Etiquetas de Mautic

Amador Pena sela cun bronce un espectacular Europeo Máster para o Compos

  • O alma mater do club realizou unha excepcional carreira de 800, rematando no terceiro posto e con récord galego
  • A este éxito hai que sumar a prata individual e ouro por equipos de Julia Vaquero na proba de Cross

Os Campionatos Europeos Máster disputados en Braga, Portugal, onde participaron tres atletas da SD Compostela Atletismo, deixáronos excelentes resultados para os intereses do club. Os nosos pecharon a súa participación con nada máis e nada menos que tres metais, todo un fito para a entidade branquiazul.

O último metal para a delegación compostelanista chegou o mércores, da man dun Amador Pena que realizou a súa mellor carreira de 800 metros para acabar no terceiro lugar da proba.

O alma mater da SD Compostela Atletismo acadou o martes a clasificación directa para a final, na categoría M40, por primeira vez. Con todo, non contento con iso, o mércores, pese a levar unha semana sen adestrar por molestias nas costas, logrou dar o máximo para facer a súa mellor marca, batendo o seu propio récord Galego na distancia e rompendo a barreira dos dous minutos, para deixalo en 1’59″58. Ese sensacional tempo marca outorgoulle a medalla de bronce neste campionato en terras lusas.

A maiores, cabe citar que o club xa sumara dous metais máis o pasado sábado, da man de Julia Vaquero, quen acadou o subcampionato continental na proba de Cross W50 cun tempo de 33:12, subindo así ao podio 26 anos despois. Ademais, obtivo outro gran éxito en grupo, xunto con Inés Papín e Teresa Castro, ao coroarse na primeira posición por equipos.

Por último, Emilio García participou na proba dos 8km Cross M45 e asinou un meritorio duodécimo posto.