Empate de garra para o Arteal ante o Monteporreiro

O equipo compostelán conseguiu igualar tras remontar un 2-0 e 3-1 adversos

A garra e o espírito de loita permitiulle ao ARTEAL SD COMPOSTELA lograr un empate, 3-3, no partido que disputou na matinal do domingo ante o Monteporreiro de Pontevedra, nun encontro que se lle puxo moi costa arriba, tralo 2-0 inicial para os pontevedreses.

Desde o primeiro momento, os nosos sabían que sería un partido moi complicado, xa que na ida o duelo caeu ao lado compostelán por 4-2, despois de 5 horas de partido e cuns parciais moi axustados.

O primeiro partido protagonizábano Enio Mendes e o arxentino Nicolás Galvano. Comezaba ben Enio e dominaba o primeiro set por 11/6, pero a reacción de Galvano foi importante e empezou a contraatacar, logrando impoñerse nos tres seguintes por 7/11, 11/13, 8/11 (1-0).

A continuación, Humberto Manhani tiña como rival ao hispano arxentino Martín Bentancor. O xogador do Arteal non era quen de entrar en xogo, sobre todo por non poder restar con comodidade, impoñéndose o xogador local nos dous primeiros sets por un dobre 8/11. No terceiro, Humberto lograba mellorar un pouco o seu nivel e gañaba por 11/9, pero novamente no cuarto, Bentancor lograba impoñerse e vencer por 9/1 (2-0).

Con 2-0 no marcador, quenda para André Silva contra o ruso Ilia Isakov. O xogador do Arteal deu un recital de xogo no primeiro, gañando por 11/1. No segundo, máis do mesmo, 11/6, con André atacando e non permitindo entrar no partido ao rival. No terceiro, as cousas estiveron máis igualadas, pero finalmente André impoñíase no desempate por 12/10 (2-1).

Tras abrir a lata, saltaba de novo Enio para enfrontarse a Bentancor. O xogador do Arteal comezaba totalmente descentrado e perdía o primeiro set por 2/11, melloraba no segundo, pero cando estaba 9/10 e servizo fallaba o saque e regaláballe o set a Bentancor 9/11. Tras pasar polo banco, o seu xogo melloraba e lograba impoñerse, de forma moi axustada, nos dous seguintes sets, 15/13 e 11/9. No quinto e definitivo, a sorte favoreceu de forma moi clara ao
xogador do Monteporreiro, que metía dúas bólas na esquina e dúas na rede, o que determinou o desenvolvemento do set, que levou por 9/11 (3-1).

Con 3-1 e o empate asegurado para os pontevedreses, toda a responsabilidade recaía en André, quen debía impoñerse a Nicolás Galvano se quería manter ao Arteal vivo. Comezaba moi ben o padeeiro do Arteal, dominando con claridade o primeiro set por 11/5. No segundo, dábase a volta á tortilla e era Galvano o que pasaba por encima do rival por 4/11. No terceiro, sobre todo grazas aos seus golpes de revés, chegou a réplica de André para situarse 10/8, aínda que o final
foi de infarto, xa que Galvano lograba o empate 10/10, pero dous puntos consecutivos de André dábanlle a vitoria por 12/10. E no cuarto, André tomaba vantaxe clara de inicio, pero vía como o seu adversario novamente apertaba todo ata o 10/9, pero, esta vez, cun ataque de dereita lograba pechar o partido 11/9 (3-2).

E na contenda final, Humberto enfrontábase a Isakov. O primeiro set era para Manhani, 11/9, pero o ruso, cunha táctica non moi espectacular, pero si eficiente, equilibraba a balanza no segundo, 7/11. Nese momento, apareceu o mellor Humberto, quen cun xogo moi seguro non cometía fallos, pero si provocaba os do seu rival. Con bloqueos moi activos e contraataques de revés impoñíase nos dous seguintes sets por 11/5 e 11/7 (3-3).Con este resultado, o Arteal da un paso moi importante afianzándose no segundo posto da clasificación con 7 puntos, seguido do Monteporreiro con 5, pero co average a favor.

O próximo partido será o 27 de xaneiro en Cataluña, a onde se desprazará o Arteal para enfrontarse ao líder do grupo, o Asisa Borges de Lleida.

Importante vitoria en 2ªNacional ante o CTM Milagrosa de Lugo

O sábado, nas instalacións de San Lázaro, o equipo filial conseguiu impoñerse por 4-2 a un rival directo por entrar no playoff de ascenso. Desta maneira, os picheleiros seguen no terceiro posto da clasificación e cos ollos postos no próximo derbi ante o Conxo. Partido fundamental para decidir quen xogará polo título ou pola permanencia na segunda fase da liga.