campo aberto para aumentar a renda por riba dos dez puntos. Pero cando mellor estaban a xogar os locais, un longo parón por
problemas coa acta dixital facía que o encontro se arrefriase, algo que soubo aproveitar o Ucoga Seguros C.B. Chantada para retardar o ritmo do partido e impedir que o seu rival rompese o partido, chegándose ao descanso cun 42-26 para os obradoiristas.

Tras o paso por vestiarios, o Obradoiro Silleda volveu atopar a súa mellor versión: unha gran circulación de balón e acerto desde o triple, unido a unha sólida defensa que lles permitía anotar a campo aberto, facía que os obradoiristas alongasen a distancia poñéndose vinte e dous puntos por riba con só o último cuarto por disputarse.

Con todo, os vixentes campións non baixaron os brazos en ningún momento, aproveitando o exceso de relaxación en certas accións dos locais e atopando un gran acerto que lles permitiu reducir a distancia ata o 75-68 final.

A pesar dos últimos minutos, importante triunfo do Obradoiro Silleda cunha participación moi coral de todo o equipo.Por parte do Obradoiro Silleda: B. A Nongo (12), C. Hernández (12), M. Souto (7), M. López (2), C. Taboada (2), A. Yailo (6), M. Paz (-), J. Cal (11), F. Belo (-), S. Paz (5) e G. González (15). Os parciais por cuartos foron: 18-11, 24-15, 20-14 e 13-28.

https://baloncestoenvivo.feb.es/partido/2220728

A próxima fin de semana o Obradoiro Silleda buscará un importante triunfo na súa visita á pista do Porriño Baloncesto Base, o sábado, a partir das 20:15 horas.

1a DIV. SENIOR: Obradoiro USC

O Obradoiro USC remata a primeira fase con vitoria ante o líder, o Calvo Basket Xiria (75-61)

O Obradoiro USC xogou como local ante o Calvo Basket Xiria. O equipo local contaba coas baixas de Antón Soto, Andrés Forján, Alejandro Carrera e Gorka Arejolaleiba, completando a convocatoria o junior Marc Colom. Durante o primeiro cuarto non houbo un dominador claro do encontro, con intercambios de canastras nun e outro lado da pista. Os locais dominaban o rebote, mentres que os visitantes atopaban tiros liberados grazas ao seu dinamismo. Destaca a alta porcentaxe no triplo de ambos os conxuntos durante os 10 primeiros minutos.

No segundo período, ao Obradoiro USC arrogañáronselle as alternativas defensivas propostas polos de Xiria, que alternaba defensas individuais e zonais que lles permitiu atopar un parcial a favor para irse con vantaxe ao descanso.

No terceiro cuarto, os santiagueses solucionan a súa falta de claridade en ataque e propuxeron un ritmo máis alto de xogo, o cal foi favorecido polo acerto en tiros afastados durante os primeiros segundos de posesión. A calidade ofensiva dos visitantes permitiulles atopar canastras a través do 1×1 exterior e do acerto no triplo dos seus xogadores interiores. Chégase ao último cuarto con todo por decidir e sen un dominador claro do encontro.As perdas dos visitantes fixéronlles encaixar puntos fáciles, provocando unha desconexión que acaba decantando o partido a favor dos locais, nun partido que se volverá a repetir por partida dobre na seguinte fase da competición.

Por parte do Obradoiro USC anotaron: F. Barreiro (11), M. Gold (11), T. Álvarez (9), L. Fernández (9), F. Belo (11), C. Taboada (20), P. Pérez (2) e M. Colom (2).

Os parciais por cuartos foron: 18-15, 10-15, 23-17 e 24-14. A próxima fin de semana, o Obradoiro USC comeza a segunda fase, na cal entra en xogo unha praza para a final a catro da 1a División Masculina. O primeiro partido será o vindeiro domingo contra Seis do Nadal, no Polideportivo de Navia, ás 17:00.

1a DIV. JUNIOR: Obradoiro Peleteiro

Sólida vitoria do Obradoiro Peleteiro na súa visita a Riazor (55-83)

Meritorio partido de ambos os contendentes na pista de Riazor. Desde o inicio o Basquet Coruña mantivo un nivel defensivo que incomodou enormemente aos líderes obradoiristas, pechando moi ben o seu rebote defensivo e mantendo as vantaxes obradoiristas por debaixo dos dez puntos.

O equipo santiagués mostraba lagoas no aspecto defensivo na liña exterior, concedendo ás locais penetracións moi verticais a través das que creaban vantaxes e facíalles atopar a súa mellor versión, chegándose desta forma cun 23-34 ao descanso.

Tras o paso por vestiarios, o Obradoiro Peleteiro logrou axustar a súa defensa, mellorando no apartado reboteador e dominando o xogo a campo aberto. Está maior velocidade no xogo provocou que os obradoiristas subisen tamén o seu acerto desde o triplo, endosando un parcial de saída que obrigou ao Basquet Coruña a parar o encontro. Tras o tempo morto os locais tentaron apoiarse nunha defensa zonal para frear o ritmo, pero a defensa obradoirista estaba a ser tremendamente sólida e cun parcial de 16-2 neste cuarto lograban pechar unha nova vitoria por un 55-83 final.Por parte do Obradoiro Peleteiro anotaron: F. Fuentes (5), P. Rigueiro (3), P. Vilar (5), J. Prieto (11), B. A Nongo (19), Gil (-), P. Fernández (18), I. Sama (16), D. Diahame (5)

Os parciais por cuartos foron: 10-20, 13-14, 16-2 e 16-26.

A próxima xornada Basquet Coruña visitará a cancha de Montouto o sábado ás 10:00 horas.

2a DIV. JUNIOR: GRUPO CAEIRO OBRADOIRO VEDRA

Vitoria do Grupo Caeiro Obradoiro Vedra no seu primeiro enfrontamento contra Compañía de María (67-62)

O Grupo Caeiro Obradoiro Vedra recibiu na súa pista a un dos equipos de maior nivel do grupo, o Compañía de María, un equipo que se caracteriza pola súa alta intensidade.

No inicio do encontro os locais tiveron problemas para frear a verticalidade dos bases rivais, necesitando demasiadas axudas defensivas que abrían tiros liberados nos que o Compañía de María tivo moito acerto. Aos poucos, a defensa do 1×1 mellorou e os obradoiristas foron volvendo igualar o encontro e chegando ao intervalo cunha vantaxe de 5 puntos.
Xa na segunda parte o ataque desde fóra aos interiores visitantes foi dando resultado, castigando con faltas ao Compañía de María e obrigándoos a poñerse en defensas zonais. A zona 1-3-1 dos visitantes cortou a anotación dos locais, pero os obradoiristas seguiron mantendo un sólido nivel defensivo e foron capaces de manexar as últimas posesións para levar unha meritoria vitoria por un 67-62 final.

Os parciais por cuartos foron: 18-16, 20–17, 15–16 e 14-13.