Etiquetas de Mautic

Crónicas fin de semana Obradoiro CAB-SAD

1a DIV. CADETE: OCA Hotels Obradoiro Vedra

Vitoria do OCA Hotels Obradoiro Vedra ante o C. B Montrove (80-59)

O Oca Hotels Obradoiro Vedra recibiu no seu campo ao C. B Montrove, equipo que pelexa pola mesma posición na clasificación.

Empezou o encontro cun intercambio de golpes entre ambos os conxuntos, pero os locais controlando o ritmo do partido grazas a unha mellor orde e dureza en defensa, onde lles outorgaba as primeiras vantaxes chegando ao final do primeiro cuarto con 6 puntos de vantaxe no marcador (23-17).

No segundo cuarto o OCA Hotels Obradoiro Vedra, seguiu duro en defensa e logrou capitalizar en canastras rápidas, e así ampliaban a diferenza noelectrónico, cun bo desempeño colectivo, con moita enerxía para defender e correr transicións ofensivas (46-27).

Á volta do vestiario, os dous equipos propuxeron defensas duras cun choque de estilos: o Oca Hotels Obradoiro Vedra facendo un despregamento a todo o campo como na primeira parte e o C. B Montrove pechando os espazos en media pista presionando o balón e cortando liñas de pase. Así transcorreu o terceiro cuarto onde o local seguiu capitalizando as canastras de transición, o cal favoreceu para seguir en vantaxe no marcador conseguindo unha diferenza de 29 puntos ao final do terceiro cuarto (66-37).

Xa no último cuarto as imprecisións do equipo local e a intensidade mantida polo CB Montrove ata o final do partido fixeron que se acurtase a diferenza no marcador, chegando ao final do encontro cun 80 a 59 para Oca Hotels Obradoiro Vedra.

Os parciais por cuartos foron: 23-17, 23-10, 20-12 e 14-20.

O próximo encontro de OCA Hotels Obradoiro Vedra, será a volta contra C.B. Montrove.

2a DIV. CADETE: Ferrecal Obradoiro

O Ferrecal Obradoiro mantén o ritmo e suma unha nova vitoria (95-61)

Partido disputado o domingo na mañá máis fría do ano, que dominaron os locais en todo momento fronte ao A Robleda Basket Deza de Lalín.

O partido comezou cos locais dominando o 1X1 defensivo e o rebote conseguindo abrir brecha no marcador xa no primeiros instantes 27-9 terminaba este primeiro cuarto.

Os locais deixaron de impoñer o seu ritmo defensivo, o cal provocou que os mozos de Lalín anotaran con facilidade. Cun 24-19 terminaba este período e deixaba ao descanso un 51-28.Tras o descanso a tónica seguiu sendo a mesma: os ataques impoñíanse claramente ás defensas que, con continuos descoidos, permitían anotar a ambos os equipos (72-45).

No último período os visitantes engadiron o rebote ofensivo ao seu repertorio, provocando mais anotación nos visitantes 23-16 que deixou o marcador final nun 95-61.

Os parciais por cuartos foron: 27-09, 24-19, 21-17 e 23-16.

A próxima fin de semana repetirase o enfrontamento, esta vez en Lalín o domingo a partir das 19:00 horas.

1a DIV. INFANTIL: Cenor Obradoiro

Vitoria para o Cenor Obradoiro a domicilio na complicada cancha do Estudiantes (42-60)

O Cenor Obradoiro continuou a tempada no campo de Estudiantes. O equipo visitante chegou ao partido sen poder contar con Antonio Codesido aínda polo súa lesión muscular na perna, pero si contou cos xogadores de reforzo Anxo Tato e Miguel Sobrino.

O partido empezou co equipo de casa sendo o mellor, facendo defensas moi boas e conseguindo roubar balóns para anotar facilmente en contraataque. O Obra respondeu a partir do minuto 4 onde foi capaz de enlazar varias recuperacións de balón e anotar con mais facilidade. A capacidade do equipo para pasar e circular o balón era para celebrar, pero logo moi pouco acerto preto ao aro prohibiu o equipo sumar mais puntos ao marcador.

No segundo cuarto os dous equipos atoparon dificultades para anotar. A defensa do Obradoiro continuou sen estar moi adoitada, sobre todo a defensa de 1×1 e o traballo das axudas laterais para prohibir penetracións profundas ao aro. Pero o Estudantes foi moito máis listo cortando ás costas dos defensores para anotar canastras fáciles. O Obra continuou a súa circulación do balón, pero a súa falta de acerto desde o perímetro causou que o equipo non fose capaz de sumar moitos puntos ao marcador.No descanso o equipo falou de axustar a defensa para prestar moita máis atención á defensa das liñas de pase e defender mellor os cortes ao aro, e tentar mellorar a verticalidade ao aro.

Na volta ao partido o equipo foi capaz de mellorar en ataque, onde se mellorou a súa verticalidade cara á o aro. Pero no outro lado continuou con problemas, sobre todo no rebote, onde Estudiantes foi capaz de anotar.

O último cuarto foi claramente a favor do Obra, agora si volvendo estar sólidos en defensa e pechando ben o rebote. En ataque o equipo buscou atopar vantaxes de balón interior e foi capaz de castigar xogando o 1×1 preto ao aro.

Logo ante as axudas foi capaz de circular e atopar xogadores só para anotar canastras preto ao aro.

Ao final do partido o Obra leva unha vitoria moi traballada.

Os parciais por cuartos foron (marcador pechado a partir do minuto 4 do terceiro cuarto): 12-17, 7-13, 14-15, 9-15.

