Etiquetas de Mautic

Fin de semana de monte para a SD Compostela Atletismo

Os montes galegos citaron aos atletas da SD Compostela Atletismo nas competicións desta fin de semana.

En primeiro lugar, o atleta do equipo branquiazul Javier Dios, inaugurou a temporada por todo o alto participando no «I Trail Sicenata Pacata», celebrado no Concello de Pereiro de Aguiar, e que rematou nunha excelente quinta posición.

Na súa primeira edición, a carreira de 17 quilómetros e 900 metros foi unha dura proba que o noso atleta culminou nun tempo de 1:32:22. Javier Dios entrou na meta na quinta posición da clasificación xeral e na terceira da categoría Sénior Masculina.

Por outra banda, unha comitiva de deportistas da SD Compostela Atletismo asistía o domingo pola mañá ao «Trail de Outes O Freixo», primeira proba do «Arousa Trail Series 2022». Unha solleira mañá, máis propia da primavera que do mes de xaneiro, acompañou a Pedro Pazos, Manuel Castiñeiras, Nuria Mejuto e Elena Veres na súa participaron nesta cita pola comarca do Barbanza, de 15,850 quilómetros.

Dende o Club Náutico de O Freixo, os participantes cubriron un percorrido de continuos sube e baixa; atravesando zonas boscosas e técnicas, para acabar culminando o máis alto do Monte Tremuzo, con escalada de rochas incluída, á metade da carreira. Despois dunha prolongada baixada por unha pista forestal, os nosos volverían adentrarse na boscaxe nos últimos
quilómetros da proba para rematar entrando á meta, de novo no porto. Unha cita fermosa, dura e técnica a partes iguais, pero que os nosos atletas gozaron de gran maneira.

Os catro cubriron o percorrido e lograron a sétima posición na clasificación por Equipos para o noso club ao firmar magníficos resultados: Pedro Pazos, segundo na categoría Machado-M (vixésimo na xeral); Elena Veres, primeira en Sacho-F (94 xeral); Manuel Castiñeiras, vixésimo noveno en Fousa-M (41); e Nuria Mejuto, sexta en Fousa-F (138).

Por último, o Compos tamén estivo representado en diversas probas da «II Xornada Atletismo en pista XOGADE», celebrado en A Pobra do Caramiñal, por medio das súas atletas África e Daniela Gil, que participaron nas competicións de lonxitude e altura, por un lado, e lonxitude e peso, pola outra, das súas respectivas categorías.