Etiquetas de Mautic

Crónicas fin de semana: Obradoiro-CAB

LIGA EBA: Obradoiro Silleda

Un coral Obradoiro Silleda recupera as súas mellores sensacións contra o Traumacor Culleredo (91-61)

Tras caer pola mínima no seu desprazamento a Marín a pasada fin de semana, o Obradoiro Silleda chegou ao encontro ante o Traumacor Culleredo querendo mostrar a súa mellor versión.

Desde o salto inicial os locais presentaron unha gran intensidade e concentración, endosando un parcial 7-2 de saída que sería o reflexo do ritmo que levaría o encontro. A través dunha sólida defensa e unha gran circulación de balón, os obradoiristas ían aumentando a distancia no marcador e crecendo a súa confianza.

Tras varios minutos de xogo e pese ao intento de reacción visitante, os locais atoparon o acerto exterior para lograr superar a vantaxe dos dez puntos e obrigar aos de Culleredo a parar o partido cun 21-9 no marcador.

No segundo cuarto o ritmo de partido mantívose, só retardado por momentos debido ás defensas zonais do Traumacor Culleredo, pero con moita solidariedade no pase o Obradoiro Silleda seguía marcando as diferenzas para irse ao descanso cunha clara vantaxe de 45-22.

Tras o paso por vestiarios a consigna dos locais era clara: manter un ritmo defensivo que lles permitira estirar a vantaxe e romper o partido. Pero os de Culleredo non ían vender fácil a vitoria e, con alternancias defensivas, mantiñan a distancia soñando con tratar de endosar un parcial que incomodará ao seu rival. Con todo, os obradoiristas estaban tremendamente serios e volveron atopar un gran ritmo de xogo para seguir ampliando a vantaxe e pechar a novena vitoria da tempada por un 91-61 no marcador.

Os parciais por cuartos foron: 24-13, 21-9, 25-18 e 21-21.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: N. Barreiro (20), B. A Nongo (-), C. Hernández (3), M. Souto (7), A. Soto (3), M. López (5), C. Taboada (11), S. Huguet (20), J. Cal (5), F. Belo (5), S. Paz (12) e D. Dihame (-).

https://baloncestoenvivo.feb.es/partido/2220651

A próxima fin de semana o Obradoiro Silleda visitará a pista do Universidade de Valladolid, o domingo, ás 12:30 horas.

1ª DIV. SENIOR: Obradoiro USC

O Obradoiro USC vence a un Celtas Macrocopia Foz con moitas baixas (90-28)

O Obradoiro USC recibiu ao Celtas Macrocopia Foz, equipo que chegaba ao encontro con tan só 5 xogadores senior. O equipo local contaba coas baixas de Alejandro Carrera e Gorka Arejolaleiba, sumadas á de Andrés Serrano. Completaron a convocatoria os junior Marc Colom e Miguel Gil.

O visto no primeiro cuarto foi a tónica xeral de todo o partido. A intensidade e o ritmo imposto polos locais, unidos á escasa rotación dos visitantes, provocou que o Obradoiro USC endosase un severo parcial de 18-1 a través de canastras rápidas ao contraataque e lanzamentos desde a liña de tres puntos.

Durante o segundo cuarto as porcentaxes de tiro aumentaron en ambos os conxuntos. Por parte de Foz, o bo facer de Brais Paz no 1×1 permitiulles atopar canastras tanto de tiros exteriores como dentro de pintura. Os santiagueses, pola súa banda, conseguiron dominar o rebote defensivo, podendo anotar así tiros fáciles en transición, ademais de converter tiros liberados ante a defensa en zona exposta polos visitantes.

O guión dos dous últimos períodos mantívose. O cansazo acumulado pola escasa rotación do equipo de Foz provocou que diminuísen aínda máis o ritmo do partido, permitindo ao Obradoiro USC tiros liberados desde o perímetro, chegando a lanzar 50 triplos en todo o partido e levándose a vitoria por un folgado 90-28.

Por parte do Obradoiro USC anotaron: F. Barreiro (16), M. Gil (8), M. Gold (6), A. Forján (3), L. Fernández (20), M. Colom (8), T. Álvarez (10), F. Belo (-), A. Soto (13) e P. Pérez (6).

Os parciais por cuartos foron: 18-1, 30-12, 21-12 e 21-4.

A próxima fin de semana, o Obradoiro USC desprázase ata Foz para disputar o partido de volta, que se disputará o sábado 4 de decembro ás 18:00 horas.