Etiquetas de Mautic

Julia Vaquero sube ao podio co Compos no Europeo Máster de Cross

A súa actuación sumouse a doutros compañeiros de equipo por toda Galicia

Os atletas da SD Compostela Atletismo afrontaron esta pasada fin de semana diversas citas deportivas por toda Galicia e tamén fóra da nosa comunidade. Entre todas elas, destacou a medalla de prata de Julia Vaquero no Campionato Europeo Máster, o subcampionato galego de Paula Fernández e o terceiro posto por equipos no Trail Ribeiras do Tambre.

En Ourense celebráronse os Campionatos da Xunta de Galicia Sub-18 e sub-20 de pista cuberta, onde debutaron dous dos nosos atletas: Julia Salvado (sub-18), na proba de 800 metros, obtendo o 4a posto da súa serie; e Xoán Fernández (sub-20), nos 800 e tamén coa cuarta posición da serie. Pola súa banda, na proba do 3.000 metros (sub-18) participou Yago Iglesias, que foi cuarto xeral co seu mellor tempo nesta proba, ao reducir cinco segundos a súa marca anterior, 9:17:22 (MMP).

Na fase final Xogade de Cross celebrada en Lourenzá, tamén houbo presenza branquiazul, xa que os nosos alevíns Clara López e Marcos Barcala representaron ao club nas súas respectivas probas. A cita pechouna por todo o alto a atleta Paula Fernández, logrando o subcampionato Galego da categoría Infantil Feminina.

Outra das citas importantes deste mes de febreiro son os Campionatos Europeos Máster que se están a celebrar en Braga (21/02/22 – 1/03/22), onde participan tres atletas da SD Compostela Atletismo.

Julia Vaquero acadou o subcampionato continental na proba de Cross W50 cun tempo de 33:12, subindo así ao podio 26 anos despois. Ademais, obtivo outro gran éxito en grupo, xunto con Inés Papín e Teresa Castro, ao coroarse as galegas na primeira posición por equipos.

A maiores, Emilio García participou na proba dos 8 quilómetros Cross M45, asinando un meritorio duodécimo posto. Pola súa banda, hoxe será a quenda de Amador Pena, nos 800 metros, con opcións de clasificarse para a final do mércores.

Pola súa banda, a celebración da III Edición do Trail Ribeiras do Tambre citou a un numeroso grupo de atletas da SD Compostela Atletismo nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago, despois de mobilizar a todos os participantes en autobuses ata o punto de saída do Trail, en Ponte Maceira. A carreira, de 15,2 km. e 405 metros de desnivel, atravesou as paraxes do río Tambre ao seu paso por Ames ata finalizar no citado centro.

Despois dunha saída moi rápida, que permitiu coller vantaxe aos atletas máis veloces, alternáronse zonas de paso estreitas á beira do río con sendas frondosas e pistas de paso habitual, para finalizar cunha dura subida e unha baixada moi técnica que daba entrada á meta. Foi unha excelente xornada para os intereses branquiazuis, que ademais de subir ao podio en diversas categorías tamén firmaron a terceira posición na clasificación xeral por clubs.

En homes: Javier de Dios, 1:11:52, 3o Xeral e 2o Senior; Lennon Almeida, 1:19:58, 21o Xeral e 5o Senior; Manuel Castiñeiras ,1:21:11, 24o Xeral e duodécimo Master2; Pedro Pazos, 1:21:27, 26o Xeral e 6o Master3; Juan Amigo, 1:25:54, 49o Xeral e 9o Master3; Antonio Vázquez, 1:28:32, 57o Xeral e 13o Master3; Brais Pérez, 1:31:39, 78o Xeral e 14o Senior.Pola súa banda, en mulleres, onde se acadaron máis éxitos: Elena Veres, 1:35:17, 86o Xeral, 2a Fem e 1a Senior F; Maria Tarrío, 1:42:29, 104o Xeral, 7a Fem e 3a Master2; Nuria Mejuto, 1:45:10, 114o Xeral, 9a Fem e 3a Senior; e Sonia Rodríguez, 2:00:13, 180o Xeral, 24a Fem e 11a Master2.

Por outra banda, Fran Méndez participou na dura proba Gran Trail, que se disputou este pasado domingo no Concello de Zas: V Trail da Filloa. O atleta branquiazul foi quen de completar os esixentes 43 quilómetros, cun desnivel de 2000 metros, e cruzar a liña de meta nun tempo de 5:05:49, ocal lle serviu para asinar o 13o posto xeral e o 6o na categoría Vet. M.