Choiva de trofeos e grandes rexistros nunha gran fin de semana para a SD

Nunha tarde de sábado nada apracible en Brión, a SD Compostela Atletismo sacou todo o seu esplendor e levouse a vitoria por equipos 38o Carreira Pedestre Popular da Amaía. Sobre un circuíto renovado de 5 quilómetros, máis rápido que o de anteriores edicións, os nosos remataron por diante dos equipos de Sar e de Brión.

A nivel individual, foi o compostelanista Nuno Costa o máis veloz e, por conseguinte, gañador absoluto da proba. O atleta luso rematou en apenas 15 minutos, sendo acompañado nos primeiros postos por outros corredores branquiazuis como Amador Pena, cuarto, e Jordi Carrasco, sexto. Ademais, ambos foron os vencedores das súas respectivas categorías.

Tamén entraron dentro dos seis primeiros atletas que computaban para a clasificación por equipos, Damián Espasandín, que foi 12o, Emilio García, 14o, e Iván Abeledo, 16o, os cales tamén gañaron nas súas categorías de idade.

A maiores, por orde de chegada á meta, tamén participaron Borja Cardesín, Jose Antonio Figueiras, Laureano Varela, Javier Rozados e Bartolomé Balsa, gran animador da proba.

En categorías inferiores, Yago Iglesias, desexando participar na proba absoluta, o cal non lle permitiu a Federación, cubriu os dous quilómetros da proba en pouco máis de seis minutos, para levarse unha cómoda vitoria. Tamén en Sub16, resultou vencedora Julia Salvado, no seu debut coas cores azul e branca.

Na categoría Sub12, estiveron nas primeiras posicións Lucía Taboada e Marcos Barcala, nun tramo de idade no que tamén participaron Africa Gil, Xoel Otero, Iara Torres, Hugo García e Ariana Iglesias.

En Sub10, estiveron Antón Monteagudo e Anxo Vieiro, mentres que en Sub8 subiron ao caixón Alex Pena e Ramón Monteagudo, que correron acompañados de Alvaro Couselo, Daniela Gil, Clayton García, Izan Parrado e Aldán Vieiro.

Con todo, a fin de semana competitiva non rematou aí, xa que moitos compostelanistas estiveron presentes na matinal do domingo na Coruña 10k, unha cita na que mesmo algúns quixeron dobrar trala boa experiencia de Brión.

Nuno, vencedor o sábado, mantivo un altísimo nivel en terras herculinas, baixando dos 30 minutos para facer un gran quinto posto absoluto. Outro dos que repetía era Amador, pero a este si lle pasou factura a carreira de Brión, e a partir do quilómetro 7 axudou a algún compañeiro. Gran carreira tamén para Cristian Muíño, acabando preto da súa mellor marca persoal, con 32’30”, sendo 16o.

Ademais, tamén estiveron na Coruña 10k, con moitas melloras de marcas e fantásticos resultados, Jose Sanda, con 35’42”; Manu Castiñeiras, con 37’01”; Martín Abelenda, 37’08”; Segundo Domínguez, 42’52”; Elena Veres, con 44’50”; Nuria Mejuto, 48’49”; Silvia Fernández, 53’22”; e Sonia Villar, con 53’43”.

Tamén dobrou participación Jordi Carrasco, no seu caso, entre Brión e os 15k do Atlántico (proba entre Oia e A Guarda), onde acadou nun meritorio 4o posto absoluto e 1o da súa categoría.Trala fantástica fin de semana, os nosos xa están pensando na seguinte, onde participarán en Tordoia e Lalín.