Etiquetas de Mautic

Crónicas canteira: Obradoiro CAB-SAD

1a DIV. CADETE: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro vence de local ao Santo Domingo Betanzos (57-29)

O Balidea Obradoiro recibiu ao Santo Domingo Betanzos no partido de ida entre ambos, correspondente á xornada 7 da Liga Galega Cadete.

O partido comezaba cun ritmo de xogo moi alto por parte de ambos os equipos, onde os do Balidea Obradoiro presionaban o balón a toda pista e corría moi ben as transicións ofensivas despois de rebote ou recuperación, e así tomaba as primeiras vantaxes no marcador, chegando ao final do primeiro período 13-5.

No segundo cuarto, os de Betanzos tentaban mellorar a anotación do primeiro período sendo moi verticais á canastra en penetracións, pero os obradoiristas traballaban ben no seu sistema de axudas, obrigando aos visitantes a unhaincómoda selección de tiro, mantendo a anotación moi baixa na súa canastra ao final da primeira parte do partido (29-11).

Tras o paso polos vestiarios, os visitantes apostaron por unha defensa en zona 2-3, que atascaba aos do Obra nos primeiro minutos do terceiro cuarto, pero aos poucos foron lendo os desaxustes, atopando bos tiros en boas posicións con acerto, obrigando aos de Betanzos a quitar a defensa zonal.

No último cuarto o partido seguía con moito ritmo e intensidade, pero ningún dos dous equipos gozaba de acerto nos tiros, tanto de lonxe como en posicións próximas ao aro, cos do Balidea Obradoiro tendo o control do xogo grazas á férrea defensa, chegando ao final do partido co marcador de 57-29.

Os parciais de cuartos foron: 11-5, 18-6, 14-10 e 14-8.

O próximo partido será despois do parón do Nadal, onde o Balidea Obradoiro viaxará a Betanzos para o partido de volta entre ambos os equipos.

1a DIV. CADETE: Oca Hotels Obradoiro Vedra

Vitoria do Oca Hotels Obradoiro Vedra na súa visita a Coruña (56-74)

O Oca Hotels Obradoiro Vedra visitou o pavillón de Riazor para medirse ao Basquet Coruña no partido de volta dun enfrontamento que estivera cargado de emoción.

Empezou o encontro cun intercambio de golpes entre ambos os conxuntos, pero os locais controlando o ritmo do partido grazas a unha mellor orde e con tiros de longa distancia onde lograban as primeiras vantaxes, obrigando aos visitantes a reordenarse e competir ao máximo para rematar o primeiro cuarto cun empate a 22 no marcador.No segundo cuarto ambos os equipos endureceron a defensa, baixando o ritmo de anotación e manténdose a igualdade ata o 35-36 co que se chego ao descanso.

Á volta de vestiarios, os dous equipos propuxeron defensas duras cun choque de estilos: o OCA Hotels Obradoiro Vedra facendo un despregamento todo o campo como na primeira parte e o Basquet Coruña pechando os espazos en media pista. Os obradoiristas foron capaces de facerse donos do ritmo do partido con esta forte presión, logrando por primeira vez unha renda de dez puntos na entrada ao último cuarto.

Xa no último cuarto, a dureza era máxima e as imprecisións fixeron poder afastarse no marcador aos obradoiristas, logrando a máxima diferenza de dezaoito puntos co asubío final por 56 a 74.

Os parciais por cuartos foron: 22-22, 13-14, 9-14 e 12-20.

No próximo encontro, o Oca Hotels Obradoiro Vedra recibirá ao Basquet Coruña no Polideportivo de Vedra, para disputar a oitava xornada da Liga Galega de Baloncesto.

2a DIV. CADETE: Ferrecal Obradoiro

O Ferrecal Obradoiro cae na súa visita a Rianxo (80-37)

Xornada 7 para os cadetes do Ferrecal Obradoiro, que se disputou no municipal de Rianxo e no que os locais se impuxeron claramente, tanto no marcador como no xogo.

O Ferrecal Obradoiro empezou o partido aguantando a superioridade física dos locais, manténdose no partido pese ao maior número de posesións dos locais grazas ao seu dominio no rebote en ambos os aros. Con todo, xa no segundo cuarto os obradoiristas empezaron a cometer demasiadas perdas e a tomar malos tiros que permitía ao seu rival anotar en posicións cómodas e irse ao descanso cunha vantaxe de 36-19 no marcador.

Tras o descanso, cunha clara vantaxe para os locais, o Ferrecal Obradoiro pasou por momentos nos que non foi capaz de competir, permitindo que os de Rianxo pechasen o partido cun parcial de 26-2 neste período.Pero a falta de dez minutos por disputarse os obradoiristas sacaron todo o seu orgullo e volveron pelexar cada balón, competindo dignamente ante un rival que se demostrou moi superior, perdendo soamente por 18-16 este período, pero cedendo a vitoria con claridade por un 80-37 final.

Os parciais por cuartos foron: 16-12, 20-07, 26-2 e 18-16.

