Xornada triunfal para o Arteal SD Compostela

  • Os nosos sumaron un pleno de triunfos en tódalas categorías

Poucas veces o Compos de Tenis de Mesa puido celebrar unha xornada tan boa coma a disputada a pasada fin de semana, que se fraguou co claro triunfo do equipo de Superdivisión e que se corroborou coas vitorias en 2a e 3a Nacional e na 1a Galega.

En primeiro lugar, o equipo de Superdivisión impúxose por un claro 4-0 ao San Sebastián de los Reyes, un resultado que non reflexa a igualdade que reinou en tódolos partidos xogados. Deste xeito, os nosos dan un gran paso adiante e sitúanse no segundo posto de maneira provisional.

Dende o primeiro momento, o Arteal SD Compostela sabía que sería un partido moi difícil e o transcurso do mesmo así o confirmaba. Comezaba Enio Mendes e o ruso Andrei Baibuldin e nun máis que axustado final do quinto set, o galego vencía por 13-11, despois de 45 minutos de intercambio de golpes (1-0).

No segundo enfrontamento, André Silva tiña como rival ao internacional Rafael de las Heras. Comezaba moi mal para os intereses do Arteal, xa que André perdía de forma clara por 4/11.

Despois da pausa, o seu xogo foi mellorando e logrou remontar para vencer os seguintes tres consecutivos con parciais de 11-8,13-11 e 11-3 (2-0).

Co marcador 2-0, era a quenda de Humberto, quen tiña outro rival de prestixio, o exipcio Yousseff Mohamed. Novamente, nun partido duro polo nivel e igualado na estratexia, o da SD Compostela gañaba o primeiro 11-7, perdía o segundo 6-11, pero repoñíase a continuación, con parciais 16-14 e 12-10, nun duelo de infarto e máxima tensión.

Xa no derradeiro encontro, André e o ruso Balbuldin repetían, para o desfrute dos seareiros locais, un encontro de máis de corenta minutos, con diferentes alternativas no luminoso e no dominio do xogo. Todo se decidiu nun último set onde o ruso non estivo tan acertado no resto, o que o condenou a unha derrota por un claro 11-6 a favor de André.

Emulando aos de Super, o filial de 2a Nacional gañaba en Oleiros a un rival directo por 5-1.

Marcelino Bahamonde (2 puntos), Xurxo Rodríguez (2 puntos) e Pablo Prol (1 punto) foron os artífices do triunfo. Agora mesmo, atópase no terceiro posto e loitando para ir ao playoff de ascenso.

En 3a Nacional houbo triplete, con pleno de vitorias, situándose os tres equipos na zona media-alta da táboa. Agora, a vindeira fin de semana, tocará xornada de descanso, polo que algúns dos xogadores aproveitarán para disputar un Torneo en Ferrol.

E, por último, na 1a Galega, tamén gañou o Arteal SD Compostela, que comparte o primeiro posto conxuntamente co Top Spin da Estrada.