Empates para o Xuvenil A e o filial

A xornada nos equipos de Fútbol-11 da base da SD Compostela deixounos o triunfo dun Zona Vella que regresa ao liderado e os empates do Xuvenil A e do Sigüeiro, que afianzan as súas xeiras sen perder.

Xuvenil A

Por quinta ocasión nesta tempada, o Xuvenil A da SD Compostela conseguiu un empate contra un rival cántabro. Do mesmo xeito que fai quince días, os nosos empataron 3-3 nunha das viaxes máis longas da tempada. Con todo, nesta ocasión, as circunstancias do duelo contra o Bansander foron ben distintas.

Baixo unha intensa choiva, o partido no Campo de Villaescusa converteuse nun encontro moi aberto. Comezaron adiantándose os locais, no 4, pero grazas a un sensacional primeiro tempo, os tantos de Samu Villaverde, no 36, do pichichi Hugo Suárez, no 42, e de Iker Carril, no 45, deixaban un claro 1-3 ao descanso.

Con todo, á volta do intermedio, os locais recortaban distancias, no 49, nun penalti moi protestado polos branquiazuis. E no 60 chegaba o empate. Aínda así, puido ser peor, xa que Carlos, no 70, detivo a segunda das penas máximas das que gozou o bando local.

Con outro punto na marcadora, os nosos buscarán este sábado manter a imbatibilidade na casa contra un histórico rival, o Oviedo.

Sigüeiro FC

O filial sumou por quinta semana consecutiva tras empatar 1-1 contra o Fisterra na difícil saída ao Ara Solis. Os da Costa da Morte adiantáronse na primeira metade, pero nun gran segundo tempo, Yosi, quen está a realizar unha gran tempada, lograba o seu terceiro gol da campaña para poñer as táboas.

SD Compostela B

O filial de Segunda Galicia conseguía un novo triunfo, o segundo consecutivo, alzándose, de novo, á primeira praza do grupo. Os tantos de Antón Olveira e Guille permitíronlles aos nosos sacar os tres puntos na visita ao Touro.

Cadete A

Por último, o Cadete A non puido estrearse lonxe de Santiago e volveu caer como visitante, nesta ocasión, contra o Val Miñor e de novo por 3-0.

O resto da xornada en Fútbol-11 deixounos os seguintes resultados en imaxe e así marchan as súas respectivas clasificacións.