Etiquetas de Mautic

Tres triunfos e un empate nunha gran xornada para a canteira

Suma e segue o Xuvenil A con tres triunfos consecutivos e dez xornadas sen perder

Gran xornada de fútbol para os equipos da base da SD Compostela. Os principais conxuntos da canteira branquiazul sumaron tres triunfos e un empate, puntos moi importantes para acadar os seus respectivos obxectivos.

Xuvenil A

Tralo parón entre o final da primeira volta e o comezo da segunda, o Xuvenil A regresou coa mesma dinámica. Ao igual que na súa estrea na División de Honra, os nosos arrancaron a segunda metade do campionato cos tres puntos ante o Pabellón Ourense. Así, os branquiazuis acumulan tres xornadas seguidas gañando e dez sen perder.

Nos Remedios, o equipo adestrado por Rati aproveitou o solitario tanto de Iker Carril, nunha gran xogada individual na que se zafou dos centrais, tralo pase en longo de Hugo Matos, e marcou de tiro cruzado, para levar a vitoria para Santiago. Tocou sufrir no resto do encontro, pero os canteiráns compostelanistas souberon defender o resultado.

Sigüeiro FC

Nun auténtico partidazo, o mellor que se podía presenciar agora mesmo no Subgrupo 1A Norte da Preferente, Sigüeiro e Atlético Arteixo empataron 0-0 no Lino Balado. O filial compostelanista buscaba achegarse ao sólido líder, pero non foi quen de bater a súa portería. En todo caso, os nosos volveron a demostrar a súa gran fiabilidade defensiva para deixar o marco a cero unha vez máis. Cun partido menos, seguen afianzados na segunda praza.

SD Compostela B

O Zona Vella, tras non poder xogar a semana pasada por positivos no rival, regresou á Liga cunha vitoria pola mínima, 1-0, ante o Montaos, un triunfo moi importante co que arrancaron a segunda volta, xa que se manteñen no primeiro posto e cun duelo menos que os seus rivais. O gol de Daniel Arozamena, no 57, foi decisivo para manter a boa dinámica.

Cadete A

Por último, o Cadete A colleitou a primeira vitoria como visitante desta primeira fase da Liga para engancharse, cos tres puntos, aos rivais que o preceden na clasificación. Os branquiazuis, que marchan penúltimos, superaron por 0-3 ao Pabellón Ourense, cuarto clasificado, nun duelo no que demostraron unha gran solidez defensiva.

No encontro, os goles chegaron todos na segunda metade, o primeiro deles, no 56, obra de Santi Louzao. Tras aguantar a vantaxe, nos últimos minutos, Dani Noya e Diego Ares sentenciaron a contenda. Agora, o Cadete marcha a un punto do noveno e décimo e a tres do oitavo.

O resto da xornada en Fútbol 11 deixou os seguintes resultados e así marchan as súas respectivas clasificacións.