Etiquetas de Mautic

Crónicas Canteira Fin de Semana Obradoiro CAB-SAD

Obradoiro CAB en O Noso Deporte

LIGA EBA: Obradoiro Silleda

Un gran traballo de equipo da ao Obradoiro Silleda unha importante vitoria en Valladolid (78-89)

O Obradoiro Silleda volveu xogar como visitante, esta vez ante o CB La Flecha de Valladolid, na procura dunha nova vitoria. Desde o salto inicial os obradoiristas deron mostra dunha gran coraxe e traballo en equipo que lles axudou a competir contra un gran rival e a selar unha nova vitoria no último cuarto.

Arrincou o encontro cun alto nivel defensivo por parte de ambos os conxuntos, pero con pouca claridade de fronte o aro. Os locais aproveitaban segundas oportunidades para empezar mandando no electrónico, o que provocaba que os obradoiristas parasen o encontro a só dous minutos do inicio, a partir dese momento os visitantes lograron pechar a súa zona e empezar a dominar o ritmo do partido.

O Obradoiro Silleda mantiña unha gran intensidade en ambos os lados da pista, pero a dureza dos locais e a súa falta de acerto no lanzamento exterior facía que se chegase ao descanso cun igualado 45-47.

Á volta de vestiarios os obradoiristas seguían aos poucos mellorando a súa defensa, pero ao mesmo tempo eran incapaces de transformar os seus intentos de contraataque e rebotes ofensivos en puntos, cedendo a iniciativa de novo ao C.B. La Flecha. Entrábase nos últimos minutos do cuarto co locais seis arriba no marcador e cun gran nivel de xogo, pero en lugar de virse abaixo, o Obradoiro Silleda deu un paso á fronte e deixaba todo por decidir a falta de dez minutos.

Xa no último cuarto, os obradoiristas deron o paso definitivo para pechar a vitoria, forzando perdas ao seu rival, obrigando a tomar malos tiros e circulando o balón, o Obradoiro Silleda endoso un parcial de +12 nos últimos minutos para certificar unha nova vitoria contra un gran equipo por un 78-89 final.

Os parciais por cuartos foron: 21-24, 24-23, 19-16 e 14-26. Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: N. Barreiro (4), B. A Nongo (-), C. Hernández (4), M. Souto (8), M. López (13), S. Huguet (22), A. Yailo (8), M. Paz (3), J. Cal (5), S. Paz (6) e G. González (16).

https://baloncestoenvivo.feb.es/partido/2220726

A próxima fin de semana o Obradoiro Silleda recibirá ao potente Ucoga CB Chantada, o domingo ás 17:30 horas no Pavillón municipal César González Fares de Silleda.

1a DIV. JUNIOR: Obradoiro Peleteiro

O Obradoiro Peleteiro regresa de Lugo cunha vitoria (61-79)

O Obradoiro Peleteiro comezou o encontro marcando o ritmo grazas ao seu dominio no rebote defensivo, o que lle permitía xogar acampo aberto e espremer as súas vantaxes.

Desde este momento os obradoiristas empezan a dominar o marcador, pero o Ensino deu mostra do seu alto nivel competitivo e a partir do segundo cuarto comezan a forzar faltas persoais que condicionan aos visitantes. Foron recortando distancias desde o tiro libre e, cunha defensa moito máis intensa, os locais mantíñanse no marcador durante o segundo cuarto e só o bo traballo defensivo do Obradoiro Peleteiro lles permitía chegar ao descanso cunha vantaxe de 29-43 ao seu favor.

Na continuación do encontro, os visitantes volveron dominar o xogo, sumando de novo desde o rebote e o contraataque, dando un novo salto no electrónico.

Con todo, a mediados do terceiro cuarto o Ensino volveu cambiar a cara ao encontro, forzando perdas dos seus rivais e cun gran acerto desde o triplo, os locais foron capaces de competir cada instante sen permitir que os visitantes rompesen o partido.Pero este bo facer por parte dos de Lugo non puxo nerviosos aos obradoiristas, quenes grazas a un traballo moi serio durante todo o encontro foron capaces de entrar nos últimos instantes co partido controlado e volver de Lugo cunha meritoria vitoria por un 61-79 final.

Por parte do Obradoiro Peleteiro anotaron: Fuentes (-), Rigueiro (2), Vilar (2), Prieto (23), A Nongo (12), Gil (2), Fernández (17), Sama (18), Romero (-), Diahame (3), Serra (-) e Colom (-).