O próximo partido será contra Porriño o Sábado 28 de xaneiro ás 20:00 en Porriño.

2a DIV. INFANTIL: Bahía Software Obradoiro

O Bahía Software Obradoiro salda a súa fin de semana de dobre xornada cunha vitoria e unha derrota

O Bahía Software Obradoiro disputou dous encontros esta fin de semana.

No primeiro deles recibiu ao CB Rianxo, no encontro que estaba aprazado da primeira volta, e no que os obradoiristas conseguiron a vitoria.

No comezo do encontro os locais encontraban e aproveitaban vantaxes inicias tras bos esforzos defensivos. O ritmo de partido era frenético pero sen un grandísimo acerto, e chegábase ao segundo parcial co Obradoiro por riba no marcador (15-4).Neste novo cuarto, as rotacións do Bahía Software Obradoiro mantiveron e incluso subiron o nivel defensivo do equipo. O atrevemento en ataque axudaba a estirar o marcador, cos de Rianxo aproveitando as súas vantaxes (42-14).

Despois do descanso, os obradoiristas seguiron mellorando no seu xogo. O criterio nas transicións ofensivas ía a mellor mentres todos os integrantes do equipo seguían dando a mellor versión de cada un na pista para chegar ao último cuarto co partido decidido (58-17).

No último período, os locais traballaron a súa defensa e mantiveron un bo nivel de tensión ata o final (71-21).

Por parte do Bahía Software Obradoiro xogaron e anotaron: Tomás Chao (14), Yago Suárez (2), Jairo Olivas (2), Héctor Blanco (15), Mateo Riveiro (10), Matteo Péndola (2), Noé Godón (15), Miguel Sobrino (5), Eloy Rodríguez (2), Martín Seoane (-), Mario Rama (-) e Lois Freire (4).

Os parciais foron: 15-4, 27-10, 16-3 e 13-4.

O domingo, o Bahía Software tivo o seu segundo encontro da fin de semana, no que recibiu ao Basketdeza.

O partido comezou como ben sendo habitual. Os obradoiristas, moi metidos no partido durante todo o encontro, eran capaces de roubar balóns e ser incisivos de cara a canastra. Lalín era quen de dar resposta e chégabase ao final do parcial con igualdade no marcador (10-10).

No segundo cuarto, ambos equipos tiveron máis acerto. A presión defensiva dos visitantes provocaba moitas perdas dos locais, o que provocou vantaxes claras para Lalín. O Bahía Software Obradoiro foi quen de ir aplicando conceptos ofensivos para compartir o balón e, en consecuencia, chegar igualados ao descanso (26-29).

Na reanudación, a defensa zonal do Basketdeza permitíalles correr a campo aberto e castigar a canastra. O Obradoiro ía mellorando na defensa en estático e na saída do balón o que lle permitía ir encontrando as superioridades buscadas en ataque. A defensa dos visitantes, xunto co seu bo nivel físico, dáballe unha vantaxe clara aos Lalinenses (35-48).Lonxe de perderlle a cara ao encontro, o Bahía Software Obradoiro realizou un gran último parcial. Atrevíanse a atacar no 1×1 e de tomar os tiros liberados. Os visitantes gozaban de confianza e os Obradoiristas non conseguiron ter unha gran eficacia, pese ao bo xogo. O gran esforzo durante os 40 minutos non serviu para acercarse no marcador e Lalín acabou por levar a vitoria (54-69).

https://www.fegaba.com/competiciones/buscador-de-grupos

Por parte do Bahía Software Obradoiro xogaron e anotaron: Tomás Chao (25), Yago Suárez (2), Jairo Olivas (2), Héctor Blanco (4), Matteo Péndola (-), Miguel Sobrino (5), Eloy Rodríguez (2), Martín Seoane (-), Mario Rama (-) e Lois Freire (4).

Os parciais foron: 10-10, 16-19, 9-19 e 9-11.

O seguinte partido será o fin de semana que ven. A falta de confirmación recibirase a La Salle.

2a DIV. INFANTIL: Camiño Inglés Obradoiro Oroso

Gran actuación do Camiño Inglés Obradoiro Oroso para facerse coa vitoria na visita ao La Salle Mixto (35-45)

O Camiño Inglés Obradoiro Oroso enfrontouse ao La Salle Mixto no partido de volta levándose unha traballada vitoria. O equipo local viña de vencer a fin de semana anterior, os nosos coñecedores da importancia do encontro deron un paso á fronte para levar o partido.

O inicio do partido foi un intercambio de canastras constante por parte dos dous equipos xunto ao desgaste físico de correr por toda a pista para conseguir anotar, chegando igualados ao final do 1o cuarto.

No segundo período o esforzo grupal defensivo tivo un papel diferencial para o Camiño Inglés Obradoiro, sendo éstes os que levarían o parcial por unha diferenza de oito puntos.

Tras o descanso os dous equipos estiveron moi desacertados de fronte ao aro, converténdose nun cuarto moi físico no que destacou a defensa, polo queambos os equipos terminaron o cuarto coa mínima diferenza, colocándose o Camiño Inglés Obradoiro cunha vantaxe de 10 puntos.

Durante o último cuarto o equipo local traballou moito en defensa, colocándose a 3 puntos do Camiño Inglés Obradoiro, quen reaccionou cunha boa defensa o cal lles axudou a rematar o partido con vitoria 35 a 45.

Os parciais do encontro foron: 13-12; 4-12; 8-9; 10-12.

A próxima fin de semana o Camiño Inglés Obradoiro – Oroso verase as caras co Congalsa CBBPS de novo como visitante.