I Campus SD Compostela do Arteal SD Compostela Tenis de Mesa

  • Para nenos de 6 a 12 anos, celebrarase do 30 de agosto ao 3 de setembro

O Arteal Sociedade Deportiva Compostela Tenis de Mesa organizará, do vindeiro 30 de agosto ao 3 de setembro, a primeira edición do Campus SD Compostela. A actividade, para nenos e nenas de 6 a 12 anos, está destinada para que os pequenos queiran dar os seus primeiros pasos no Tenis de Mesa, ou perfeccionar o seu nivel.

Con prazas limitadas, celebrarase en horario matinal, das 10.00 ás 14.00 horas, estando o prazo de inscrición aberto dende xa e até o próximo xoves 26 de agosto, ou ata completar a capacidade máxima permitida.

Para inscribirse, os interesados poden facelo a través dos teléfonos 666 95 53 71 ou 622 81 70 43; ou ben no formulario web

O Campus terá un prezo de 60€ para a semana completa, ou de 17€ para xornadas soltas.

O equipo técnico estará composto por Gerusa Manhani, adestradora profesional e actual responsable da Escola Deportiva do Arteal SD Compostela TM, e Humberto Manhani, xogador profesional do equipo de SuperDivisión.

Dinámica do Campus. Nas sesións ensinaranse os golpes básicos do tenis de mesa, as regras e normativas do deporte, xogos lúdicos (con e sen raqueta) e un campionato de final de Campus, así como unha exhibición cos xogadores de SuperDivisión. Todas estas actividades levaranse a cabo co obxectivo de que melloren as súas habilidades, ao mesmo tempo que desfrutan practicando o tenis de mesa. Para iso, os participantes traballarán en grupos reducidos e adaptados por idades e niveis.

¿Beneficios do Tenis de Mesa? Gañaremos coordinación, equilibrio, concentración, reflexos, amizades e aprenderemos o deporte con mais practicantes do mundo.

Equipamento. É preciso ir en roupa deportiva , levar a raqueta (hai servicio de empréstamo para aqueles que non dispoñan dela), toalla e unha pequena merenda con botella de auga.

Protocolo covid. O Tenis de Mesa é considerado un deporte seguro por carecer de contacto e manter a distancia de seguridade. Segundo o protocolo da Xunta de Galicia e da Secretaría Xeral para o Deporte, durante a súa práctica non será preciso o uso da máscara. Con todo, unha vez fóra da mesa, SI que será de uso obrigado.

Acto de presentación. A presentación deste I Campus SD Compostela tivo lugar na Sala de Trofeos das Oficinas da SD Compostela coa presenza de Pablo Lois, coordinador das categorías Inferiores do Arteal, Gerusa e Humberto Manhani e Ramón Castro, responsable das relacións institucionais da SD Compostela.

“Froito do convenio recentemente firmado, este Campus queremos que sexa un punto de inflexión da historia do Arteal para facer un chamamento masivo á afección en xeral e, especialmente, aos fillos e fillas dos seguidores do Compostela”, explicou Pablo Lois.