Etiquetas de Mautic

Triunfo do filial e empate do Xuvenil A

A xornada acurtada na base da SD Compostela deixounos o sexto triunfo dun Filial que sobe á segunda posición en Preferente e o empate, de novo, do Xuvenil A contra un grande da categoría.

Xuvenil A

Os branquiazuis sumaron a súa sexta xornada sen perder, co cuarto empate consecutivo, tras igualar 1-1 contra o Real Oviedo en Santa Isabel. Os nosos, que manteñen a imbatibilidade como locais, tiveron que remase ao contracorrente nesta ocasión, pero conseguiron sacar polo menos un punto.

Contra o cadro asturiano, tras unha primeira parte igualada, os visitantes puxéronse por diante no luminoso ao pouco de comezar a segunda metade. Con todo, nunha gran resposta, o Compos deu un paso adiante e conseguiu empatar no 81, mercé a un tanto de Roi Rama, que acababa de entrar ao campo. Nos últimos instantes mesmo puido caer algún gol máis para os locais.

Con este punto, os nosos seguen na zona intermedia da táboa. Agora, tentarán manter a xeira positiva na visita ao Deportivo.

Filial

Tamén cunha xeira positiva de seis partidos, aínda que no seu caso con cinco vitorias, o Sigüeiro xa conseguiu escalar ata a segunda posición do Grupo 1A de Preferente. Nesta ocasión, os nosos superaron por un claro 4-2 ao Xallas.

Un golazo de Xabi e outro de Diego Fuentes puxeron terra polo medio antes do intermedio. Xa na segunda, tras recortar distancias os visitantes, Yago e Mario, dous exxuvenís do Compos, pecharon o marcador a favor dos nosos.

Cadete A

Pola contra, o Cadete A non puido sumar nada positivo no derbi contra o Conxo Santiago, volvendo caer como visitantes. Esta vez, a contenda decidiuse cun solitario tanto dos locais.