Crónica fin de semana Obradoiro-CAB SAD

Obradoiro CAB en O Noso Deporte

LIGA EBA: Obradoiro Silleda

O Obradoiro Silleda logra unha nova vitoria nun partido con moi pouco acerto (64-69)

O Obradoiro Silleda visitou Segovia co obxectivo de volver á senda da vitoria, e conseguiuno e pesar das baixas de Sergi Huguet, Santiago Paz, Guillermo González e Antón Soto, pero co reforzo de Fernando Bello.

Desde o primeiro minuto os obradoiristas saíron cun gran ritmo defensivo, forzando perdas do seu rival e podendo correr, pero con moi pouco acerto, o que lles impedía lograr abrir o marcador. Aos poucos o Claret Innoporc foi subindo o nivel de contactos, castigando ao seu rival preto dos aros e dominando o rebote.

No segundo cuarto os visitantes facíanse donos do ritmo do partido, pero a falta de acerto desde a liña de tres puntos e varios erros nas súas rotacións defensivas, facían que os de Segovia volvesen reducir distancias e se fose ao descanso cun axustado 37-39.

Tras o paso por vestiarios, o nivel de contactos que se permitiu foi aínda maior, sendo moi complicado atopar accións limpas en ningún dos dous aros e manténdose a igualdade, pero cun baixo marcador.

Nos últimos dez minutos, o Obradoiro Silleda soubo adaptarse ao xogo que pedía o partido e, a pesar de seguir sufrindo para lograr un bo ritmo anotador, foi capaz de abrir por primeira vez unha diferenza de dez puntos ao seu favor grazas a unha gran defensa de equipos. Pero o Claret Innoporc non tiña pensado deixar de loitar ata o último segundo e, con varias canastras de mérito, reduciu a distancia ata poñerse a tan só dous puntos. Os obradoiristas non se viñeron abaixo e nestes últimos instantes volveron mostrar un bo nivel defensivo para pechar a vitoria cun 64-69 final.

Os parciais por cuartos foron: 20-22, 17-17, 12-11 e 15-19.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: N. Barreiro (8), B. A Nongo (9), C. Hernández (9), M. Souto (8), M. López (6), C. Taboada (2), M. Paz (5), J. Cal (17) e F. Bello (5).

https://baloncestoenvivo.feb.es/partido/2220676

A próxima fin de semana o Obradoiro Silleda tratará de poñerlle o broche a unha gran primeira volta recibindo na súa pista ao segundo clasificado, un Agustinos Leclerc co que chegan empatados cun balance de 11 vitorias e 3 derrotas.

SENIOR: Obradoiro USC

O Obradoiro USC lévase un igualado e atractivo encontro en Lugo (81-86)

O Obradoiro USC visitou o Pazo dos Deportes de Lugo para medirse a un Estudiantes de Lugo que se aventura como un dos favoritos da competición tras o seu descenso o curso pasado dende a Liga EBA.

Os lucenses mostraron nos primeiros minutos a súa calidade a través de rápidas transicións e dominando o rebote en ambos os aros, poñéndose por riba no marcador e só podendo controlar a distancia os visitantes grazas ao seu acerto no tiro exterior.

Con todo, no segundo cuarto o partido deu un xiro de cento oitenta graos. Os obradoiristas melloraron moito o seu nivel defensivo, freando os 1×1 do seu rival e facendo un gran traballo no rebote defensivo. Esta mellora defensiva permitiulles correr e anotar en poucos segundos, o que, unido ao seu gran acerto desde o triplo durante todo o encontro, axúdolles a impoñer un gran parcial no segundo cuarto para darlle a volta ao marcador e irse ao descanso cun 37-51 ao seu favor.

Tras a volta de vestiarios o partido entra nun ritmo moito máis lento, con ambos os conxuntos tendo grandes problemas para xerar boas posicións de tiro no xogo posicional, e anotando principalmente desde a liña de persoal.

Desta forma chegábase ao últimos cinco minutos co Obradoiro USC dezaseis puntos arriba no marcador, pero os lucenses comezaron a dominar o ritmo grazas a unha zona a toda pista que freaba ao seu rival. Os visitantes cometen un gran número de erros no pase e aos poucos o seu rival volve enganchar ao partido. Nos últimos instantes o Estudiantes de Lugo consegue poñerse a tan só cinco puntos, pero un serio traballo dos obradoiristas nestes momentos frea ointento de remontada e permítelles levar unha meritoria vitoria por un 81-86 final.

Os parciais por cuartos foron: 24-19, 13-32, 14-16 e 30-19.

Por parte do Obradoiro USC xogaron: F. Barreiro (12), A. Carrera (-), G. Arejolaleiba (22), A. Casais (2), M. Gold (-), L. Fernández (9), A. Forján (4), T. Álvarez (19), M. Gil (-), A. Soto (16), P. Pérez (-), M. Colom (2).

JUNIOR: Obradoiro Peleteiro

O Obradoiro Peleteiro consegue a vitoria ante o Bosco Salesianos en Montouto (79-57)

O Obradoiro Peleteiro recibiu na súa pista ao Bosco Salesianos, un equipo que se caracteriza por aproveitar moi ben as súas vantaxes no xogo, e así o demostrou desde o primeiro minuto, provocando perdas de balón aos locais e castigando o mal balance defensivo dos obradoiristas.

