Etiquetas de Mautic

Crónicas Obradoiro CAB SAD

Obradoiro CAB en O Noso Deporte

LIGA EBA: Obradoiro Silleda

O tiro libre condena ao Obradoiro Silleda na súa estrea de 2022 en Ourense (77-75)

O Obradoiro Silleda e o Bosco Salesianos víronse as caras no primeiro encontro do 2022 no pavillón dos remedios de Ourense, tras aprazar ambos os equipos a xornada na anterior fin de semana.

O encontro comezou cun alto ritmo de xogo, pero con imprecisións por ambos os equipos. Os visitantes dominaban o rebote ofensivo, pero eran incapaces de transformar as súas continuas segundas oportunidades en puntos. Aos poucos o Bosco Salesianos ía mellorando a súa puntería desde fóra da liña de tres puntos e castigando os erros defensivos no bloqueo directo dos obradoiristas, logrando desta forma as primeiras vantaxes no marcador. Os de Santiago víanse obrigados a parar o encontro e buscar solucións defensivas ante a falta de acerto ofensivo, volvendo engancharse ao encontro, pero manténdose por baixo no marcador ao termo do primeiro cuarto.

A partir do segundo período os obradoiristas recuperaron o seu mellor nivel defensivo, forzando perdas do seu rival e mellorando a súa circulación de balón para igualar o choque nos últimos instantes da primeira parte, chegando ao
descanso cun 36-35.

Tras o paso por vestiarios, o Obradoiro Silleda volvía dominando o xogo, logrando a súa mellor versión ofensiva e adquirindo por primeira e única vez no partido, vantaxes superiores aos cinco puntos.

Con todo, os seus continuos fallos desde a liña de persoal (ata 18 erros desde o tiro libre no partido) e varios descoidos defensivos, facían que o partido se mantivese igualado e os locais entrasen no últimos dez minutos con só catro puntos de desvantaxe.

Xa no último cuarto o acerto desapareceu para ambos os equipos, as imprecisións volveron e sumáronse varios xogadores expulsados por faltas.

Chegábase ao último minuto con todo por decidirse. Os obradoiristas chegaron a dispoñer dunha última posesión para gañar ou levar o partido á prórroga, pero o Bosco Salesianos xestionou mellor os últimos segundos e certificou a
vitoria por un 77-75 desde o tiro libre.

Os parciais por cuartos foron: 19-12, 17-23, 24-29 e 17-11.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: N. Barreiro (10), E. A Nongo (5), M.Souto (14), M. López (-), C. Taboada (10), S. Huguet (21), M. Paz (2), T. Álvarez (-), J. Cal (3), F. Belo (-), S. Paz (3) e G. González (7).

https://baloncestoenvivo.feb.es/partido/2220696

A próxima fin de semana o Obradoiro Silleda recibirá no pavillón César González Fares ao Ávila Auténtica El Bulevar o domingo ás 17:30 horas, nun encontro no que tratarán de recuperar as súas mellores sensacións e volver á senda da vitoria.

1a DIV. CADETE: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro vence na pista do Santo Domingo Betanzos (69-44)

O Balidea Obradoiro visitou a pista do Santo Domingo Betanzos para disputar o partido de volta entre ambos conxuntos, correspondente á xornada 8 da Liga Galega Cadete.

O partido comezou con bo ritmo e moita intensidade por parte de ambos os equipos, onde os de Betanzos collían as primeiras vantaxes no marcador, cos do Balidea Obradoiro con problemas para atopar as súas primeiras canastras do partido. A mediados do primeiro cuarto, os visitantes eran capaces de mellorar a súa selección de tiro e ser agresivos de fronte ao aro e recuperaban a vantaxe para acabar o período con 2 puntos de vantaxe ao seu favor (16-18).No segundo cuarto, os de Betanzos continuaban co seu xogo agresivo e directo a canastra con penetracións, pero os obradoiristas expuñan unha sólida defensa, impedindo tiros con comodidade. Ademais, comezaban a dominar os rebotes en ambos os taboleiros, e abrían as primeiras vantaxes no marcador, chegando ao descanso do partido con 13 puntos de diferenza (28–41).