Os parciais por cuartos foron: 17-27, 12-16, 10-14 e 21-22.

A próxima xornada Obradoiro visitará ao Basquet Coruña o sábado a partir das 20:00 horas.

1a DIV. CADETE: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro vence de visitante ao Instituto Rosalía (47-75)

O Balidea Obradoiro visitou ao Instituto Rosalía no partido derbi de ida entre ambos, correspondente á xornada 11 da Liga Galega Cadete.

O partido comezou con bo ritmo e moita intensidade por parte de ambos os equipos, onde os do Balidea Obradoiro collían as primeiras vantaxes no marcador, cos do Instituto Rosalía contestando con transicións rápidas que os obradoiristas non eran capaces de controlar nos primeiros compases do partido. A medida que os visitantes se reordenaban na transición defensiva, abrían unha diferenza de 9 puntos ao final do primeiro cuarto (13-22).

No segundo cuarto, os de Rosalía continuaban co seu xogo agresivo e directo a canastra con penetracións, conseguindo o seu mellor momento do partido, facendo sufrir á defensa dos do Balidea Obradoiro, que atacaba ben pero non subía o nivel defensivo, e cun triplo do Rosalía sobre a bucina antes do descanso, o marcador reflectía un 30-40 para os do Obra.

Tras o paso polos vestiarios, os obradoiristas subían a intensidade defensiva e melloraban o cerco reboteador na súa canastra, e así tomaban o control do ritmo do partido, con boas saídas en ataque rápido e boa circulación de balón para atopar tiros abertos en ataques estáticos, conseguindo un parcial de 4-12 no terceiro cuarto, que abría a diferenza a 18 puntos no seu favor (34-52).No último cuarto o partido seguía con moito ritmo e intensidade, cos de Rosalía sen perder a cara ao partido e xogando ambos os equipos a máxima intensidade ata o final do mesmo, facendo que o partido sexa moi intenso con moi boas accións de xogo para a categoría, chegando ao final do mesmo co marcador de 47-75 para os de Balidea Obradoiro.

Os parciais de cuartos foron: 13-22, 17-18, 4-12 e 13-23.

O próximo partido o Balidea Obradoiro recibirá ao Instituto Rosalía no pavillón Lorenzo de La Torre, o sábado 12, ás 16:30 horas.

1a DIV. CADETE: OCA Hotels Obradoiro Vedra

Vitoria do OCA Hotels Obradoiro Vedra ante o Estudiantes de Lugo (65-79)

O Oca Hotels Obradoiro Vedra visitou ao Estudiantes Lugo Leyma Natura.

Comezou o encontro cun intercambio de golpes entre ambos os conxuntos, pero os visitantes controlando o ritmo do partido grazas a unha mellor orde e unha defensa asfixiante a toda pista, que lles outorgaba as primeiras vantaxes no marcador, e obrigaba aos locais para parar o partido para tentar reordenarse. Chegábase ao final do primeiro cuarto 12-23 no marcador.

No segundo cuarto ambos os equipos endureceron a defensa e o transcurso do partido foi máis parello, pero con moita intensidade e cun Estudiantes manexando o ritmo de xogo, equiparando o marcador reducindo as diferenzas, chegando ao descanso con 2 puntos de diferenza para os de OCA Hotels Obradoiro Vedra (38-40).

Á volta do vestiario, os dous equipos propuxeron defensas duras cun choque de intensidade, o Obra facendo un despregamento todo o campo como na primeira parte e o Estudiantes de Lugo pechando os espazos en toda a mediapista, transcorrendo o terceiro cuarto cun parcial de 8-21 para os visitantes, o cal favoreceu para seguir en vantaxe ao Oca Hotels Obradoiro Vedra, cunha diferenza de 15 puntos ao final do terceiro cuarto (46-61).

Xa no último cuarto a dureza era máxima e as imprecisións fixeron un cuarto igualado cun marcador parcial de 19-19, pero alcanzou para manter a diferenza obtida no terceiro cuarto, sendo o resultado final de 65 a 79, para Oca Hotels
Obradoiro Vedra.

Os parciais por cuartos foron: 12-23, 26-17, 08-21 e 19-19.

O próximo encontro de Oca Hotels Obradoiro Vedra, recibirá a Estudiantes de Lugo Leyma Natura no Polideportivo de Vedra pola 12a data da Liga Galega de Baloncesto.