Os ourensáns maniataban os puntos de contraataque do seu rival, que tampouco acertaba nas oportunidades desde tiro libre.

No segundi período os obradoiristas poden correr e apóianse no pase como arma para atacar o lado de axuda do seu opoñente. Os locais logran por primeira vez unha lixeira vantaxe no marcador, chegándose ao descanso cun 39-26 que deixaba todo aberto para a segunda parte.

Tras o descanso, o partido vólvese igualar. O Bosco Salesianos, mercé ao seu xogo versátil, pon en apuros aos obradoiristas e vólvense a apropiar do ritmo do encontro. Pero, a partir da metade do terceiro cuarto, o Obradoiro Peleteiro atopa un mellor nivel defensivo e aproveita o seu xogo a campo aberto para mellorar as súas porcentaxes e ampliar a renda ata os dezaoito puntos de vantaxe. Con todo, os ourensáns non se renderon nin moito menos, endosando un parcial de 0-6 nos primeiros minutos que mantiña o partido con vida.Respondeu con determinación o Obradoiro Peleteiro, que subindo as súas liñas defensivas e atopando mellor as súas vantaxes ofensivas para volver estirar a renda ata a máxima que chegaría co final do encontro no 79-57 final.

Por parte do Obradoiro Peleteiro anotaron: Rigueiro (3), Casais (3), Vilar (4), Prieto (28), Gil (6), Fernández (13), Sama (14), Dihame (5), Colom (-) e Romero(3).

Os parciais por cuartos foron: 17-15, 22-11, 18-13 e 22-18.

A próxima semana, antes do parón de Nadal, o Obradoiro Peleteiro xogará como visitante en Ourense, repetindo rival.

JUNIOR: Grupo Caeiro Obradoiro Vedra

O Grupo Caeiro Obradoiro Vedra logra unha ampla vitoria na súa pista ante o CB Barbanza (101-22)

O Grupo Caeiro Obradoiro Vedra recibiu no pavillón municipal de Vedra ao CB Barbanza.

Desde o salto inicial o C.B. Barbanza tratou de competir, pero enfronte o Grupo Caeiro Obradoiro Vedra, con moita máis experiencia e bagaxe por parte dos seus xogadores, facía complicado que se puidese manter un partido igualado.

Nun partido no que ambos os equipos aproveitaron para traballar situacións para futuros encontros, os obradoiristas foron moi superiores en todos os cuartos e leváronse unha nova vitoria.

Os parciais por cuartos foron: 31-7, 21-5, 13-4 e 36-6.

A próxima fin de semana o Grupo Caeiro Obradoiro Vedra medirase a un complicado rival como é o ADB Fontiñas, para un encontro no que esperan recuperar a varios xogadores lesionados.

PREINFANTIL

Cafés Sabora Obradoiro Vitoria do Cafés Sabora Obradoiro na súa volta á competición (50-72)

O Cafés Sabora Obradoiro volveu a xogar despois dun fin de semana de parón e fíxoo no pavillón de Montrove.
O equipo tan só puido contar con nove xogadores (dos cales un era de categoría mini) e un deles non puido contar na segunda metade debido a unhas molestias no seu xeonllo, sumado ao feito de que durante a semana tan só puideron adestrar un día.

Estes factores fixeron que o partido comezase moi costa arriba para os obradoiristas, que non se atoparon ata a metade do primeiro período, cando perdían por 10 – 0. Os locais comezaron moi intensos en defensa, e ao Cafés Sabora Obradoiro custáballe atacar e atopar puntos sinxelos. Co paso do partido, os obradoiristas foron collendo ritmo e atopando o seu xogo, buscando apertar en defensa para poder correr ao contraataque, ata chegar a poñerse a un punto de distancia ao final do período.

O inicio do segundo seguiu a mesma dinámica. O Obra ía mellorando co paso do tempo, o desacerto en ataque dificultáballe poder abrir distancia no marcador. Aínda así, as sensacións eran cada vez mellores e a moral dos xogadores seguía aumentando. Ao descanso o resultado era de 30 – 33.

No terceiro período os obradoiristas fixeron posiblemente o seu mellor xogo durante o encontro: accións rápidas e colectivas grazas a saídas rápidas en contraataque permitíronlles seguir atopando situacións sinxelas de canastra, aínda que algúns erros (propiciados moitas veces polo cansazo) facían que os locais seguisen véndose con opcións de remontar o partido, aínda que ao final deste período a diferenza chegaba xa aos dez puntos.

Tan só quedaba pechar o partido no último período e os xogadores do Cafés Sabora Obradoiro conseguiron sacar forza de onde xa case non quedaban para poder rematar o partido cunhas boas sensacións, cunha diferenza de +22, e sacando adiante un partido complicado a base de traballo e moito esforzo.A seguinte xornada tocaralles descansar, e non será ata o 2022 cando o Cafés Sabora Obradoiro volva xogar un partido de Liga.