Tras o paso polos vestiarios, os de Betanzos apostaron por unha defensa en zona 2-3, que atascaba aos do Obra nos primeiro minutos do terceiro cuarto, pero aos poucos foron lendo os desaxustes, atopando bos tiros en boas posicións, con acerto, tanto desde o perímetro como dentro da zona, obrigando aos de Betanzos a quitar a defensa zonal.
No último cuarto o partido seguía con moito ritmo e intensidade, pero os obradoiristas, tiñan o control do xogo, dominando os rebotes e anotando desde a liña de tiros libres ante as repetitivas faltas recibidas.

Os parciais de cuartos foron: 16-18, 12-23, 12-14 e 4-14.

O próximo partido o Balidea Obradoiro viaxará a Lugo para enfrontarse ao Ensino Lugo, segundo clasificado cun balance de 7 vitorias e 1 derrota.

1a DIV. CADETE: OCA Hotels Obradoiro Vedra

Vitoria para o OCA Hotels Obradoiro Vedra ante o Básquet Coruña (87-62)

O Oca Hotels Obradoiro Vedra recibiu na súa pista a un Básquet Coruña.

Comezou o encontro cun intercambio de golpes entre ambos os conxuntos, pero os locais controlando o ritmo do partido grazas a unha mellor orde e unha defensa asfixiante a toda pista, que lles outorgaba as primeiras vantaxes no marcador e obrigaba aos visitantes a reordenarse e competir ao máximo para rematar o primeiro cuarto 19 – 09.

No segundo cuarto ambos os equipos endureceron a defensa e o transcurso do partido foi máis parello pero con moita intensidade, e cun Obradoiro manexando o ritmo de xogo para irse ao descanso cunha diferenza de 14 puntos (41-27).

Á volta do vestiario, os dous equipos propuxeron defensas duras cun choque de estilos, o OCA Hotels Obradoiro Vedra facendo un despregamento a todo ocampo como na primeira parte e o Basquet Coruña pechando os espazos en media pista. Así transcorreu o terceiro cuarto cun parcial de 25-19 para os locais, o cal favoreceu para seguir por diante no marcador, cunha diferenza de 20 puntos ao final do terceiro cuarto (66-46).

Xa no último, a dureza era máxima e as imprecisións permitiron aos obradoiristas afastarse no marcador, sacando a máxima diferenza de 25 puntos, sendo o resultado final de 87 a 62.

Por parte do Oca Hotels Obradoiro Vedra xogaron: Pérez, Sánchez , JJ, Salgado, Mateo, Rodríguez, Domínguez, Freire, Vásquez, Pena. P, Carro, A, Saavedra, Fernández.

Os parciais por cuartos foron: 18-09, 23-18, 25-19 e 21-16.

No seu próximo encontro, o Oca Hotels Obradoiro Vedra recibirá a C. B Montrove no Polideportivo de Vedra pola novena data da Liga Galega de Baloncesto.

2a DIV. CADETE: Ferrecal Obradoiro

O Ferrecal Obradoiro logra unha nova vitoria na súa pista ante o EDM Estradense (76-51)

O Ferrecal Obradoiro conseguiu a sexta vitoria da tempada, sobrepoñéndose ás baixas de última hora nun partido no que só se contaba con 6 xogadores.

No primeiro cuarto ambos os equipos entraron fríos e o ritmo de xogo era moi trabado a pesar de que os locais mostraron un gran acerto a canastra, remantando o cuarto cun 21-10 no electrónico.

No segundo cuarto os locais floxeaban en defensa debido ao cansazo acumulado, pero mantiñan unha certa fluidez ofensiva para chegar ao descanso 39-25.

No terceiro período as forzas esgotábanse por momentos e os visitantes aproveitaban con rápidos contraataques que lles fixo poñerse moi preto no marcador (53-46).No último cuarto os locais sacaron forza ante as adversidades e subiron a intensidade defensiva, o que provocou moitas perdas nos visitantes e xeraron rápidas transicións que deron puntos fáciles rompendo o resultado e vencendo por 76-51.

Os parciais por cuartos foron: 21-10, 18,15, 14-21 e 23-5.

O vindeiro mércores recuperamos o partido aprazado contra o Colexio Peleteiro, un rival que se mantén invicto.