Etiquetas de Mautic

Vitorias solidarias en Negreira e ampla representación en Pontevedra da SD Compostela Atletismo

Unha vez xa metidos en plena tempada, a SD Compostela Atletismo volveu a ter unha fin de semana con competicións de todo tipo e en diferentes localidades da xeografía galega.

Destacaron os triunfos na cita solidaria de Negreira e a ampla representación do club na pista cuberta de Pontevedra.
O sábado os nosos estiveron na Carreira Solidaria do Turrón de Negreira, con recollida de alimentos para os servicios sociais desta vila. O resultado non puido ser mellor para os nosos, vitoria absoluta tanto en homes como en mulleres para Jose Sandá e Elena Veres. Nesta proba tamén competiu o atleta branquiazul Walter Piñeiro.

En Media Maratón, Juanito participou na XXXV edición da clásica Memorial Adolfo Ros, en Neda (Ferrol), cun tempo de 1h33’ e rematando no posto 161.

Xa o domingo, houbo representación na pista cuberta de Ourense, onde Amador volveu a probarse nos 800 metros, regresando xa aos seus mellores rexistros e pretiño da súa mellor marca, co 2’01”8. Tamén competiu Paula Fernández, nos 500 metros, gañando a súa serie con 1’27”.

Como se sentía con forzas, Amador repetiu na mesma mañá na pista de Pontevedra, nos 3000 metros, que non rematou, pero viviu de preto un feito histórico, o récord Galego e de España do Sub14 do Trega Álex Sierpes. Nesta mesma carreira participou o nosos Yago Iglesias, que rebaixaría en cinco segundos a súa mellor marca na distancia para deixala en 9’32”.

No tartán da cidade do Lérez tamén participaron nos 500 metros Marcos Barcala, Xoel Otero e Abel Canal, mentres que nos 1.500 reapareceu Antonio Vázquez, tras unha operación no brazo e rexistrando xa 5’01”, e Pedro Pazos, 5’12”.

Con todo, a sorpresa da xornada veu da man de Pedro Pazos, que debutaba no salto de altura. Tendo en conta que en Santiago non temos onde poder adestrar esta disciplina por falta de instalacións e material, acadou franquear o listón, na máis e nada menos, que ata os 1.35, con tódolos saltos limpos ata esa altura.

A maiores, tamén participaron os cativos da SD Compostela. Nos 60 sub12, con Iara Torres; e nos 500, con Irene Leis, Iara Torres, Martina Rodríguez, Sofía Suárez, Ariana Iglesias e Clara Leis.

Para a próxima fin de semanas, haberá outra competición histórica para o noso equipo, xa que, por primeira vez, a SD Compostela Atletismo participará nun campionato de menores por equipos, ao acadar clasificar as nenas sub12 para o Campionato de Pista Cuberta que se disputará o domingo en Expourense. Ademais, unha chea dos nosos estarán tamén na Sin Son e tamén noutras probas en pista.