Etiquetas de Mautic

Destacada actuación da SD Compostela Atletismo en todas as categorías

A pasada fin de semana volveu a estar chea de competicións para os nosos. Divididos por toda a Comunidade, destacaron o triunfo provincial de Paula Fernández en sub14, así como os podios nas súas respectivas categorías de Nuno Costa e Javier de Dios en dúas probas clásicas. Ademais, Amador Pena participou no Campionato de Galicia Absoluto de Pista Cuberta.

O sábado pola mañá regresamos ao pinar de Cabío, nesta ocasión para participar na fase provincial do Xogade.

Nunha xornada cun tempo apracible, participamos dende categoría sub10 ata Sub14, tanto de xeito individual, con varios clasificados para a fase final que será do vindeiro domingo en Lourenzá; como por equipos, con algúns loitando polo podio. Entre todos, destacou Paula Fernández, vencedora e campioa provincial Sub14.

Por idades, tivemos a: Daniela Gil e Belén Miramontes, en sub10; a Marcos Barcala, Hugo García, Alvaro Muñiz, Xoel Otero e Abel Canal e a Clara López, Claudia Castro, Martina Rodríguez, Celia Míguez, Daniela Maceiras e Sofía Suárez, en sub12; e a Diego Muñiz, Paula Fernández, Lucía Taboada, África Gil e María Miramontes, en sub14.

Tamén o sábado, malia que pola tarde, o Compos estivo no Campionato de Galicia Absoluto de Pista Cuberta. Ata Ourense desprazouse, unha vez máis, Amador Pena para participar nos 800 metros, rexistrando 2:01.05, moi preto da súa mellor marca (récord Galego M40).

Tras dous anos de parón, o domingo regresou unha das carreiras populares máis agardadas na nosa comunidade, a Media Maratón Coruña21. Alí estiveron, como non podía ser doutra maneira, unha representación de atletas da SD Compostela Atletismo. Nuno Costa e Lennon Almedia formaron parte dos case 1.500 inscritos na XIV edición desta carreira.

Nuno completou os 21 quilómetros de distancia nun estupendo tempo de 1:07:31, entrando en meta na oitava posición da clasificación xeral, segundo da categoría Máster1. Pola súa banda, Lennon fixo o propio en 1:27:08, sendo o 192o na clasificación xeral e 57o na categoría Senior, mellorando a súa mellor marca en máis de 3 minutos.

Outra das citas deste pasado domingo foi a clásica carreira do atletismo popular de Vigo Calvario 5+5. Na súa volta ao calendario oficial, a carreira dividiuse en dúas distancias, unha de 5 km. e outra de 10 km. Alí estiveron os atletas Javier Dios, Alejandro Montero e Sindo González.

Javier Dios participou con gran éxito na distancia longa, obtendo unha excelente quinta posición xeral e subindo ao podio como segundo clasificado na categoría Senior cun tempo de 34:03. Alejandro Montero atravesou a liña de meta, tamén na mesma, distancia nun magnífico tempo de 34:48 e situouse como décimo na xeral e cuarto Senior. Por último, no circuíto curto, Sindo González asinou un tempo de 18:26, o que lle valeu un oitavo posto na xeral e un quinto na categoría Veterano A.

Os nosos atletas continúan a súa progresión e seguen traballando arreo para as vindeiras citas deportivas que os citarán nos trails de Ames e Zas, así como en diversas probas en pista.