1a DIV. INFANTIL: Cenor Obradoiro

Vitoria do Cenor Obradoiro para pechar o ano co partido máis igualado do mesmo (85 – 82)

O Cenor Obradoiro recibiu ao Iberconsa Novobasket, os dous únicos equipos do Grupo Sur da 1a División Infantil Masculina que quedaban invictos, e o partido non decepcionou. Os dous equipos chegaban sen baixas, ou polo menos en canto aos xogadores, xa que os locais non puideron contar co primeiro adestrador, Dan Petts.

O partido comezou cun Novobasket conseguindo varios roubos de balón grazas á súa presión e aos erros que cometía o Obra na saída da mesma, conseguindo un 2 – 8 de parcial nos primeiros minutos.

Co paso dos minutos os locais conseguiron arranxar os seus erros ata igualar o partido, metendo moita intensidade e un ritmo alto de xogo, o que propiciou un intercambio de golpes constantes con bastante anotación dos dous equipos.

No seguinte período o ritmo aumentou aínda máis, ata un punto no cal xa era demasiado. Durante uns minutos os erros sucedíanse polos dous equipos e a tolemia conquistou o partido. As continuas precipitacións facían que o marcador deixara de ser un tanteo alto, volvendo á media da categoría. Ao descanso, o Cenor Obradoiro ía un punto abaixo, cun 34–35 no marcador.

A saída do descanso foi positiva para os obradoiristas, que xa non tiñan problemas coa subida do balón e conseguían atopar boas accións de canastras sendo moi verticais de cara ao aro. Pola contra, en defensa costaba moito frear aos vigueses, que conseguían contestar as canastras do Obra con boas accións individuais e colectivas. Comezaría o derradeiro período con empate no marcador.No derradeiro cuarto a intensidade de todo o partido fíxose notar nos dous bandos e a falta de frescura fixo ver de novo bastantes imprecisións, moitas faltas, interrupcións… Un marcador baixo neste período, que remataba cun final de infarto, cos dous equipos empatados (66 – 66), chegando así á prórroga.

Na prórroga o cansazo era aínda maior e os ataques eran lentos polos dous equipos. Non había unha presión moi intensa, pero tampouco tiros doados.

Despois destes 5 minutos extra, o partido seguía con empate no marcador (76–76), polo que foi preciso de outra prórroga máis.

Comezaba a segunda prórroga e os xogadores fixeron un último esforzo para loitar pola vitoria. E foron os tiros libres finalmente os que decantaron a vitoria para o Cenor Obradoiro nun partido que seguro recordarán xogadores e pais por moito tempo (85 – 82).

Os parciais por cuartos foron: 20 – 21, 14 – 14, 20 – 19, 12 – 12, 10 – 10 e 9 – 6.

2a DIV. INFANTIL: Bahía Software Obradoiro

Primeira vitoria do Bahía Software Obradoiro conseguida en Rianxo (45-73)

O pavillón municipal rianxeiro acolleu o partido de volta entre o CB Rianxo e o Bahía Software Obradoiro. O equipo obradoirista contaba coa ausencia de Eloy Rodríguez, pero tivo a axuda do xogador minibasket Noé Godón.

O primeiro cuarto comezou cun alto ritmo de xogo por parte dos dous equipos. Os obradoiristas saíron cun bo nivel de tensión e confianza. A defensa 1×1 a toda pista era bastante boa, o cal tamén axudou ao ataque dos visitantes, para chegar ao segundo parcial cunha renda no marcador (8-27).

As rotacións por parte de ambos conxuntos baixaron o tempo de partido. Isto, unido aos bos contraataques dos locais, facían que non se aumentase a vantaxe do Bahía Software Obradoiro ao descanso (20-39).

Na reanudación, o equipo obradoirista mantiña un bo nivel defensivo en estático e na súa saída do balón. En ataque eran capaces de solventar, inocentemente, a defensa (zonal) dos locais aplicada tras o descanso.

Chegábase ao último parcial co partido virtualmente decidido (28-55).Se ben o Bahía Software Obradoiro mantivo un aceptable ritmo de xogo todo o partido, descoidou o balance defensivo. Cunha defensa xa a media pista, foron quen de mellorar a transición defensiva e o bloqueo do rebote. Conseguiron unha vitoria que sirve como premio a súa entrega nos primeiros encontros e no día a día (45-73).

https://competiciones.fegaba.com/partido/60702

Por parte do Bahía Software Obradoiro xogaron e anotaron: Tomás Chao (24), Yago Suárez (6), Héctor Blanco (5), Hugo Fraga (7), Hugo Balsa (-), Matteo Péndola (-), Noé Godón (4), Miguel Sobrino (14), Martín Seoane (2) Jairo Olivas (2), Mario Rama (4) e Lois Freire (5).

Os parciais por cuartos foron : 8-27, 12-12, 8-16 e 17-18.

O equipo xogará o seu próximo partido o fin de semana do 15/16 de xaneiro, visitando Lalín.